Manifestación en Ribadavia en xaneiro de 1980 |
Como un
xa vai virando décadas é quen de lembrar un líquido efervescente, de aspecto
turbio, que servían en moitas tascas do Franco compostelán durante a década dos
setenta do século pasado; tiña exquisitas propiedades vomitivas e era quen de
erguer dores de cabeza tan intensas como algunha das aulas ás que tiñamos que
asistir. Eran os anos setenta do outro século. Dicían que era Ribeiro. Seica, comentábase,
naquela rúa santiaguesa vendíanse máis litros daquela beberaxe ca do viño que
se podía producir nos vales do Miño e do
Avia. A dicir verdade, había excepcións, nalgunhas servían viño.
Tamén,
por razón de acumulación de quinquenios, tivemos oportunidade, contra o remate
daquela década, de facer de clac do Aristóbolo Quinteiro, o Tobo das Regadas, nalgúns
mitins da prolongada campaña contra o matute, argallada polas Comisións
Labregas. Ao Tobo tiven a fortuna de volvelo ver en dixital, como se ve agora a
xente, no magnifico curto documental As regadas. Life in a
disappearing village (2018) de
Aidan Hamell. Por certo que o Tobo, como o meu amigo Perfe, do Crecente baixomiñoto,
e a mesma dona Emilia, son case abstemios, pero nada repugnantes. Dona Emilia
deixou escrito un fermoso artigo no que dá conta dunha visita a Bordeos, por mor dunha especie de congreso
literario, no que como convite “por espacio de cuarenta y ocho horas
recorreríamos los chais, sin otro
intervalo sino el indispensable para almorzar, comer y dormir”. No percorrido a
Bazán tivo que enfrontarse á cata do produto de 51 bodegas. Argallou de todo,
dende botarlle xeo ante a expresión horrorizada dos comensais ata guindar o
viño ao chan con oportuno disimulo. Non deixaba de lamentarse dona Emilia de
que non estivese no seu lugar alguén que o tivese en “mayor estimación de la
que yo le otorgo, porque prefiero el agua”[1]. A estes gustos “augados”
de dona Emilia tense achegado o profesor Barreiro Fernández e máis Patricia
Carballal[2].
Sen a
perspectiva temporal non é doado percibir a eficacia das mobilizacións sociais.
Estou convencido de que o cambio radical e o prestixio actual do Ribeiro non
sería posíbel sen aquelas prédicas do Tobo e sen aquela manifestación dos primeiros
meses dos ano oitenta, e, por suposto, sen a acción dos colleiteiros que con
agarimo recuperaron as vellas castes e axeitaron o seu cultivo e elaboración ás
novas técnicas.
Pelexos de viño |
Mais a
cousa viña de longo. Na madrugada do sete de xaneiro de 1913 chegaron á estación de Ribadavia dous vagóns cargados de
pelellos de viño, procedentes de Burgos, en concreto de Roa de Duero. Alí presentáronse
o alcalde e o delegado de sanidade, así como o presidente da sociedade agraria
de Ribadavia, Emilio Gómez Arias[3], e dous vogais da mesma. Informáronse
de que o viño tiña como destino a casa de Antonio Fernández “O pataqués”, na
Esperela (Leiro), e que dende alí sería transportado a Prado (Lalín) a un
almacén propiedade de Ignacio Fernández González. O alcalde de Ribadavia
comunicoulle ao de Leiro que vixiase que non se enviase como Ribeiro e demandou
do inspector de sanidade certificación da súa pureza.
Ponte da Esperela en Leiro |
Por
estrada, transportados en carros, saíron camiño da Esperela os pelellos. Á
altura de Beade, xuntáronse un “numerosísimo” grupo de homes mulleres e nenos
de Esposende, Vieite e Beade e picaron os pelellos derramando o seu contido. O
almacenista Ignacio Fernández González, veciño de Vilaverde (Leiro), acudiu á
garda civil de Ribadavia para denunciar que lle querían estragar unha gran
cantidade de pelellos que transportaba en carros. Cando chegou a garda civil
atopouse con que os veciños xa furaran os pelellos de oito carros e botáranse sobre
os cinco que acababan chegar coa intención de facer o mesmo, como así fixeron, ignorando
as advertencias da benemérita. Esta tivo que se retirar “al ser ya de noche,
sin haber verificado detención alguna”, por consideralo imprudente “dada la
enorme concurrencia y la excitación de ánimo que reinaba”.
Dous
días despois, a veciñanza dos arredores (Esposende, Vieite, Leiro, Gomaríz, San
Clodio,...) presentáronse en Beade con bandeiras e músicas para felicitar os que,
como as autoridades non tomaban medidas para evitar o fraude, o impediron polos
seus propios medios. Foron 130 os pelellos rachados que acadaban un valor de
8.500 pts[4].
Santa María de Beade |
A
cousa non parou aí. Tres días despois os veciños de Feás (Boborás), ante a
chegada dunha partida de viños casteláns que despois se venderían como Ribeiro,
“en compactos grupos”, duns catrocentos homes, “dando gritos subversivos” en contra
dun “traficante que se dedica a este negocio”, e “arrojando bombas de dinamita”,
entraron nos locais onde se gardaban viños “extraños a esta comarca”,
derramándoo e inutilizando cubas, bocois e outros aparellos para facer as
mesturas. Os “amotinados” dirixíronse despois á Almuzara onde fixeron o mesmo e
tomaron dirección ao Carballiño coa idea de destruír os almacéns de viño para
que servise de escarmento.
Segundo
os gaceteiros, as xentes do Carballiño están “alarmadas” ante a proximidade dos
“revoltosos” que seguen a empregar a dinamita e en especial porque os
“amotinados lancen ciertos gritos subversivos, que no guardan ninguna relación
con la campaña de los vinos falsificados”.
Nos
núcleos de poder saltaron as alarmas. Todos eran a reclamar o envío de gardas
para conter as xentes ribeirás. A garda civil concentrouse no Carballiño, onde
se enviaron números do resto da provincia, agás dos postos do Ribeiro, de
Pontevedra e Vigo. O gobernador civil, José Corral Larre, que se atopaba en
Madrid, reuniuse con urxencia co ministro de gobernación[5] que o mandou decontado
para Ourense coa orde de aplicar a lei con rigor. Na madrugada do día 12 Adolfo
Merelles[6], deputado do distrito de
Ribadavia, desprazouse a Ourense para reunirse cun delegado gobernativo, dar
conta de como estaban as cousas no Ribeiro e prever as consecuencias da manifestación
prevista para ese día na que, coidábase, poderían participar unhas 8.000
persoas. O deputado liberal considerábaa improcedente e imprudente por non
contar co permiso pertinente e censurou os sucesos de Beade por ilegais,
desmentindo que el os inducira. Merelles considera un grave problema o dos
viños adulterados polo que asegura que presentará a cuestión nas Cortes, aínda
que un repaso por riba ao diario de sesións non nos permitiu localizar ningunha
intervención súa ante o pleno.
Vía crucis de Beade |
O precipitado regreso do
gobernador, o despregue de garda civil e a presión sobre os alcaldes do partido
de Carballiño e Ribadavia foron calmando os ánimos dos colleiteiros e coutando
a avaricia dos almacenistas, pero nin moito menos rematou cos matuteiros. O
ministro liberal Alba anunciou a persecución do fraude e castigo para as
persoas de relevo, verdadeiros promotores do conflito, segundo el, pero que
nunca se accedería á pretensión de crear un dereito aduaneiro para os viños de
Castela[7].
[1] “Por las bodegas” en Los lunes de El Imparcial, Madrid. 2 de setembro de 1895
[2] Barreiro Fernández, X.R. e Carballal
Miñán, P. (2004): “El vino en la obra de Emilia Pardo Bazán” en La tribuna, Cadernos de estudos da casa museo Emilia Pardo Bazán, nº2.
[3] Emilio Gómez Arias, adegueiro, secretario
municipal e avogado. Presidiu os agrarios de Ribadavia, enfrontados cos de
Basilio Álvarez, entre 1912 e 1914, cando se celebraron a IV e V asemblea
agraria na capital do Ribeiro. Xefe dos liberais e recadador de votos para
Adolfo Merelles Martel.
[4] O negocio debía ser pingüe se calculamos en 40
litros por pelello; os 130 serían uns 5.200 l., se o valor era o indicado, unhas
8.500 pts, serían sobre 1,6 pts/l. Na altura o viño do Ribeiro pagábase entre
50 e 60 pts por moio de 8 olas mais dous litros; isto é, 130 l.; polo que
sairía a 2,6 pts./l.
[5] Santiago Alba Bonifaz (1872-1949). Un dos máis destacados dirixentes liberais e, na altura,
ministro no segundo goberno do conde de Romanones
[6] Adolfo Merelles Martel (1883-1962), deputado polo
distrito de Ribadavia entre 1910 1914 polos liberais. Concorreu durante anos ás
elección sendo derrotado polos candidatos bugallalistas. Fillo de Adolfo
Merelles Caula, deputado por Ourense ou por Ribadavia entre 1869 e 1910 e neto do
deputado polo Carballiño, Domingo Antonio Merelles, que ademais de ser alcalde
de Santiago, senador e gobernador civil de Ourense, fora vogal da Xunta
Superior Provisional de Goberno de Galicia presidida por Pío Rodríguez Terrazo
en 1846. O fundador da saga, aínda que natural de Avión, estableceu a súa
residencia no pazo da Porteliña, en Beariz.
[7] As informacións están tiradas de exemplares de
entre 10 e 14 de xaneiro de 1913 de Diario
de Pontevedra, Correo de Galicia,
Diario de Galicia, Noticiero de Vigo e La voz de la verdad.
Ningún comentario:
Publicar un comentario