venres, xaneiro 29, 2021

Un segredo de familia? Polo Avieiro de dona Emilia (28)

Pedro Antonio Quiroga
co uniforme da Real Maestranza de Ronda.
Óleo sobre lenzo 67x56 cm.; s/d e s/s.
Último cuarto do s. XIX. Casa-Museo de EPB


 Nesta especie de “revival” de dona Emilia tanto por mor do de Meirás como do centenario da súa morte, publicáronse días atrás, na prensa de Madrid, diversos artigos xornalísticos que repetían os lugares comúns sobre a escritora. Sentenciaban que tivera que escoller entre o seu marido e a literatura. É a media verdade dun relato construído no que José Quiroga, Pepe na familia, e Pepito ou Pepiño para dona Emilia,  sae mal parado; debuxado como como un home feble de carácter, e ao mellor algo máis, incapaz de dominar a súa muller. Tamén esta, presentada como unha mullerona, unha mandarica, unha cabeza viril en corpo de muller, como chegaron a dicir dela algúns dos seus masculinos colegas de pluma,  a quen nada a detiña con tal de acadar o desexo de ser escritora e estar presente nos medios públicos, tampouco sae moi beneficiada.

Que se dedicase a escribir nunca foi ben visto nin polos parentes aristocráticos nin polas amizades burguesas “comme il faut”. Aquilo de expoñerse en público era rebaixarse. Que fose unha estudosa e divulgadora de poesías católicas, de  Francisco de Asís ou o Padre Feixóo, era permisíbel como afección, como “un que lle imos facer”; mais cando a cousa virou cara ao naturalismo, gorentando ser escritora profesional envolvida en polémicas por novelas arriscadas, converteuse nunha excentricidade para a súa clase e nun perigo para a reputación familiar e do marido. Vamos, nunha tolitates; aínda que iso si, condesa e rica, católica e española.

Teño a sensación de que o matrimonio, claramente no caso de Pepiño pero tamén no de Emilia, foi vítima do estrangulamento por dous cabalos desbocados cada un para o seu lado, o dos Quiroga e o dos Pardo Bazán, encirrados por mor das disputas económicas familiares. A escritora, máis afouta, tirou para adiante; el achantou, quizais polo peso insoportábel dun segredo de familia. A historia faina quen a transmite, nin Pepiño nin os Quiroga o fixeron, pola contra os Pardo Bazán sepultáronnos con moreas de papeis, e ben escritos, aínda que non levasen a sinatura de dona Emilia

Sabemos, como anota Isabel Burdiel[1], que as desavinzas matrimoniais viñan de lonxe, tanto polos litixios económicos e a educación dos fillos como por ese apracíbel xeito de ver a vida de Pepe que aspiraba a ser un bo ebanista e non unha rutilante estrela, aínda que iso supuxese conformarse con ser “cabeza de rato”, en palabras de dona Emilia.

Segundo o relato consolidado dende a biografía de Bravo Villasante[2], o de Banga non foi quen de soportar a hostilidade das amizades de clase e a presión familiar, alporizados todos pola leada argallada arredor  dun mollo de artigos, xa publicados, arrexuntados baixo o título de La cuestión palpitante (1883), que viña botar sal na ferida aberta tanto por unha “deficiente lectura” de La tribuna (1882) como pola escandalosa descrición do parto da miserable cigarreira. Segundo a primeira biógrafa de dona Emilia, esta marchou a Roma onde falou cun cardeal sabio que a tranquilizou porque no seu libro non había nada de malo e ninguén a ía excomungar. Episodio escuro.

José Quiroga Pérez de Deza
co uniforme da Real Maestranza de Ronda.
Óleo sobre lenzo. Joaquín Vaamonde 1895


Bravo Villasante describe a Pepe Quiroga como “bondadoso y retraído”, “propenso al abatimiento” e “con tendencia a la reconcentración”, polo que se veu abaixo tras un baile social, do que non se coñecen detalles, organizado pola futura condesa. Seica subiu as escadas ata o estudo da muller e prohibiulle seguir escribindo. Máis ben diriamos que se veu arriba. Aí rematou o matrimonio daquel home ao que Álvaro das Casas retrataba como “lo que se dice un buen hombre, asistía puntualmente a misa, repartió buenas limosnas, perdonaba las rentas en los años malos, conversaba con los más humildes y sabía tener en alta estima a los más pobres. Amó apasionadamente a sus hijos y si no gustó otros amores bien sabe Dios que suya no fue la culpa”.[3]

Mais a separación do matrimonio Quiroga-Pardo Bazán foi de xestación lenta. Poderiamos dicir que a razón argüída a partir da biografía de Bravo Villasante non só non foi a única, senón que, quizais, nin fose a máis importante. Chama a atención que un episodio tan crucial na vida dunha escritora tan exposta ao público e tan debullada polas hostes pardobazanianas siga tan envolto en sombras; sobre elas deitou luz intensa o “grupo de investigación La Tribuna”[4] ao facer públicos unha serie de documentos que permiten mesmo arriscar interpretacións.

Unha semana despois do baile, o 1 de maio de 1884, a petición do marido e do pai da escritora, redactouse un borrador de disolución conxugal que concedía ampla liberdade á esposa para administrar os seus bens, publicar e exercitar os dereitos de autores e editores. Pouco máis era posíbel na altura. Mais José Quiroga retractouse. Diriamos hoxe, todo ficou nunha “nube”, nun discreto acordo que ambos respectaron. Non foron tan discretos os continuos ruxe-ruxe que circularon entre as elites burguesas da Coruña. Procurou Emilia a distancia e pouco despois de asinar o prólogo de El cisne, setembro do mesmo ano, iniciou unha viaxe a París, sen fillos, nin pais, nin por suposto marido, que alimentou os “dicires”. O documento de separación non se protocolizará ata 1890, cando falece o pai de Emilia e esta, filla única, herda.

Mais, como  comentamos, o asunto viña de lonxe. A morte de Pedro Antonio Quiroga, en Banga, en xaneiro de 1875, desatou as tensións acumuladas entre as dúas familias. Entra a casa de Banga e a do Carballiño debeu estar a parella eses meses, pois non é ata finais de febreiro dese ano cando Emilia lle escribe aos pais dicíndolles que se van para Santiago e despois para a Coruña.

José Quiroga como artista
na capa da revista La semana.

Dille o pai de Emilia a un amigo en carta de abril de 1875: “los padres de Pepe me ofrecieron hacerlo enteramente igual en fortuna a su hermano”. Podemos considerar esta carta de amizade como un borrador da extensa misiva, agresiva e durísima, que lle enviará a dona Mariquiña con data  6 de xuño de 1875. Aquel ofrecemento que os pais de Pepe lle fixeron no momento de arranxar o matrimonio foise adiando, segundo o conde, polas argucias de dona Mariquiña e do primoxénito Eduardo; el nada reclamou polos sentimentos de Emilia, da súa nai e o creto de home honrado que tiña don Pedro. Pasaron os anos amosándose a clara preferencia que tiñan polo fillo maior ata o punto, segundo don José Pardo, de quitarlle un coche a Pepe porque a aquel se lle antollara ou gastar seis mil duros, sendo xente avara por natureza, nunhas eleccións para que Eduardo fose deputado, sen entusiasmo por unha idea nin sequera por lucirse pois nin soubo defender a súa nai cando esta foi maltratada en pleno parlamento. Varias veces, continúa relatándolle o conde ao seu amigo, lle dixen a Emilia que xa era hora de lembrarlles aos seus sogros o cumprimento do prometido, pero foise deixando, por un ou outro motivo, sempre coa oposición de Pepe que se irritaba ao considerar que se poñía en dúbida a honradez do seu pai ou que agravaría a súa saúde. O verán antes de morrer, don Pedro achegouse ata a Coruña e preparouse un borrador, pero este sempre estaba acompañado de quen poñía obstáculos. Parecía que todo ficaba arranxado; pero curiosamente, cando Pepe e Emilia non estaban, recibiu unha carta de Mariquiña dende o Carballiño dicíndolle que o gobernador de Ourense a informara dunha orde de embargo contra Pepe por mor das súas actividades, e das de Emilia, na terceira carlistada. O conde interprétao como unha manipulación de Mariquiña e Eduardo para que don Pedro seguise adiando o modificación do testamento e, cando se prestou a xestionar o asunto en Madrid, recibiu aviso dende o Carballiño de que xa estaba arranxado. Pardo considera que disto nada lle dixeron ao enfermo. Tras a morte do seu home, Mariquiña afirma ignorar que o defunto testase e recupera o documento de 1852, no que se “funda un ridículo vinculo” a favor de Eduardo, e acende os ánimos de José Pardo. A viúva comprométese a facer unha novas escrituras pero acaba cedendo ás presións de Eduardo como tamén o fai Pepe que é home de honor e delicadeza “a pesar de pertenecer a esta desdichada familia”, quen lle deu o poder á súa nai que o deixará “a pie y descalzo” e  “despreciado y rebajado”, pero a seu irmán  “lo dejará en coche y con medios de perder buenas onzas en los garitos”. Emilia, dille o conde ao seu amigo, continuará acompañando o seu marido, pero a min cústame moito ver diante a esta “detestable familia”.

A tensión recruaríase co nacemento de Jaime (1876), primeiro fillo de Emilia, ao considerar esta e o conde que lles corresponde defender os dereitos do rapaz. O enfrontamento xa non acougaría, nin co nacemento das outras dúas fillas. 

Mesa realizada por José Quiroga.
Casa Museo EPB

Don José Pardo Bazán non deixara de remoer na resposta, expresada con nitidez nun comentario ás partillas de Pedro Quiroga no que tamén figuran anotacións da escritora, á pregunta “¿Qué móvil impulsa, pues, a la Sra. Viuda de Quiroga para preferir el hijo que la deshonra al que es una feliz excepción de toda su familia? No lo sabemos aún hoy ni con ello podemos acertar, y solo un secreto de familia puede explicar satisfactoriamente este singular fenómeno que hace tiempo fija tenazmente nuestra atención”.

Era Pepe Quiroga como o Perucho de Los Pazos de Ulloa? No contexto só se pode entender, como apunta o “grupo de investigación de La tribuna”, que José non fose fillo natural de don Pedro ou de dona Mariquiña.



[1] Burdiel, I. (2019): Emilia Pardo Bazán. Madrid:Taurus

[2] Bravo Villasante, C. (1962): Vida y obra de Emilia Pardo Bazán. Madrid: Revista de Occidente

[3] Das Casas, A. (1935): “La casa de Banga” en El pueblo gallego, 12/9/1935

[4] Formado por Xosé Ramón Barreiro, Ricardo Axeitos Budiño, Oatrica Carballal Miniñio e Jacobo Manuel Caridad Martínez. Reprodúcese a transcrición dos documentos aos que nos referimos en “Aportaciones a la biografía de Emilia Pardo Bazán. La crise matrimonial (1875-1884) en La tribuna. Cadernos de estudos da casa museo EPB, nº6, 2008, p. 71-127

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario