luns, febreiro 20, 2023

A catástrofe do “Prestige” na literatura nas “lecturas poéticas” da Mini



Amigos e amigas

    Hai uns catro meses cumpríronse dúas décadas de cando o mar de Baiona, e o de case todo o país, ennegrecía como no peor dos pesadelos. Un petroleiro partía en dous e vertía nas nosas costas preto de 80.000 toneladas de petróleo cru, causando unha das maiores catástrofes ecolóxicas da historia e unha máis na longa lista das acontecidas nas nosas costas. Daquela ergueuse a vontade dun pobo ao berro de “Nunca mais”. Tamén ecoou o desastre na nosa literatura.

    



    Sobre estes ecos, falaranos a profesora Camiño Noia, de longa traxectoria como docente e investigadora, que foi, ata a súa xubilación, catedrática de Lingua e Literatura galegas da Universidade de Vigo.

    Camiño Noia fará un percorrido pola produción poética e narrativa producida pola catástrofe do Prestige, comentando algún dos libros que se refiren ás circunstanciais previas e posteriores a rotura do petroleiro e lerá poemas sobre a cuestión.

    A achega da profesora Noia completarase coa lectura de poemas emerxidos daquel desastre por parte de Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier R. Baixeras e Manuel Forcadela.  

    Será o sábado 25 de febreiro e comezará ás 12.15h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura “A Mini” abrirá as súas portas ás 12h.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Se vos presta. Agardamos por vós.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Camiño Noia, podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario