domingo, agosto 06, 2017

Exhibición inmoral

O avión de don Olegario en Peinador
Cando eramos uns mozotes pillabamos algún Dyane6, ou algún  2Cabalos, e por aquelas estradas inzadas de curvas, xestas e toxeiras subiamos cara ao  Suído, non para empoleirarnos na Fonte do Avia, aló aos novecentos metros, na parroquia de Nieva, no concello de Avión, senón por motivos musicais. Parabamos na parroquia que nomea o concello, aínda que ás veces subiamos ata Amiudal, outras chegabamos a Beariz ou baixabamos a Magros.

De Avión fuxiron, entre 1950 e 1970, máis de dúas mil das súas escasas almas, a metade delas sen zapatos, dicía meu pai, para inzalo de sucursais bancarias, se non lembro mal coido que chegaron a ser catorce nos anos oitenta. Beariz, máis cativo en xente, perdeu neses vinte anos a metade da poboación. Uns e outros navegaron cara a México para traballar na hostalería, en tendas de mobles ou rexentando eufemísticas “casas de baños”. Algúns fixeron fortuna, outros nin chica; algúns ficaron alí para sempre, nunha terra na que, daquela e hoxe, a vida non ten moito valor se non tes con que protexela.

Subiamos, como dicía, para escoitar, no campo da festa, a Los Satélites dun lado e, cando estes paraban, á París de Noia que estaba enfronte; íanse relevando durante toda a noite e animándoa para pouco máis de dous centos de persoas; daquela aínda había xente. Completabamos a escena uns cantos miróns que gustabamos de escoitar música en directo e que non fose de banda.

Na altura comentábase que un daqueles mexicanos moi ricos fixera un campo de golf á beira do chalé. Non lembro o apelido, pero debía coincidir con algún dos que anda estes días polas encostas do Suído. Dicíase tamén que a avoa do millonario americano seguía a manter unha ou dúas vacas que botaba a pacer no campo de golf porque lle daba pena que se estragase aquela herba tan xeitosa; o malo era que as touras facían de ventre e derramaban o coidado tapiz verde e logo, seica,  a pelotiña branca non rodaba ben. O coidador da herba apuraba os tratamentos para o enceto de agosto, que era cando viñan os mexicanos xogar; a vella a botar as vacas e o xardineiro a queixarse e a berrarlle; e as risas polas tirapuxas a estenderse polo lugar.

Daquela, que eu saiba, publicábanse as listas dos grandes éxitos musicais pero non se facían rankings entre os mais ricos, nin nos tiñan informados desas carreiras por acumular millóns que teñen entre eles. Seica, estes días, un que vén como un foguete, adiantou a varios e púxose na cabeza do pelotón no que figura en lugar de destaque un tal Carlos Slim que veu  a xogar ao golf non sei, pero ao dominó si, nas faldras da beira ourensá do Suído. Sábese  porque as imaxes  do avión particular en Peinador, da partida no bar e dos persoeiros no xantar do aniversario da muller dun dos Vázquez Raña, o Slim afirmou que non podía fallarlle a “doña Gela”, reproducíronse con insistencia en toda caste de xornais dixitais ou impresos. Seica foron xantar ao Barazal de Maside, nunha coidada paisaxe salvaxe, dicía algún medio madrileño; outro, do mesmo sitio, asegurou que o mexicano se hospedaba no “cortijo” de don Olegario.

Tanto isto de “doña”, como o de “don”, lémbrame algo do cine, pero non sei que...

O que non sabía era que o presidente da Xunta tivese relación familiar ou de amizade como para convidalo a unha celebración tan particular. Ou será doutra caste a relación?.

Que sería da avoa? Con ela debeuse ir a sensatez. Ficou o exhibicionismo inmoral.


Xoves, 3 de agosto de 2017

sábado, agosto 05, 2017

Tempo estragado

Salvador Dalí: La persistencia de la memoria. Óleo/lenzo. 24x23 cm. MoMA, NYC
Non sei lle pasa a moita xente. Ao mellor é una impresión subxectiva, mesmo pode ser que sexa una teima sen sentido. Pero teño a sensación de que os de abaixo, a xente do común, a mocidade arrasada polo precario e escaso emprego, frustrada polas promesas incumpridas, as persoas dependentes da pensión, as familias que teñen que recorrer aos bancos de alimentos, as que ficaron sen casa ou sen aforros, os campesiños que quedaron sen granxas ou sen explotacións agrarias, os autónomos forzados a clausurar as pequenas empresas ou comercios, os anoxados coa burlesca prepotencia dos depredadores, os desenganados pola representación fraudulenta, os que loitaron contra as ditaduras, as esquerdas múltiples e diversas, as culturas e nacións negadas... estragaron a grande oportunidade. Non me refiro só ao caso español, nin sequera ao sur europeo, senón ao continente da ilustración e ao planeta.

A oportunidade de poñer bridas ao cabalo desbocado das “augas glaciais do cálculo egoísta” (Marx), da apropiación da riqueza por uns poucos, do exterminio da xustiza, da laminación da igualdade de dereitos entre as persoas, do “non futuro”, do nihilismo adolescente, da trampulleira confusión entre liberdade e latrocinio, do mundo que perverteron Thactcher e Reagan, das ideas que perverteron Clinton, Blair, Schröeder e González, da esperanza pervertida polo sovietismo burocrático e a trapela de arremedar a permisividade coas “cen flores” en que non importe a cor do gato con tal de que cace ratos.

A oportunidade de acelerar a crise da sociedade da liberdade consumista consagrada á  variación constante de produtos, modas e opinións, de competencia, de éxito individual e desprezo da solidariedade. A posibilidade de coutar o estado de guerra mundial permanente, da depredación do planeta, de xogo de superpotencias.

Sinto, oxalá erre, que esas posibilidades, durante un tempo  esvaéronse pola permanente incapacidade das esquerdas plurais e diversas de superar a súa propia historia; uns por nostalxia dun modelo que fracasou; outros por incapacidade para recoñecer que os seus dirixentes se pasaron ao bando contrario; uns por poñerse, outros por non quitarse.

Volvendo máis preto. Os do centro por non ser quen de comprender que nada de malo ten a recomposición do mapa de Europa occidental, como aconteceu na oriental nos anos noventa, sempre que sexa  democraticamente, e confirmar, unha vez máis, as nosas sospeitas de que o federalismo de inspiración liberal-progresista ou de esquerdas non foi nunca máis alá de ser un conto de fadas, unha fantástica lenda para engaiolar periferias, e nunca comprendeu a necesidade de esgazarse da matriz monárquica para competir co nacionalismo español conservador. As dúas veces que o intentou (1873, 1931) fracasou. Agora nin o intentou.

Só a pequena burguesía e as clases populares catalás manteñen a esperanza ergueita. Serán quen?.

Mércores, 2 de agosto de 2017


venres, agosto 04, 2017

Meirás ou a proba do algodón

Incendio no Pazo de Meirás, 1978
Hai unha reacción extrema da dereita extrema enquistada entre os  podrecidos. Cal é a razón deste encabuxamento?.

Sábeno ben. Cuestionar a propiedade de Meirás é iniciar o proceso, cando menos de debate, sobre o latrocinio cometido non só pola familia Franco, os militares golpistas e as tramas civís de apoio, senón sobre unha práctica xeneralizada de roubo, leva, quita, saca, furto, apropiación, desfalco, despexo, espolio, subtracción, estafa... das propiedades tanto das emerxentes elites republicanas, familias de clase media profesional ou empresarial, como de traballadores ou campesiños que non só foron perseguidas, castigadas, asasinadas, senón tamén desposuídas das súas propiedades fosen estas casas, terras, xoias, mobles, roupas, pipos de viño, xatos ou vacas, porcos ou galiñas...

Podemos imaxinar os adxectivos que queiramos para cualificar a depredación sobre os “outros”, os “rojos” os “derrotados”. Podemos imaxinar obxectos a roubar. Nin así nos decatariamos da dimensión. Quizais fose exemplar resumo: pasear un home e arrincarlle os dentes de ouro. Os anos e os “seus” encargáronse de “legalizar” as usurpacións realizada polas novas elites medradas ao abeiro da ditadura e polas vellas que a auspiciaron.

Por iso non se trata de expropiar unha propiedade, pois non é lexitima, supoñendo que o dereito á  propiedade fose algo máis que un ideoloxema da burguesía capitalista; trátase de restaurar a propiedade a quen a adquiriu, reconstruíu e arrombou , que foron as pesetas, xoias, terras e traballos mal pagos de miles de persoas atemorizadas unhas, forzadas outras e unhas cantas interesadas. Non se trata de mercar un pazo para incorporalo ao patrimonio público, senón de devolver o roubado.

O caso de Meirás é a proba do algodón da “superación” do falsario e eufemístico “trauma da guerra civil”. A reclamación da devolución debería ir acompañada da apertura de reclamacións sobre as propiedades roubadas, da anulación dos procesos militares ilexítimos e ilegais como fixo, xa sei que sen capacidade xurídica,o Parlamento de Cataluña, e a derrogación da perversión da Lei de Amnistía de 1977 que de servir para poñer en liberdade os presos antifranquistas pasou a converterse nunha lei de punto final para exculpar os asasinos, os represores e os xerifaltes da ditadura.

Para que non se apague ningunha memoria farei todo o posíbel para poder acompañar o Francés do Porriño e os demais familiares dos asasinados que o próximo domingo ás 7.30 estarán na inauguración do Monumento Memoria Histórica Volta da Moura, no último lugar de resistencia das forzas democráticas aos militares sublevados.

Martes, 1 de agosto de 2017


Mortes ocultas

Rubio Rojas. El suicidio de Marat.
Óleo/lenzo 19.69x15.75
Acaba de publicar o IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia) o informe anual de 2016 Lin algunha referencia agachada nalgún xornal. Pódese consultar.

No seu informe o organismo forense chama a atención sobre o número de suicidios: “nestes últimos 5 anos, nunca diminuíu dos 300 casos, estando cerca dos 400 no ano 2014, e arredor dos 350 nos anos 2012, 2013 e 2016. As mellores cifras son as de 2015, pero inda así falamos de cifras moi altas. Para darnos conta da magnitude do problema, cabe dicir que  neste último ano as mortes por suicidio  foron 2,44 veces superiores ás mortes por accidente de tráfico”.

Cifras estarrecedoras, ignoradas con reiteración, ou ocultas?. Mentres os datos sobre os accidentes de tráfico, non pretendo desdramatizalos, reitéranse nos xornais e telexornais, mesmo en anuncios cun forte impacto emocional, en indicacións nas estradas, con abundante presenza de gardas de tráfico, con ameazas e multas contundentes, pola contra o máis absoluto silencio cobre vergoñento as mortes suicidas. Non digo que cumpra anuncialos. O efecto funciona, pero si que fronte aos abundantes, nunca serán excesivos, medios empregados para reducir as mortes por accidente de tráfico, apenas se dedican recursos á prevención do suicidio; mesmo nin se fala desa dura realidade que vai máis alá das cifras porque supón o fracaso de proxectos de vida, pero tamén dunha sociedade que non só non é quen de ofrecer e dar respaldo a eses proxectos, senón que recorre á ocultación, ao disimulo, ao encubrimento, ao finximento,  a consideralos casos raros de persoas especiais, xa que recoñecelos sería admitir o fracaso dun modelo social baseado no individualismo, na competición feroz e na desconsideración co fracaso.

Lembremos os datos absolutos de 2016, 349 vítimas de suicidio, estarán todas?, fronte a 143 por accidentes de tráfico. Hai dez anos, en 2006, xa eran elevados, foron 295 casos pero en 2014, os suicidios foron 394, case cen máis. Suicídanse menos as mulleres que os homes e o maior número concéntrase na franxa de idade de entre 35 e 64 anos e despois entre as persoas que superan os 65 anos.

Poderíanse facer moitas interpretacións a partir destes datos, pero xa as fixeron sociólogos, psicólogos e psiquiatras ao longo de moitos anos. Só queriamos acordar.


Luns, 31 de xullo de 2017

martes, agosto 01, 2017

Tarde en Morgadáns

Morgadáns non é só a parroquia máis extensa do concello de Gondomar,mesmo durante moito tempo a máis poboada, senón tamén a cabezalla do Val. Tivo sempre unha identidade propia, por iso é unha das nove Entidades Menores ou pedanías do noso país: Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo, antes Lavadores), Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Porriño), Pazos de Reis (Tui), Queimadelos e Vilasobroso (ambas de Mondariz); nas terras do ribeiro do Avia fica Berán, agora do concello de Leiro aínda que antes pertencera a Beade).

    Cando foi a primeira división municipal, en 1820, coa revolución liberal, Morgadáns foi concello durante os tres escasos anos que durou o réxime liberal. Na distribución municipal de 1836 quedou integrada en Gondomar, mais a veciñanza pretendeu recuperar o estatus perdido e o 28 de xaneiro de 1844 os veciños das parroquias de Chaín e Morgadáns solicitaron a segregación de Gondomar e a constitución dun novo concello con capital en San Roque. Argüían que tiña 300 veciños (isto é sobre 1.200 persoas) que sumados aos 140 de Chaín eran suficientes, e ademais a capital do concello quedáballes moi afastada. A proposta non se tivo en consideración.

A petición dos veciños, a Entidade Local de Morgadáns  ficou constituída por resolución do concello o 20 de maio de 1932. Mais non funcionou como tal ata xullo de 1955. Hoxe os tempos non parecen aconsellar segregacións administrativas, quizais o máis axeitado sexa todo o contrario, mais na estela histórica do galeguismo non deberiamos deixar de reclamar, e concretar, que as parroquias conten con competencias xurídicas, institucións axeitadas,  e os recursos precisos,  moitos máis dos que ten na actualidade a Entidade Local.

    Onte, sábado, foi festa en Morgadáns, na honra da Nosa Señora do Libramento. Ben se sabe que nestas vellas terras de Turonio as xentes son moi avogosas das virxes do bo parto.

Mais ese día, uns cantos espíritos laicos, científicos e enxebres acudimos ao convite xeneroso de Fernando e Ita no seu fermoso recuncho,nos Padróns, na vella casa labrega restaurada e embelecida polas súas sensibles mans durante dúas décadas. Acudimos gozosos ao seu chamado a mesa posta,  lume manso e viños entremesturados para que as horas fosen fuxindo en camaradería e fraternidade mentres as conversas non eran quen de arranxar o mundo pero si de deixálo ben encamiñado.

Cando o sol se anicaba por tras das Cíes fómonos despedindo, coma sempre aos poucos, co compromiso de repetir o ano que  vén. Por ningún de nós ha quedar. Foi unha tarde agradable.

Domingo, 30 de xullo de 2017


As augas glaciais do cálculo egoísta

A frase é de Marx.  Badiou emprégaa como unha especie de retrouso no seu último libro (La verdadera vida. Un mensaje a los jovenes. Malpaso, Barcelona, 2017). A fermosa expresión de Marx recórdanos que é un magnifico escritor e non só o que desentrañou os mecanismos de apropiación do capital, da  extracción da plusvalía,  e a ideoloxía que o sustenta, a alienación. Os seus textos teñen un gran valor literario, agochado pola intensidade das súas propostas analíticas; algo semellante pasa con Freud, a quen lemos con intensidade o contido da súa obra e desatendemos a melodía literaria oculta nas súas páxinas.

Que o filosofo francés é un dos grandes pensadores contemporáneos é cousa sabida. Con este libriño, co que só pretende “corromper” (en sentido socrático) a xuventude e argüír razóns polas que debe cambiarse “necesariamente” o mundo, deixa de ter discusión. Un libro platónico, ou mellor socrático, se o que tomou cicuta chegase a escribir algunha vez, a corrupción que pretende Badiou, como Socrátes, nada ten que ver co diñeiro, o sexo ou o poder, senón coa “verdadeira vida”, en palabras de Rimbaud, que non sempre está presente pero nunca está totalmente ausente; aínda que existe unha “falsa vida”, “unha vida estragada”, a reducida por todos os medios á pura e simple satisfacción.

A xuventude ten dous “inimigos internos” que a cominan a afastarse da “verdadeira vida”. O primeiro é o “que podría llamarse la pasión por la vida inmediata, por el juego, por el placer, por el instante, por una melodía, por una aventura, por una fumada de mariguana, por un juego idiota”. O segundo é “la pasión por el éxito, la idea de convertirse en alguien rico, poderoso, con buena posición (...) de hallar un buen lugar en el orden social existente”. Os dous inimigos exprésanse na paixón por queimar a vida e na paixón por construíla. Queimala equivale ao “culto nihilista por lo inmediato”, construíla, “un culto conservador de los poderes existentes”. Por iso hai xuízos tan contraditorios sobre a xuventude, para uns marabillosa, para outro terríbel.

Alain Badiou
Considera Badiou que a xuventude actual, cando menos en Occidente, é máis libre. Xa non se lle impoñen ritos simbólicos de iniciación e, agora, valorase menos, “infinitamente menos”, a vellez. A sociedade está invadida polo denominado “xovenismo”, unha especie de inversión do antigo culto aos vellos plenos de sabedoría; a ideoloxía do “xovenismo” como ideoloxía da publicidade comercial, impregna a sociedade que toma os mozos como modelo; renúnciase á sabedoría da vellez a cambio de aferrarse á  xuventude, comezando pola do corpo, por “estar en forma” como imperativo de quen envellece, “Hay que ser joven y permanecer joven”. Quizais tamén, cando menos en aparencia, exista unha menor diferenciación de clase entre a xente nova ao desaparecer a distancia evidente entre os mozos que cursaban estudos longos e os que non; probablemente existan outros abismos, marcados agora por diferenzas de orixe, de lugar de residencia, de relixión, de costume, de certos hábitos de vestido; quizais estas diferenzas sexan máis profundas, pero son menos formais.

Hoxe ser novo non é tan malo como antes, é máis ben unha oportunidade. Pero non é tan sinxelo. Primeiro, porque a ausencia de ritos de iniciación expón os mozos a unha especie de “adolescencia infinita” e xa que logo á  dificultade de regular as paixóns das que falamos e ademais implica algo que é o mesmo pero á inversa, a puerilización dos adultos, a súa infantilización que se correlaciona co poder do mercado, pois a vida é xa a posibilidade de comprar, de mercar xoguetes.

Cando había unha iniciación simbólica a xuventude estaba “fixa”, agora está “errante”, non coñece as  barreiras, está desorientada e a pouca valoración da vellez provoca un medo á  xuventude “que o acompaña como unha sombra”, sobre todo na xuventude popular: A situación correlaciónase coa falta de traballo; porque ter traballo era a última forma de iniciación, por iso a mocidade, sobre todo nas grandes urbes, é considerada como un  problema. Hai tamén diferenciacións entre as manifestacións estudantís afastadas por completo das revoltas brutais dos mozos das cidades.

Escribe  Badiou. “Quizá  podamos afirmar que las evidentes nuevas libertades de la juventud demuestran que ya no estamos en el mundo de la tradición. Sin embargo, también advertimos que esta situación plantea problemas que, en su mayoría, aun no están resueltos, ni para los jovenes ni para los ancianos. Los primeros son errantes y generan temor, mientras que los segundos no son valorados y terminan en instituciones con el único fin de morir “en paz””.

“Aquí les propongo una idea militante. Sería muy justo organizar una gran manifestación para crear una alianza entre los jovenes y viejos, dirigida contra los adultos actuales”(...) “Parece que en la actualidad la juventud debe saltar, como en el salto del burro, por encima de la edad dominante, esa que va en promedio de los treinta y cinco a los sesenta y cinco años, para constituír con el pequeño núcleo de los viejos rebeldes, de los no resignados, la alianza de los jóvenes desorientados con los viejos inquietos de la existencia. Juntos , impondríamos la aperturas del camino de la vida verdadera.”

Regresaremos na procura da vida verdadeira.

Sábado, 29 de xullo de 2017


Unha historia por escribir

Andamos a rememorar nomes eufónicos. Os meus tíos eran Arsenio, Francisca e Virxilio ; meu pai Serxio. Por suposto a estes dous últimos dicíaselles en castelán, cun sonoro son oclusivo. Non sei onde os foran procurar, os nomes. Como en tantas outras cousas tamén nisto se impoñen as modas. Sabémolo ben os que durante anos tivemos que nomear miles de adolescentes e aprendemos a localizalos por quintas en función das series de televisión, dos cantantes e futbolistas, das actrices e famosas ou mesmo de tímidas mudanzas na  hexemonía cultural como foi o caso da galeguización dos nomes. Claro que o nome dos meus tíos maternos tampouco eran moi frecuentes; un Teófilo e outro Félix.

Arsenio seica ten orixe no grego en referencia á enerxía do varón, aínda que a min sempre me soou a francés; como indubidabelmente, Virxilio, dende o bacharelato, lembrábame heroes troianos, alegres pastores e ledos labregos. O nome do meu pai soábame a ruso, aínda que seica ten unha confusa orixe latina e fai referencia a protexer ou gardar que foi o que o meu pai fixo comigo. Na banda materna, Teófilo seica vén do grego e podería referirse á  condición de amado de deus ou o que é o mesmo a todo crente, e Félix, o noso enxebre e frecuente Fiz, é aquel que se sente afortunado.
Os nomes, digamos que normais, deixáronllos ás mulleres, Francisca e Luísa, miña nai, que sobreviviu, para fortuna dela e nosa, a todos os demais.

Esta relembranza  vén, en parte, por mor dun libriño do que xa falamos dedicado a un toliño que inzou as paredes compostelás de crípticas mensaxes no que o amigo Antón Seoane achegou unhas breves liñas sobre a revolta de Conxo cando, escribe Suso de Toro, no mesmo libro, “un equipo de psiquiatras novos decretaron que o ar libre era medicina tamén”.

Daquela, andabamos, por dicilo un tanto eufemisticamente, estudando. Iso si, cando nos deixaban tempo as citas de seguridade, a distribución da propaganda, os saltos e carreiras, as reunións clandestinas, a elaboración de carteis, as asembleas de curso, de facultade, de distrito, algún que outro peche e as eternas sesións de proselitismo que lle endosabamos a quen collésemos por diante.

Dicía que nese tempo libre sabiamos tamén, os alumnos de Psicoloxía, na altura Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, e outra xente achegada, que Franco Basaglia afirmaba que a loucura era unha enfermidade resultante da marxinación económica e lideraba un amplo movemento intelectual e político que logrou a paulatina clausura dos hospitais psiquiátricos italianos, que David Cooper ou Ronald D. Laing, dende a mesma psiquiatría, e os mozos Lacan, Focault e outros, dende a sociopolítica, realizaban duras críticas da psiquiatría tradicional nun movemento, que non foi tal, denominado “antipsiquiatría”, alcuño no que poucos dos seus teóricos se recoñecerían e  ao que Conxo achegou sobre todo práctica hospitalaria. Esta razón práctica pode explicar que a revolta de Conxo ficase, non esquecida, senón pouco elaborada. Sobre aqueles acontecementos agás o libro colectivo Conxo: manicomio e morte (Xistral, 1977), o de Emilio González, A siquiatria en Galicia (Rueiro, 1977) e o deste autor en colaboración con Xosé García: As institucións da loucura en Galicia (Minerva, 1978) e sen ánimos de ser exhaustivos e co perigo de amosar ignorancia sobre a cuestión, coido que pouco máis se escribiu. Ben merecía unha investigación dende a historia da medicina ou dende unha óptica político-social.

Un día, pode ser que de comezos de 1979, entrei por primeira e única vez no “manicomio” de Conxo. Acompañaba a meu pai a visitar a súa irmá, a miña tía Francisca. Fiquei admirado ante a impoñente escalinata e en silencio absoluto en presenza da miña tía, abatida, estática, queda inmóbil, soa, na esquina dun sofá cos ollos cara  ao teito e unha pinga de cuspe esvarándolle polos beizos dunha boca aberta, aquela muller forte que andaba sempre a reprender as miñas trasnadas. Diagnosticáranlle demencia senil. Despois dixeron que fora un tumor cerebral.

Venres, 28 de xullo de 2017