Quizais o arco da vella augure mellores tempos
https://armandorequeixo.wordpress.com/2021/01/11/tabela-dos-libros-xaneiro-2021/
Obrigado Montse Pena Presas por lembrarte das Catas na memoria.
![]() |
| José Pardo Mosquera, pai de dona Emilia. Balsa de la Vega; óleo sobre lenzo 35,5X27,5 cm. Casa Museo EPB |
Dise que os de familia son
os segredos mellor gardados; incluso máis que os de estado. Mais, ao final,
todo se sabe. Referiámonos no anterior “Avieiro” ás sospeitas de José Pardo
Bazán de que o seu xenro fose como o Perucho de Los pazos..., un “fillo bravo”, para explicar o maltrato familiar
tras a morte do pai e que non se arrepuxera e defendese os seus intereses. Cando
menos é o que se desprende dos documentos dados a coñecer polo grupo de investigación
“La Tribuna” en 2008[1].
Mais podía acontecer que do que Pepiño estaba farto era da longa experiencia de
intrigas hereditarias do seu sogro, ou simplemente aquelas leas non lle
aquelaban ben ao seu carácter.
Despois de tirarlle o po ás
disputas económicas entre os Pardo e os Quiroga, os investigadores descubríronnos
outro deses “aconteceres” dos que non gusta falar, dos que se prefiren agochar,
ben premidos contra o fondo da gabeta dos recordos ingratos para que non se lles
ocorra emerxer en circunstancia algunha. Neste caso, ben gardado, aferrollado
con todos os cadeados que houbese e agochado baixo todos o silencios que se
puidese, o segredo estaba na banda dos Pardo Bazán.
Do que non se podía falar na
familia de dona Emilia era do asasinato da súa avoa paterna, dona Joaquina
Mosquera Ribera. Mais, por que non falar da vítima dun crime? Por que agochalo?
Por tratarse dun “mullericidio”, un máis desa praga contra as que as mulleres
de hoxe erguen a voz, pero non daquela.. Pero había tamén outras razóns para
calar.
O crime aconteceu en
Betanzos, en 1848, segundo descubriron os investigadores tirando de dous fíos:
unha breve nota de referencia da escasa prensa do momento e unha carta que un
dos investigadores atopara, anos antes, nun libreiro de vello[2]. Tiveron que recorrer aos
máis diversos arquivos, pois no abondoso e minucioso arquivo dos Pardo Bazán
nada había. Como os césares, aplicaran unha eficaz “dannatio memoriae” ata o
punto de que en ningunha biografía, agás a actual de Isabel Burdiel[3], se fai referencia ao
tráxico final da avoa de dona Emilia.
Dona Joaquina (1805-1848)
era filla de don Gonzalo Mosquera Arias e de dona Joaquina Ribera Pardo; ambos
da fidalguía vella dende a punta das unllas dos pés ata os últimos pelos da cabeza.
El, rendeiro abastado de ideas liberais ata onde se podía e, entre outras
moitas cousas, señor da xurisdición de Bentraces, no actual concello de
Barbadás, e irmán segundo do III marqués de Aranda e de Guimarei. Ela, filla
única e polo tanto herdeira dos bens vinculados ás casas de Cañás, en Carral,
da que xa non quedan restos, ou a de Baldomir, en Guísamo, Bergondo, da que
fican as paredes, e algunhas máis.
![]() |
| Pazo de Bentraces, en Barbadás, solar dos Mosquera Arias |
Dona Emilia naceu apenas
tres anos despois. Aínda que o silencio fose espeso algo tería que ouvir, algo
saber, ollar expresións, xestos, arrebatos... dos que nunca nada dixo pero que,
seguro, tiveron que influír nos “dicires” da escritora sobre malos tratos ás
mulleres, violencia de xénero ou violencia en xeral, así como sobre as
tensións, odios, rancores entre as familias por mor das herdanzas ou sobre as
paixóns inconvenientes e os amores “fou”.
![]() |
| Miguel Pardo Bazán. Avó paterno de dona Emilia |
A avoa de dona Emilia era a
segunda de tres fillas. Casou, ou casárona, aos 16 anos con Miguel Pardo Bazán
que xa cumprira os 37 e procedía tamén de dous puros sangues fidalgos: os Pardo,
con casa principal na granxa de Meirás, e os Bazán de Cambados, residentes no
que hoxe é parador de turismo. En ambos os casos con outros moitos bens
vinculados. O avó de Emilia fixera carreira militar e política e coincidiu co
seu sogro nun liberalismo coutado para se as tornas se viraban absolutistas.
Deputado ausente, nin aparecía, aducindo enfermidades, faleceu en 1839 deixando
unha viúva de 39 anos e un fillo de 12, José, o pai de Emilia; os outros catro
fillos faleceron antes que o proxenitor.
Dona Joaquina permaneceu na
Coruña, vivindo coa nai, titorando o rapaz e administrando os bens e rendas do
seu home que formarán parte da herdanza do fillo. Nesta cidade coñeceu o militar
retirado Juan Rey Perfume, dez anos máis novo ca ela, de familia de
comerciantes coruñeses e nai de orixe italiana, posibelmente Perfumo de inicio.
Unha cousa leva a outra e tiveron unha filla, Adelaida Rey Mosquera, nacida en
xaneiro de 1847, pero tardaron en casar e cando o fixeron mudáronse a Betanzos.
Ás dúas e media da tarde do
4 de maio de 1848, Juan Rey Perfume degolou a súa muller, cunha navalla
barbeira. Ás 10 da noite pegouse un tiro. Deixaba unha longa misiva de
suicidio: encetada antes de matar a muller e rematada horas despois de facelo.
Iníciaa referíndose a unha “conspiración infernal” na que a súa muller “es la
primera actriz” “ofendida de que la haya obligado a casarse por que la hice una
hija”, na trama “ha fraguado la más alta e imponderable calumnia contra mí,
unida para ello con su hijo (o pai de dona Emilia), Bermúdez (cuñado da
asasinada), Guergué (administrador dos Pardo Bazán), José Portela y su hijo
(labradores de Meirás), el procurador Ribas y un clérigo llamado Caldelas”.
Despois de matala continuou a carta “Horror he
asesinado a mi mujer y ya no puedo hacerlo con la infame doncella”. Petiscamos
algunhas frase da longa carta: “Ahí te queda torpe hijo José Pardo Bazán toda
la herencia”, “vivía contento con mi mujer aunque ella era infame como
vosotros”, “si ella y vosotros queríais separarme debió ser por una causa
política”, “Esta mujer había denotado ya su resistencia a vivir conmigo cuando
nos obsequiábamos, la deje luego y después quería casarse para solo separase
luego y vivir a su antojo. No, yo o contigo o muerta tu o sino que diga alguno
si tuve otra mujer desde casado. Soy el hombre más desgraciado del mundo pero
muero justo, convencido de que mi mujer se iba separar de mí y aun vino
mintiéndome”, “quiero que a mi mujer y a mí nos entierren juntos y en sagrado”,
“cuantas veces dormí tirado en las ruedas porque mi mujer me echaba, cuantas en
el sofá, cuantas veces salí desesperado y reñía porque ella me decía [que] no
me quería, [que] no tenía posición social”.
A pesar do nerviosismo e da
confusión mental que denota o escrito os investigadores puideron demostrar, a
través da documentación do proceso, que “la conspiración deseñada por doña
Joaquina Mosquera” para vingarse do ex administrador Luís María Guergué e asasinalo
existiu e na lea meteu o seu home. Procuramos resumir o máis significativo.
A viúva de Miguel Pardo
Bazán vivía coa súa nai na Coruña mentres o seu fillo estudaba Dereito; coñeceu
o militar e tiveron unha filla, para evitar o escándalo bautizouna en segredo,
pois non tiña intención de casar co pai. Pero alguén o descubriu e o párroco
tivo que asentar o bautizo. Tiña unha boa razón dona Joaquina para non casar;
como viúva administraba as moitas rendas procedentes de seis administracións
que herdara o fillo; de casar, perdería a curadoría e con ela a maior parte dos
seus ingresos. Pero de non facelo deixaba desprotexida a súa filla que non
podería recibir herdanza máis que pola vía de alimentos, e o pai, Rey Perfume,
tiña un soldo ben magro e ela nada herdara do seu pai e a súa nai non fixera aínda
as partillas.
![]() |
| Casa de Baldomir, Guisamo, (Bergondo) vinculado aos Pardo |
Dende meses antes do parto,
Joaquina, coa axuda da nai, iniciou unha serie de movementos para preparar unha
herdanza para a futura criatura e protexela no caso, relativamente frecuente,
de morrer no parto. Joaquina comezou a reunir un patrimonio a través de cesións
definitivas que lle facía a súa nai e a escriturar no notario algunhas últimas
vontades que corrixían o testamento no que declaraba o fillo herdeiro
universal. Nunha desas modificacións encargaba ao apoderado xeral, Luís Mª
Guergué, de que, no caso de falecer, se apoderase da súa casa e todo o que
houbese dentro; na outra deixaba a Juan Rey Perfume unha notas, que non se
coñecen, para ter en conta a hora de executar o testamento. A descuberta do
oculto bautizo e todos estes plans explicarían a mudanza a Betanzos.
De súpeto todo mudou. José
Pardo Bazán, temendo que a súa nai puidese allear parte dos seus bens,
destituína como titora e nomeou no seu lugar o seu tío José Bermúdez de Castro.
Esta negouse a aceptalo e iniciouse un preito, frecuente por outra banda entre
a fidalguía da altura, entre nai e fillo. O asunto complicouse cando Bermúdez
de Castro denunciou a súa sogra por allear bens, que entrarían nas partillas da
súa muller, a favor de Joaquina Mosquera. A coincidencia temporal indica que ambos
os preitos teñen relación e dos dous é protagonista o administrador Guergué,
que debeu ser quen descubriu o nacemento da cativa. Isto explica que Joaquina
Mosquera lle retirase os poderes e, ante a resistencia deste, denunciouno para que
lle entregase as chaves e lle devolvese o arquivo da familia que retirara da
granxa de Meirás, en evidente acordo con Pardo Bazán e Bermúdez de Castro que
viñan de nomealo administrador de ambos.
Ante a imposibilidade de
gañarlle o preito ao fillo, Joaquina decidiu casar. A zuna debeu chegar ata o
extremo de tramar o asasinato do traizoeiro administrador, e alentar as fortes
tensións de Rey Perfume co administrador Guergué, co seu fillastro Pardo Bazán,
co titor deste, Bermúdez de Castro e con ela mesmo. O matrimonio, tras a perda
da titoría, seguiu vivindo en Betanzos ata que ocorreu a traxedia. Guergué
encargouse de inventariar os bens da vivenda e preparar o enterro da parella.
Pardo Bazán non tardaría en denunciar
a Guergué polas contas que lle presentou, preito que tardou meses e rematou cun
acordo. Tiña, pois, o pai de dona Emilia ampla experiencia nestas lides. Anos
máis tarde volveraas poñer en practica cando se trate do reparto de bens e rendas
dos irmáns Quiroga, tras a morte do pai, mesmo ata o punto de insinuar que José
Quiroga ou ben non fose fillo de don Pedro Quiroga ou ben non o fose de dona
Mariquiña. Como sabemos, estas tensión intrafamiliares estarían na base da
posterior separación do matrimonio Quiroga- Pardo Bazán.
[1] “Aportaciones a la biografía de Emilia Pardo Bazán. La crisis
matrimonial (1875-1884)” en La Tribuna.
Cadernos de estudos da casa-museo EPB, nº 6, 2008 A Coruña RAG/Casa Museo
EPB, p.71-127
[2] O grupo de investigación está formado por Xosé Ramón Barreiro
Fernández, que atopou a carta, Ricardo Axeitos, que reparou na nota de prensa,
Patricia Carballal Miñán e Jacobo Manuel Caridad Martínez. A investigación
publicouse en en La Tribuna. Cadernos de
estudos da casa-museo EPB, nº 8, 2011. A Coruña RAG/Casa Museo EPB, p.15-56
baixo o título “La trágica muerte de Joaquina Mosquera Ribera, abuela de Doña
Emilia. Un familiar secreto desvelado”
[3] Burdiel, I. (2019): Emilia Pardo
Bazán. Madrid:Taurus
O meu agradecemento a Cilia Torna Ferreiro por esta
recensión , pero sobre todo polo seu inmenso labor na divulgación e
investigación da historia da nación de nós
e en especial pola súa ardua tarefa, como diría Benjamin, en honrar a
memoria dos seres anónimos.
Con afecto
Déixovos tamén o enlace no dixital de Nós-diario
![]() |
| Pedro Antonio Quiroga co uniforme da Real Maestranza de Ronda. Óleo sobre lenzo 67x56 cm.; s/d e s/s. Último cuarto do s. XIX. Casa-Museo de EPB |
Nesta
especie de “revival” de dona Emilia tanto por mor do de Meirás como do centenario
da súa morte, publicáronse días atrás, na prensa de Madrid, diversos artigos
xornalísticos que repetían os lugares comúns sobre a escritora. Sentenciaban
que tivera que escoller entre o seu marido e a literatura. É a media verdade dun
relato construído no que José Quiroga, Pepe na familia, e Pepito ou Pepiño para
dona Emilia, sae mal parado; debuxado como
como un home feble de carácter, e ao mellor algo máis, incapaz de dominar a súa
muller. Tamén esta, presentada como unha mullerona, unha mandarica, unha cabeza
viril en corpo de muller, como chegaron a dicir dela algúns dos seus masculinos
colegas de pluma, a quen nada a detiña
con tal de acadar o desexo de ser escritora e estar presente nos medios
públicos, tampouco sae moi beneficiada.
Que se
dedicase a escribir nunca foi ben visto nin polos parentes aristocráticos nin polas
amizades burguesas “comme il faut”. Aquilo de expoñerse en público era rebaixarse.
Que fose unha estudosa e divulgadora de poesías católicas, de Francisco de Asís ou o Padre Feixóo, era
permisíbel como afección, como “un que lle imos facer”; mais cando a cousa
virou cara ao naturalismo, gorentando ser escritora profesional envolvida en
polémicas por novelas arriscadas, converteuse nunha excentricidade para a súa
clase e nun perigo para a reputación familiar e do marido. Vamos, nunha
tolitates; aínda que iso si, condesa e rica, católica e española.
Teño a
sensación de que o matrimonio, claramente no caso de Pepiño pero tamén no de
Emilia, foi vítima do estrangulamento por dous cabalos desbocados cada un para
o seu lado, o dos Quiroga e o dos Pardo Bazán, encirrados por mor das disputas
económicas familiares. A escritora, máis afouta, tirou para adiante; el
achantou, quizais polo peso insoportábel dun segredo de familia. A historia
faina quen a transmite, nin Pepiño nin os Quiroga o fixeron, pola contra os
Pardo Bazán sepultáronnos con moreas de papeis, e ben escritos, aínda que non
levasen a sinatura de dona Emilia
Sabemos,
como anota Isabel Burdiel[1], que as desavinzas
matrimoniais viñan de lonxe, tanto polos litixios económicos e a educación dos
fillos como por ese apracíbel xeito de ver a vida de Pepe que aspiraba a ser un
bo ebanista e non unha rutilante estrela, aínda que iso supuxese conformarse
con ser “cabeza de rato”, en palabras de dona Emilia.
Segundo
o relato consolidado dende a biografía de Bravo Villasante[2], o de Banga non foi quen
de soportar a hostilidade das amizades de clase e a presión familiar, alporizados
todos pola leada argallada arredor dun mollo
de artigos, xa publicados, arrexuntados baixo o título de La cuestión palpitante (1883), que viña botar sal na ferida aberta tanto
por unha “deficiente lectura” de La
tribuna (1882) como pola escandalosa descrición do parto da miserable
cigarreira. Segundo a primeira biógrafa de dona Emilia, esta marchou a Roma
onde falou cun cardeal sabio que a tranquilizou porque no seu libro non había
nada de malo e ninguén a ía excomungar. Episodio escuro.
![]() |
| José Quiroga Pérez de Deza co uniforme da Real Maestranza de Ronda. Óleo sobre lenzo. Joaquín Vaamonde 1895 |
Bravo
Villasante describe a Pepe Quiroga como “bondadoso y retraído”, “propenso al
abatimiento” e “con tendencia a la reconcentración”, polo que se veu abaixo
tras un baile social, do que non se coñecen detalles, organizado pola futura
condesa. Seica subiu as escadas ata o estudo da muller e prohibiulle seguir
escribindo. Máis ben diriamos que se veu arriba. Aí rematou o matrimonio daquel
home ao que Álvaro das Casas retrataba como “lo que se dice un buen
hombre, asistía puntualmente a misa, repartió buenas limosnas, perdonaba las
rentas en los años malos, conversaba con los más humildes y sabía tener en alta
estima a los más pobres. Amó apasionadamente a sus hijos y si no gustó otros
amores bien sabe Dios que suya no fue la culpa”.[3]
Mais a
separación do matrimonio Quiroga-Pardo Bazán foi de xestación lenta. Poderiamos
dicir que a razón argüída a partir da biografía de Bravo Villasante non só non foi
a única, senón que, quizais, nin fose a máis importante. Chama a atención que
un episodio tan crucial na vida dunha escritora tan exposta ao público e tan debullada
polas hostes pardobazanianas siga tan envolto en sombras; sobre elas deitou luz
intensa o “grupo de investigación La Tribuna”[4] ao facer públicos unha
serie de documentos que permiten mesmo arriscar interpretacións.
Unha
semana despois do baile, o 1 de maio de 1884, a petición do marido e do pai da
escritora, redactouse un borrador de disolución conxugal que concedía ampla
liberdade á esposa para administrar os seus bens, publicar e exercitar os
dereitos de autores e editores. Pouco máis era posíbel na altura. Mais José
Quiroga retractouse. Diriamos hoxe, todo ficou nunha “nube”, nun discreto
acordo que ambos respectaron. Non foron tan discretos os continuos ruxe-ruxe
que circularon entre as elites burguesas da Coruña. Procurou Emilia a distancia
e pouco despois de asinar o prólogo de El
cisne, setembro do mesmo ano, iniciou unha viaxe a París, sen fillos, nin
pais, nin por suposto marido, que alimentou os “dicires”. O documento de
separación non se protocolizará ata 1890, cando falece o pai de Emilia e esta,
filla única, herda.
Mais,
como comentamos, o asunto viña de lonxe.
A morte de Pedro Antonio Quiroga, en Banga, en xaneiro de 1875, desatou as
tensións acumuladas entre as dúas familias. Entra a casa de Banga e a do
Carballiño debeu estar a parella eses meses, pois non é ata finais de febreiro
dese ano cando Emilia lle escribe aos pais dicíndolles que se van para Santiago
e despois para a Coruña.
![]() |
| José Quiroga como artista na capa da revista La semana. |
Dille o
pai de Emilia a un amigo en carta de abril de 1875: “los padres de Pepe me
ofrecieron hacerlo enteramente igual en fortuna a su hermano”. Podemos
considerar esta carta de amizade como un borrador da extensa misiva, agresiva e
durísima, que lle enviará a dona Mariquiña con data 6 de xuño de 1875. Aquel ofrecemento que os
pais de Pepe lle fixeron no momento de arranxar o matrimonio foise adiando,
segundo o conde, polas argucias de dona Mariquiña e do primoxénito Eduardo; el
nada reclamou polos sentimentos de Emilia, da súa nai e o creto de home honrado
que tiña don Pedro. Pasaron os anos amosándose a clara preferencia que tiñan
polo fillo maior ata o punto, segundo don José Pardo, de quitarlle un coche a
Pepe porque a aquel se lle antollara ou gastar seis mil duros, sendo xente
avara por natureza, nunhas eleccións para que Eduardo fose deputado, sen
entusiasmo por unha idea nin sequera por lucirse pois nin soubo defender a súa
nai cando esta foi maltratada en pleno parlamento. Varias veces, continúa relatándolle
o conde ao seu amigo, lle dixen a Emilia que xa era hora de lembrarlles aos
seus sogros o cumprimento do prometido, pero foise deixando, por un ou outro
motivo, sempre coa oposición de Pepe que se irritaba ao considerar que se poñía
en dúbida a honradez do seu pai ou que agravaría a súa saúde. O verán antes de
morrer, don Pedro achegouse ata a Coruña e preparouse un borrador, pero este
sempre estaba acompañado de quen poñía obstáculos. Parecía que todo ficaba
arranxado; pero curiosamente, cando Pepe e Emilia non estaban, recibiu unha
carta de Mariquiña dende o Carballiño dicíndolle que o gobernador de Ourense a informara
dunha orde de embargo contra Pepe por mor das súas actividades, e das de
Emilia, na terceira carlistada. O conde interprétao como unha manipulación de
Mariquiña e Eduardo para que don Pedro seguise adiando o modificación do
testamento e, cando se prestou a xestionar o asunto en Madrid, recibiu aviso
dende o Carballiño de que xa estaba arranxado. Pardo considera que disto nada
lle dixeron ao enfermo. Tras a morte do seu home, Mariquiña afirma ignorar que
o defunto testase e recupera o documento de 1852, no que se “funda un ridículo
vinculo” a favor de Eduardo, e acende os ánimos de José Pardo. A viúva comprométese
a facer unha novas escrituras pero acaba cedendo ás presións de Eduardo como
tamén o fai Pepe que é home de honor e delicadeza “a pesar de pertenecer a esta
desdichada familia”, quen lle deu o poder á súa nai que o deixará “a pie y
descalzo” e “despreciado y rebajado”,
pero a seu irmán “lo dejará en coche y
con medios de perder buenas onzas en los garitos”. Emilia, dille o conde ao seu
amigo, continuará acompañando o seu marido, pero a min cústame moito ver diante
a esta “detestable familia”.
A
tensión recruaríase co nacemento de Jaime (1876), primeiro fillo de Emilia, ao
considerar esta e o conde que lles corresponde defender os dereitos do rapaz. O
enfrontamento xa non acougaría, nin co nacemento das outras dúas fillas.

Mesa realizada por José Quiroga.
Casa Museo EPB
Don
José Pardo Bazán non deixara de remoer na resposta, expresada con nitidez nun
comentario ás partillas de Pedro Quiroga no que tamén figuran anotacións da
escritora, á pregunta “¿Qué móvil impulsa, pues, a la Sra. Viuda de Quiroga
para preferir el hijo que la deshonra al que es una feliz excepción de toda su
familia? No lo sabemos aún hoy ni con ello podemos acertar, y solo un secreto
de familia puede explicar satisfactoriamente este singular fenómeno que hace
tiempo fija tenazmente nuestra atención”.
Era
Pepe Quiroga como o Perucho de Los Pazos
de Ulloa? No contexto só se pode entender, como apunta o “grupo de
investigación de La tribuna”, que José non fose fillo natural de don Pedro ou
de dona Mariquiña.
[1] Burdiel, I. (2019): Emilia Pardo Bazán. Madrid:Taurus
[2] Bravo Villasante, C.
(1962): Vida y obra de Emilia Pardo Bazán.
Madrid: Revista de Occidente
[3] Das Casas, A. (1935): “La
casa de Banga” en El pueblo gallego,
12/9/1935
[4] Formado por Xosé Ramón
Barreiro, Ricardo Axeitos Budiño, Oatrica Carballal Miniñio e Jacobo Manuel Caridad Martínez. Reprodúcese a
transcrición dos documentos aos que nos referimos en “Aportaciones a la
biografía de Emilia Pardo Bazán. La crise matrimonial (1875-1884) en La tribuna. Cadernos de estudos da casa
museo EPB, nº6, 2008, p. 71-127
Hoxe Nós-diario, recuperou esa foto que tirou
o amigo Xan Carballa aló polo 1984, aínda que corrixiamos o topónimo deturpado polo
propio de Ourense, o sitio era Vigo, preto das Travesas, se non lembro mal,
rodeado de moitos vellos e actuais amigos e amigas, coa mirada atenta do inesquecíbel
cura Francisco Carballo. Déixovos o enlace á nova