luns, febreiro 23, 2026
Obra de Fernando Casás no colectiva do Museo Gaiás
domingo, decembro 14, 2025
Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como proxecto vital
Onte achegámonos a Allariz
para participar na xornada “Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como
proxecto vital”. Compartindo con Serxio María Fernández Álvarez , Xosé Fernández Fernández e Luís Martínez
Risco. Moito aprendemos. Parabéns aos organizadores.
xoves, novembro 27, 2025
CARLOS CASARES NA MIRADA DE XOSÉ MANUEL SOUTULLO.
Logo dun intenso mes de novembro rematan, en Nigrán, as xornadas que o
Concello organizou para revisar as relacións deste coa Editorial Galaxia da que
celebramos o 75 aniversario da súa fundación, neste ano 2025.
Nesta derradeira palestra será Xosé Manuel
Soutullo , vigués do Calvario (1956) que desenvolveu toda a súa
profesión de editor nesta empresa na que comezou hai máis de corenta anos,
sendo moi novo. Nela foco todo tipo de labores, dende o almacén e a
distribución, traballos de corrección, diagramación, coordinación da pre
impresión, organización de exposicións, secretariado da revista Grial,
dirección da Fundación Penzol, sendo promovido á dirección xeral polo Consello
de Administración, para darlle a remuda ao anterior director.
Se alguén coñece o papel de Carlos Casares en Editorial Galaxia é
Soutullo, porque durante os anos do escritor ourensán na dirección desta
editora, tivo en Xosé Manuel ao máis próximo e leal colaborador. Polo que sen
dúbida vai ser este un peche de interese para sabermos máis dos pormenores
desta empresa de tan longa como exemplarizante traxectoria.
Este venres, día 28 de novembro, ás 19.30h nos Cines Municipais da
Ramallosa, en Nigrán, no Centro Comercial.
xoves, novembro 20, 2025
Galaxia, Del Riego e Nigrán
O próximo venres 21 de novembro as 19.30h terá lugar a terceira
das sesións dedicadas a conmemorar os 75 anos da Editorial Galaxia, que
organiza o Concello de Nigrán. Será nos Cines Municipais de Nigrán, no Centro
Comercial da Ramallosa.
Nesta ocasión abordarase a figura de Francisco Fernández del Riego,
o obreiro de Galaxia, paseante, durante décadas, nas mañás de verán por
Lourido, onde unha pequena placa recorda a quen foi acollido como fillo adoptivo
do concello, en outubro de 2002, e premio de xornalismo Nano Cambeiro en 2004
ademais de xeneroso doador dun bo mangado de libros que hoxe se conservan na
biblioteca municipal de Nigrán.
Terei a honra de presentar o relator, o vello amigo
"meco" de querenza miñorán, Antón Mascato, xeneroso obreiro da edición, que indagou na
vida e obra de Del Riego en Paco del
Riego. Unha historia da restauración política e cultural (2002), ano no que tamén coordinou o volume Don
Paco del Riego. Fillo adoptivo de Nigrán,
así como en De Compostela
ao exilio interior. Francisco Fernández del Riego (2023) e, xunto con Pepe Carreiro, Paco del
Riego, o home que valía por mil, (2023).
Ademais entre a súa extensa obra sobre os seus groves natais cumpre salientar o seu Atila no Grove (2019) exemplo de bo traballo na restauración da
memoria dos vítimas do franquismo e de descuberta dos vitimarios.
Por se vos presta.
mércores, novembro 12, 2025
Otero Pedrayo, Galaxia e o Val de Miñor
O próximo venres 14 de novembro as 19.30
h. terá lugar a segunda das sesións
dedicadas a conmemorar os 75 anos da
Editorial Galaxia, organizadas polo Concello de Nigrán baixo a denominación de "Nigrán
e Galaxia" por mor da especial relación que houbo entre Francisco
Fernández del Riego e a praia Lourido e de Carlos Casares con Vilariño.Será nos
Cines Municipais de Nigrán, no Centro Comercial da Ramallosa.
Nesta ocasión abordarase a figura de Otero
Pedrayo, que é como dicir Galaxia, editorial que presidiu dende a súa
constitución ata o seu falecemento en 1976. Mais tamén entre don Ramón e o Val
de Miñor hai unha relación como nos contará a amiga Patricia Arias Chachero que
tanto estudou a súa vida e obra.
PATRICIA ARIAS CHACHERO
Naceu en Ponferrada, mais criouse en Ourense. Estudou Filoloxía Galego Portuguesa; é profesora de secundaria. Comezou o seu activismo cultural na Fundación Otero Pedrayo, da que na actualidade é secretaria. Colaboradora habitual de varios medio entre os que destacan Andaina. Revista Galega de Pensamento Feminista, Grial, A Nosa Terra, Madrygal, Barbantia, Sermos de Nós Diario, ou a revista dixital Cómaros Verdes. Estivo no Consello de Redacción de Longalingua, revista da Mesa pola Normalización Lingüística. Desde 2019 forma parte do consello de administración da Editorial Galaxia. É autora,co autora e editora de varias obras entre as que salientan: Vida e obra de María Mariño; As colareiras do Grove; Trasalba, terra literaria. Unha viaxe a través da obra de Otero Pedrayo; ou Aquilino Iglesia Alvariño. Na actualidade é a editora de textos fundamentais da nosa literatura, como os dedicados ás autorías da Xeración Nós, editadas en Galaxia.
Darío Álvarez Blázquez na Memoria
Había tempo que non andaba polo Pé do
Galiñeiro. Outros paseos mantivéronme afastado esta temporada. Procurarei
recuperar o costume. Hoxe aproveito que a Irmandade Sanitaria Galega e a
Asociación de Funcionarios pola Normalización lingüística tiveron a ben
convidarme a dicir unhas palabras sobre Darío Álvarez Blázquez e a recuperación
da Memoria. Estas foron: Sr. Alcalde, Sr. Presidente do parlamento,
autoridades, entidades organizadoras, familiares, amigos e amigas. Bo día.
En primeiro lugar quixera agradecer aos
organizadores o seu convite, e en concreto a Xosé González que foi quen mo
transmitiu, pois é para min motivo de fonda ledicia falar sobre unha persoa á
que non tratei, nin sequera coñecín, pero que me vén inspirando, dende hai moitos anos, nas miñas pescudas
sobre a persecución franquista, por razóns que irei debullando. En segundo
lugar permitídeme que, por non deixar nada no caixón,vos lea estas liñas a
pesar da perda da espontaneidade que poida supoñer, pero que hoxe considero
necesario por mor da precisión.
Aló pola segunda metade dos setenta do pasado século,
para moitos de nós houbo un escintilar iniciático que remexeu neuronas e
conciencias e comezou a desvelarnos as falsidades do relato que durante décadas
nos foran implantando no cerebro sobre o que acontecera na que se cualificaba
como "guerra entre irmáns". Aquel faro tremelucente foi un artigo,
non moi longo, de Cuco Cerecedo, un celebre xornalista vigués, publicado no mes
de setembro de 1977 na revista Historia
16 titulado "Cuando la sangre llegó al Miño".
Ata daquela, os nacidos na década dos cincuenta
escoitaramos falar dun tío-avó ao que lle cortaran as dedas conxeladas, de
alguén a quen lle mataran un fillo, ou un pai, nun lugar indeterminado,
indefinido, difuso,chamado "guerra" ou "frente".
Falábase moito da fame pero pouco do que pasara.
De súpeto escoitabamos falar de que o sangue chegara
ao río. Para todos nós Galicia estivera, de forma natural, do lado dos
militares facciosos. Sabiamos de mortos, de fuxidos, de que Castelao estaba no
exilio pero nada escoitaramos da Volta da Moura, de morteiros e metralladoras, de pum, pum no Aloia, de Camposancos, do
frontón vigués, nin que, e a cifra deixábanos abaneando, no Baixo Miño
"hubo de ochocientos a mil desaparecidos". A pregunta inmediata era,
noutros sitios tamén ocorreu? O relato imbuído nas mentes infantís e o silencio
dos adultos podía poñerse en cuestión? Tardamos moito en descubrilo. Demasiado.
Cuco Cerecedo non chegou a ver o seu artigo publicado. O 4 de setembro de 1977faleceu
dun aneurisma en Bogotá, cando cubría a xira suramericana do novo secretario
xeral do PSOE, Felipe González.
Moitos anos máis tarde, nos primeiriños anos do novo
século un amigo tróuxome unha carpetiña azul que atopara nos arquivos da
editorial que dirixía. Nela mesturábanse cartas, recortes de prensa,
manuscritos e mecanoscritos, uns de carácter profesional con outros sobre a
persecución franquista en Tui. Sen dúbida don Darío, vou seguir o costume de
Xosé González e aseñoralo, andaba a axuntar papeis para elaborar unhas memorias.
Sabémolo tamén porque el mesmo o anunciou en varias ocasións. Púxenme en
contacto co seu fillo Alfonso, entregueille a carpeta e amoseille o meu
interese nos documentos tudenses e a posibilidade de volvelos publicar,pero xuntos.
Non só lle pareceu ben, senón que me ofreceu os escritos e documentos
memorialistas. Pensei nunha edición cunhas poucas anotacións, a corrección lingüística
das "Historias de fuxidos" e a versión en galego de "Historias
de la retaguardia nacionalista". Apalabrámola cun editor pero unha crise
político-económica deixouna no limbo.
Entre aqueles papeis achábase, corrixido por don
Darío, o mecanoescrito de Cerecedo. Así que confirmamos o que xa escoitaramos,
que a fonte informadora e de contactos de Cerecedo fora don Darío; tamén que a execución
do traballo foi antes de febreiro de 1975, pois nunha carta, asinada neste mes,e
dirixida ao director da revista, don Darío achegaba unha serie de
modificacións, pois xornalista e informante acordaran que este fose o revisor final
do texto. Todos os cambios foron recollidos. Case todos de detalle. Pero un
importante. Situémonos no tempo, Franco vivo. Don Darío pide que retiren o nome
da súa sobriña:
que aparece
relatando el arresto y traslado del "comunistiña", funcionario de
correos, es una empleada en la secretaría del Instituto de 2º Enseñanza de Tuy
y su sueldo mensual de un empleo en el que lleva 15 años, será el único ingreso
de su familia al faltar su padre, anciano de 82 años. Como no se trata de un
empleo por oposición y el Director del centro, que la sabe absolutamente
identificada con mis ideas políticas, no las comparte precisamente, podría
hacer peligrar su ya no muy estable puesto.
A dirección da revista considerou que aquel traballo
debía agardar na gabeta. Foi a súbita morte do xornalista, que Franco estivese
morto e que as elección xa foran en xuño, o que a levou a tiralo do caixón e
publicalo en setembro de 1977.
Ao tempo que Cerecedo redactou o seu traballo, don
Darío preparou un seu; tamén breve. Presentouno a un concurso convocado pola revista Historia y Vida,
resolto o 15 de decembro de 1974. Titulouno"Historias
de la retaguardia nacionalista" e mereceu
o segundo premio. Publicouse no número de febreiro de 1975. Nel recordaba o seu
pai e os que con el foron asasinados, a defensa da cidade e tres circunstancias
nas que se puxo en risco: a certificación que lle salvou a vida ao tenente de
navío Valera; o socorro médico, a través da nai,ao breve alcalde de Tui, tan
breve que non chegou nin a presidir unha soa sesión plenaria, e a súa reiterada
intervención na argallada ideada polo avogado militarizado, José Queizán,para
que Josefina Segret simulase un embarazo e lle conmutasen a pena de morte. Dos
catro casos deixará cumprida ampliación nas súas posteriores "Historia de
fuxidos".
Lembremos
que era 1974 e amentar o tema tiña o seu risco, aínda baixo a pantomimados 25
de anos de paz de Manuel Fraga segundo a cal, naquela guerra entre irmáns cometéranse
excesos polos dous bandos. A esta argucia acolleuse o Conde de Godó para
convocar o premio, iso si, deulle o primeiro ao bando vencedor e censurou o
relato de don Darío, sen que lle importase romper a coherencia do mesmo. Anotou
don Darío nun lateral do mecanoescrito: "Lo subrayado no permitieron
publicarlo sin ser documentado". O paragrafo dicía, sigo a miña tradución:
Porque
nunha poboación de pouco máis de 5.000 habitantes foron pasadas polas armas
(por fusilamento ou por “paseo”) non menos de 500 persoas, sumadas as de orixe
e veciñanza tudense e as do partido xudicial...
A entrega do premio ficou establecida para o
12 de marzo de 1975 no hotel Ritz madrileño. A dirección reiteroulle o convite
por carta e telegrama. O día anterior á entrega DAB asinou unha longa carta na
que lle comunicaba que sería moi grato compartir "unas horas de gala
literaria y de evocación histórica común en la cronología, aun que vista desde
distintos campos, actitudes y perspectivas...". A carta non a mandou.Enviou
un telegrama aducindo compromisos profesionais.Que saibamos o artigo premiado
só se reeditou nun caderniño publicado polo concello de Tui, o 26 de outubro de
2010, con ocasión do centenario do nacemento do autor, pero sen o parágrafo censurado.
En 1977, don
Darío aproveitou outra fiestra de oportunidade para facer emerxer a memoria do
xenocidio franquista, xa o profesor Míguez Macho ten elaborado a argumentación
xurídica e histórica para aplicar este termo, que a RAG define como "exterminación
metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos",
ao que aconteceu en Galicia despois de xullo de 1936. Esa fiestra achouna en La Voz de Galicia publicando, entre o 17
de abril e o 17 de xullo, unha serie de dez capítulos co título xenérico de
"Historias de fuxidos". Comezounos abaneado entre a señardade e un
certo romanticismo, como el mesmo recoñece, sentado un principio que hoxe como
historiadores non aceptariamos, e daquela poderiamos comprender como superviventes.
Di no seu primeiro capítulo:
Direi os nomes, ou os
alcuños e as particularidades persoais dos perseguidos e dos mortos, non os dos
seus perseguidores ou executores, aínda que os coñezo todos por unha
circunstancia que logo contarei. Pero non quero que os fillos e os netos, que
non teñen culpas, poidan ser aldraxados algunha vez nos seus apelidos, sen
xustiza. E porque predico que todos os apelidos de agora en diante teñen que
xuntarse baixo un lema común: a paz.
Nestes dez capítulos relátanos con maior concreción
o que adiantara en breves trazos na colaboración con Cerecedo ou no artigo
premiado. Os ires e vires del e da súa familia, os avatares de Valera e a
tripulación do Fradera, os do capitán de carabineiros Rodríguez Blanco e do
brigada Doniz, ou do armeiro Azurmendi; as intervencións do "santo
laico", nas súas palabras, é dicir de Santiaguiño ou Gumersindo o
panadeiro o líder cenetista; da fuxida do hospital,arrastrando a perna, daquel
rapaz a quen o cura de Budiño feriu cunha posta de perdigóns e que a propaganda
franquista revirou coa súa inmoralidade característica; detense na rocambolesca
fuxida do seu curmán Xerardo Álvarez Gallego; na vida do enterrado na bodega,
Guillermo Vicente de Santiago, de Josefina Segret ou dos fuxidos que deron
chegado a América...
Un dos capítulos conservado na carpeta é moito máis
longo que o publicado. No da carpeta, don Darío incumpre o principio inicial. Non
vou entrar en detalles pero non me resisto a contarvos a súa cerna, aínda que
sexa ás presas. Un rapaz, axudante de zapateiro en Guillarei e cenetista, ao
cal, diriamos, o seu patrón, o zapateiro e dirixente cenetista, lle pagaba a
cota sindical, non había moito que casara, polo que non se atreveu a fuxir
deixando soa a moza. Prepararon un agocho na corte dos porcos. Pasaron os meses
e a muller quedou embrazada. Acudiu a don Darío asustada e pedíndolle remedio,
este negouse por razóns morais, pero deulle un consello, que falase con algún
home de confianza e aparentasen facerse as beiras, só tería que soportar os dixomedíxome
e algunhas faltas de respecto. Así o fixo. Falou cun seu primo, argallaron a
representación, a veciñanza chamoulles de todo, os pais deixaron de visitala
pero levábanlle comida ás agachadas. O neno naceu. A cousa parecía acougar. O
aprendiz de zapateiro comezou a saír do tobo e durmir na casa. O neno medraba. Un día ela tivo que ir mercar
á taberna e deixou o rapaz durmindo no berce; o pai estaba onda el deitado no
chan para que non o vise o veciño; pero o rapaz comezou a chorar e achegouse para
abalar o berce; o neno calou, pero o veciño, "o espreitador", chamoulle don Darío, decatouse do arrolar e
non tardou en baixar a Tui para avisar a "brigada del amanecer". Chegaron
de contado e pegáronlle uns tiros no mesmo acubillo da corte dos porcos. Dicían
os veciños que o limoeiro ao que se subía o espreitador para axexar secou e non
deu máis froito.
Moitos anos despois, don Darío recibiu na consulta
aquela muller acompañada do fillo, un home feito e dereito que marchara para
Alemaña, pero como ela ía sendo maior e estaba soa, quería volver. Era por se don
Darío lle podía botar unha man para entrar na Citroën. Así foi.
Mais a fiestra de oportunidade pronto se pechou.
Darío viu como publicaban o capítulo X antes que o IX, tivo que reclamar a súa
publicación. Así o fixo o xornal algunhas semanas despois. Francisco Pillado
Rivadulla acababa de ser destituído como director de La Voz de Galicia; o xornal quería encamiñarse por vieiros
diferentes a aqueles polos que, durante nove anos, o conducira o recoñecido
xornalista, aqueles que lle custaran a multa,imposta polo ministro Fraga, de
50.000 pts por publicar e premiar o artigo de Alfonso Álvarez Gándara: "La
iglesia no habla la misma lengua que los gallegos".
Non quixera rematar sen unha breve referencia á
detención, prisión e apertura de causa militar, a 156/47, que padeceu don Darío en setembro de 1947 a raíz
dunha tentativa de organización da chamada Unión de Intelectuales Libres (UIL) promovida polo PCE e argallada en
Galicia por Francisco Rey Drox, coñecido por "comandante" ou
"coronel" Chacama. A súa detención, en Ourense, provocou unha redada
en Vigo, con varias persoas detidas, entre elas tres policías armados, así como
varias personalidades da medicina e da
avogacía, de Vigo e Santiago, cos que Chacama entrara, ou pretendera entrar, en
contacto, entre os que podemos citar a Enrique Vidal Bustamante, Roberto
González Pastoriza, Paco del Riego, Jorge Seoane Corrales ou os compostelás
Ramón Baltar, José Otero e Ulpiano Villanueva, ademais do propio Darío. Chacama
asumiu todas a responsabilidades e exonerou os detidos, que ficaron en
liberdade. Rey Drox faleceu no cárcere de Burgos.
A profesora Iria Morgade, na súa brillante tese de
doutoramento "Sen rancor nin esquecemento. As accións da memoria
traumática na transición en Galicia (1976-1986)" lida en 2024 na USC,non
deixa de salientar tanto o labor divulgador de don Darío como o seu activo
papel nas primeiras homenaxes públicas ás vítimas da sublevación, como a
celebrada na Alameda de Tui o 30 de outubro de 1976, cabodano do fusilamento do
seu pai e os demais tudenses; ou as homenaxes a Bóveda en Pontevedra entre 1976
e 1978.
Lamento agora non ter insistido na publicación dos
textos memorialistas de don Darío, pero, en parte, foi culpa súa, pois
encerelloume de tal xeito que pretendín contrastar a moita información que nos
achega neles, e iso, ao mellor, é moito para un francotirador coma min ou
moitos outros que investigamos fóra da academia. Outros compromisos
interpuxéronse. Agardo, algún día, poñerlle o ramo ao traballo memoralístico
que don Darío inspirou e ao que el non puido dar cabo pola súa repentina morte
o 7 de xuño de 1979.
Graciñas.
xoves, xuño 05, 2025
A ferida aberta no Val Miñor e no Baixo Miño
A xornalista Nuria López mantén un máis que interesante podcast que
denomina "A Ferida Aberta no 36". Leva xa publicados 11 capítulos do
máximo interese.
Na descrición deste
undécimo capítulo di:
... propoñemosvos
viaxar ata o sur da provincia de Pontevedra, ata as comarcas do Val Miñor e do
Baixo Miño, zonas que plantaron cara os sublevados e que foron das últimas en
caer tralo golpe militar.
A represión foi
cruenta nestas áreas. A cifra global de vítimas podería rondar as 650, debido
ao volume de detencións e ao movemento de presos que movían a prisión de Tui e
os campos de concentración de Camposancos e Oia. Repasámolo o acontecido coa
axuda do historiador Carlos Méixome e de Helena Pousa, presidenta da Comisión
pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, o Condado e a Louriña.
Poñerémolo foco en
dúas familias especialmente castigadas polos fascistas. A do médico de Tui,
Darío Álvarez Limeses, fusilado en outubro do 36, e a de Darína Domínguez
Andrés, da Guarda: filla de Concha e Andrés e de Manuel Domínguez
"Taxota".
Con Concha Andrés
conversamos neste capítulo e tamén con Pepe Cáccamo, neto de Darío Álvarez
Limeses.
Co gallo do Ano Castelao,
conversamos con Rubén de Lis sobre o seu proxecto "Celebrando a
Castelao".
Déixovos o enlace e a recomendación a seguir o seu podcast, os publicados e
os que van vir.
https://open.spotify.com/show/4djT0mIN0OLMe2gIhJYaES?si=127929310801493e
https://open.spotify.com/episode/0KURehiDCpxl9VegNK5txj






