luns, marzo 13, 2017

Prezo

Todo o mundo ten un prezo? A resposta á pregunta retrotráenos ao debate sobre a condición humana. Entre o lobo hobbseniano e o bo salvaxe roussoniano,; entre o “todos somos corruptos e os que non, é por non teren oportunidade” ou o de que “é a  sociedade quen xera a corrupción”, eximíndonos da responsabilidade individual. O debate non o imos resolver hoxe. Así que seguirá  tan permanente como a corrupción.

Seica o primeiro caso documentado é a denuncia que fai un tal Peser, nos tempos de Ramses II,  doutro funcionario ao que acusa de entenderse cunha banda de asalta-tumbas faraónicas; por suposto que o choio viña de atrás, nas máis antigas sociedades mesopotámicas os “trapicheos” estaban ata regulados por lei. O incorruptíbel Pericles foi acusado de especular coas obras do Partenón, e Demóstenes saíu por pernas tras ser acusado, e condenado, por roubar do tesouro de Alexandre. O fenómeno semella universal e permanente. Ao mellor teriamos que, como Napoleón, limitarnos a pedirlle aos ministros que rouben pouco pero que fagan ben o seu traballo.

Enleados nesta peste corrupta que nos abafa procuramos explicacións do andazo. Apelamos a que no centro e norte europeo a ética luterana impide estas prácticas tan doadas no mundo católico onde falas co cura e saes directo cara ao  ceo envolto en santidade; tamén se aduce que a longa tradición socialdemócrata dos países escandinavos fai que a cidadanía asuma a normalidade de pagar impostos e considere o roubo como unha falta social grave. Pola contra, entre nós, no mundo da picaresca, no que se trata de parecer rico sendo pobre, triunfa a esquizofrenia e a dobre moral e non só non nos preocupa a corrupción, mentres non nos afecte no persoal, senón que mesmo a consideramos un chisco natural e ata simpática. Os grandes corruptos mesmo se acaban convertendo en personaxes populares.

Enrabiámonos  porque un político rouba, tendemos a ser máis laxos cos empresario ou os profesionais liberais e, ao tempo, gabámonos de  evadirmos algún que outro imposto. É evidente que á beira da corrupción dos grandes sempre hai a inconsciente microcorrupción do e vai querer factura?, ti vai facendo, xa cho  reclamarán!...

Nestes coloquios entre amizades aduzo a miña sospeita de que no Reino de España o fenómeno da corrupción é intrínseco, cando menos dende os tempos do duque de Lerma. Un home, como diría Brecht, que “levaba a roupa chea de petos” e seleccionaba  os aspirantes a cargos administrativos non pola súa capacidade técnica senón polo sorriso que lle poñían; aquel que conspirou para afastar do poder  o noso Conde de Gondomar ao que consideraba máis intelixente e con maior formación. Aquel Lerma que tiña o poder de facer favores a quen quixese rematou, na miña opinión, por institucionalizar a corrupción e convertela na construción cultural máis senlleira da España imperial. O franquismo, réxime corrupto por natureza, agrandou esta especificidade española.

Moito nos encabuxamos coas falcatruadas de Rato, Blesa, Urdangarín, e “tutti quantti” pero xa sabemos que ao final non pasa nada. Hai uns meses, no “súper”, na cola do peixe, batín cun deses que agora están un tempo breve no cárcere por mor do cobro dunha “ostentosa e onerosa” xubilación que el mesmo se puxo; claro que houbo xente que o recoñeceu, decateime de miradas mais ou menos sorprendidas, pero ninguén, nin eu, dixo nada.


O anterior vén a conto de que estes días andei a ler un libro no que se cita unha persoa que tratei. Dise nel algo que xa sabía. Sendo sindicalista importante, a dirección dunha multinacional púxolle diante un talón para que escribise a cantidade que quixese a cambio de abandonar a empresa. Rexeitouno. Hai tempo que se xubilou como obreiro e como líder sindical con conciencia de clase. Eses son os imprescindíbeis, diría Bretch.


Domingo, 12 de marzo de 2017

domingo, marzo 12, 2017

Bens de preto

Á vizosa mandarina quédanlle xa poucos dos luminosos froitos que penduraron das súas polas inzadas de verdor. Foi un agasallo do paseo matutino durante meses ollar como a inmensidade froiteira medraba, aos poucos,  virando do verdor iniciático ao esplendor laranxa. Ás veces había fortuna, algunha delas caía ao camiño e permitíanos unha gozosa explosión de frescor e sabor; outras mesmo apertabamos os dedos por entre das mallas do arame delimitador para satisfacer as nosas papilas. Agora os centos de mandarinas estran, podrecidas,  a herba do chan por ninguén ser quen de as  aproveitar. Todo é desconsolo. Metáfora triste dun país.

A irracionalidade do capitalismo adoecido polo mercado impuxo uns hábitos de consumo delirantes; dende o traslado das froitas dende milleiros de quilómetros de distancia ata estereotipos de tamaño, colorido,  brillo... ou o consumo antinatura de cereixas, ou o que fose, polo Nadal. Pouco importa que as froitas carezan de olor, ou que os múltiples e variados produtos químicos empregados para lograr a aparencia de clixé sexan tan perigosos como o estoupido dun reactor nuclear.

Neste asunto, como noutros moitos, bótaselle a culpa aos burócratas de Bruxelas que impoñen unha manchea de normas que limitan as vendas dos produtos do campo. A cousa é máis complexa. Nun país milenariamente labrego, ata hai uns días, todos coñecemos persoas de economía “simbiótica” que din non gustar dos polos da casa ou do leite da vaca. Tamén é pois unha cuestión de colonización cultural, isto é, de desprezo polo propio.
Nas vilas do centro de Europa os mercados locais de cada semana seguen a ser o lugar de subministro de gran parte dos produtos alimenticios da veciñanza. Iso si, con control de calidades, prezos, presentacións...

Dende hai un mes teño a posibilidade de verme un pouco máis europeo e achegarme ata unha das praciñas gondomaresas para mercar verduras, froitas, pan, mel, xaropes, ovos, plantas... no mercado quincenal dos sábados, con garantías naturais e ecolóxicas.

Hoxe manduquei unha escarola de verdade; mañá agárdame un feixiño de acelgas brancas e coloradas e un pan de centeo que sabe a centeo e a pan.

Gustaríame que un día alguén apañase as saborosas mandarinas e eu puidese mercalas na feira semanal dos sábados en Gondomar. Se fose así os tempos estarían cambiando.

Sábado, 11 de marzo de 2017










  

sábado, marzo 11, 2017

A fenda do setenta e dous

Fica no fondo da retina adolescente unha enorme pintada no muro da estación do Empalme. Non lembro que dicía. Era marzo do setenta e dous. A terra tremaba e as réplicas estendíanse polo país todo. Notamos a ausencia do profesor de Literatura, de súpeto substituído pola de Francés. Logo soubemos que o prenderan; dicían que por andarlle a falar aos obreiros de Ferrol para que se sublevasen. A verdade é que aqueles días fora dar clase. Non entendiamos moito e os profesores non amosaban interese en aclarar as dúbidas que comentabamos polo baixo. Regresou antes do fin de curso. Poucos falaban polo claro, mais todos sabiamos que pasaba. Abrírase a fenda.

O outro día o veterano ex-sindicalista de Citröen, Anxo G. Ferreira, referíndose ao devir particular daquel ano e ás consecuencias posteriores na factoría viguesa, falou do ano 1972 como “a fronteira”.

Poderíamos empregar  tamén o termo  para referírmonos a aquel ano no conxunto do país. Alí iniciábase a derrota do réxime.  O antifranquismo galego, autónomo con respecto do español, deseñaba o seu propio camiño cos obreiros das grandes concentracións fabrís (Barreras, Bazán, Citroën) á fronte . Aprendizaxe moi dura a daquel ano, inzada de fracasos, represión, sufrimentos persoais e familiares... pero as organizacións obreiras e as forzas de esquerda e nacionalistas tomaban folgos para afrontar os conflitivos anos que se intuían.

Que 45 anos despois se siga conmemorando a xornada lutuosa do 10 de marzo, no que ducias de traballadores ficaron feridos na ponte das Pías, e dous deles (Amador e Daniel) faleceron, é síntoma do profundo impacto que os acontecementos daquel ano produciron na sociedade galega e da permanencia do mesmo.


Venres, 10 de marzo de 2017

venres, marzo 10, 2017

Cando a democracia fica na porta

Acabo de chegar da presentación do libro de Anxo G. Ferreira, A fábrica. Crónica de corenta anos de acción sindical, o sindicalista curtido en mil batallas da mesma guerra, en mil frustracións da mesma ilusión, experto en achegar miles de cativas areas na construción do común que os colectivos acaban esquecendo ata que teñen que retomar a batalla para recuperar os dereitos perdidos.

Falounos de corenta anos de sindicalismo (1964-2004) nunha fábrica que non nomea pero que todos sabemos cal é. Respectemos o seu criterio. Referiuse ao paternalismo de inspiración franquista que rexía as relacións laborais, na fábrica, ata 1972; das corruptelas argalladas nos bodegóns de Balaídos e Castrelos, da rixidez, dureza e violencia interposta dunha dirección que pretendeu deixar a democracia na porta da fábrica durante os anos oitenta e dos esforzos dunha minoría para gañar dereitos para a maioría.

Sábeo ben quen leva tatuadas na pel as siglas que fixeron e refixeron un proxecto sindical autóctono dende a Unión Sindical Obreira (USO) á Central Sindical Galega (CSG), dende o Sindicato Obreiro Galego(SOG) á Intersindical Nacional Galega (ING) ou á Confederación de Sindicatos Unitarios de Traballadores (CSUT) pasando pola INTG, a Intersindical, a CXTG, a Converxencia Intersindical ata a actual CIG.

Deberiámolo ler con atención nestes tempos nos que non só se pretenden ignorar  as conquistas do sindicalismo de clase senón a existencia mesma da condición de traballador.


Xoves 9 de marzo de 2017

mércores, marzo 08, 2017

Area loura

Din que foi a maior transformación que se produciu ao longo do século XX. As exclusividades tenden a esaxerar. Semella que xunto a urbanización, a revolución rusa,  á desfeita dos imperios, as conquistas sociais dos trinta anos gloriosos, a revolución das comunicacións... e algunha outra máis, a conquista de dereitos da muller e, a partir da década dos sesenta, os cambios de costumes sexuais, foron unha mudanza de fondo no comportamento das sociedades do norte euroamericano. Para decatarse de tan grandes diferenzas só é preciso repasar a Historia da vida privada que dirixiron, hai anos,  Ariés e Duby. Do resto, a enorme maioría do planeta, non falamos.

Emporiso a violencia contra as mulleres, o maltrato, o asasinato, seguen a ter tráxica presenza nese anaco do mundo que temos como parcial referencia. Á beira da brutalidade, aparentes minucias, hoxe case ridículas, seguen a amosarnos a orixe patriarcal na que se asenta a discriminación de xénero.

Estes días o Bloco de Esquerdas reclamou unha modificación do Código Civil, datado en 1966. É evidente que as modificacións, a resultas da Revolución de Abril e da Constitución de 1976, foron intensas. Mais o código portugués segue contemplando, segundo o BE, que:  “Após o divórcio, dissolução ou nulidade de casamento, os homens podem voltar a casar após 180 dias. Já as mulheres só podem fazê-lo após 300 dias”. No mesmo código contémplase a excepcionalidade de as mulleres poderen casar 180 días despois do divorcio, disolución ou nulidade matrimonial no caso de achegar unha  declaración xudicial de non estar grávida ou non ter parido logo da disolución do matrimonio. Eses catro meses de diferenza agochan séculos de discriminación.

Hoxe camiñei polas rúas da cidade da oliveira da man das amigas da Area Loura miñorá, entre xentes novas e vellas que mesturaban o negro lutuoso co violeta reivindicativo cun gusto semellante a como o fixo Teófilo Edicións no Libro das Abandonadas de Xosé Luís Franco Grande. A súa lectura fica en espera.

Mércores 8 de marzo de 2017


Vadear o río

De cando en vez paso o río común para facer a “compra”, dar un paseo, xantar coas amizades, mercar viño ou tomar un café.

Nestas xornadas de reparación corporal e mental xorde, convertida xa en lugar común,  a conversa admirada sobre as vilas do sur: o gusto polo patrimonio construído, o coidado do natural e dos xardíns, a limpeza das rúas, a amabilidade dos vendedores, o falar baixiño nos restaurantes... O contraste entre unha e outra beira é tan salientábel que fai ineludíbel que os falares camiñen pola diferenza.

Despois vén o debate sobre as causas. Aquí xa non hai unanimidade. Uns falan da cultura. Outros de que o salazarismo non era tan ignorante como o franquismo. Os de máis alá dos recursos chuchados ás colonias. Os de máis acá da explotación dos “camponeses”.  E outros da pegada das escolas de arquitectura... Eu apoño tamén o meu parecer; o de que do lado de abaixo teñen soberanía e do de arriba non.

Refírome á “soberanía estética” que reclamaban, en Lugo,  as Irmandades da Fala, hai case un século, sobre “as costruciós urbanas e ruraes”. Demandaban os irmandiños daquela unha lei que obrigase os propietario a “axeitare o estilo das suas costruciós”, permitise a expropiación de “moimentos e paisaxes” e organizase o “ensiño artistico”.

Cada vez que viro cara a Mañufe e ollo o centro simbólico do Val Miñor sen fuste nin capitel, rodeado de piche e de coche e atraveso o río por riba dunha plataforma de formigón sostida por unha ponte do século XII caéme a soberanía estética aos pés.

Martes, sete de marzo de 2017




luns, marzo 06, 2017

Séculos

O 21 de agosto de 1612, a Diego Sarmiento de Acuña, aínda non era Conde de Gondomar,nomeárono embaixador ordinario de Filipe II ante Inglaterra. Había tres séculos que esta comezara a súa expansión colonial, por Irlanda. Gondomar, o conde, apañou fortes dores de cabeza para axudar os seus correlixionarios católicos de Irlanda. Tamén os ingleses e mesmo a fanáticos na procura de martirio.

Case cen anos despois (1706) da embaixada do de Gondomar,  a católica Escocia uníase, mediante o Tratado da Unión, a Inglaterra; nacía o Reino Unido da Gran Bretaña que se consolidaba como potencia imperial ao tempo que a Monarquía Católica, xa en mans dos Borbóns, agravaba o seu declive.

Nese mesmo ano o Decreto de Nueva Planta de Filipe V abolía os Foros e Constitución dos reinos de Aragón e Valencia. Uns anos despois os de Mallorca e as Pitiusas, o 16 de xaneiro de 1716 a constitución do Principado de Cataluña.

O outro día o Sinn Féin acadou un gran apoio electoral en Irlanda do Norte. O entrambilicado sistema de equilibrios deseñado no acordo do Venres Santo de 1998 non empece que, máis cedo que tarde, chegue o momento da convocatoria dun referendo no norte irlandés para acordar sobre a unificación con Irlanda.

O brexit deu azos aos partidarios da unificación de Irlanda e deprimiu os ánimos dos unionistas británicos. A decisión referendada de abandonar a Unión Europea empurrou o nacionalismo escocés a presentar diversas propostas de relación coa UE. O nacionalismo catalán, e moitas persoas demócratas que non se reclaman do nacionalismo, demandan, dende hai anos, algunha forma de consulta sobre a súa relación con España.

A historia non se repite, pero tampouco esvaece.

Luns, seis de marzo de 2017