xoves, maio 18, 2017

VAR con V

Métencho polos ollos. Ao mellor non se decatan do efecto saturación do que se fala na química cando o incremento da cantidade de soluto fai que xa non sexa posible aumentar a concentración. É ben certo que gusto do fútbol, como deporte e como espectáculo. Pero doses tan elevadas fan que un non sexa quen de seguir tanta actividade e sinta unha certa anguria.

O éxito do fútbol como deporte segue a ser indiscutible. A beira da miña vivenda hai un campo de herba artificial,  vicerreinado Louzán, á que non lle debe ser moi doado soportar (á herba, non a Louzán) as carreiras permanentes de centos de cativos, rapaces e rapazas, non tan cativos e mesmo entrados en anos e carnes que todos os días, en especial as fins de semana, dedícanse a darlle couces ao balón entre os berros desaforados dos adestradores (non sei se habería que dicir coaches para que se entendese) para desesperación, supoño, dos que teñen que cadrar horarios, e cabreo da veciñanza que temos que soportar as varonís ordes, a musiquiña da “ champions” (outra que xa non se entende doutro xeito), e os reiterados Happy birthday to you.

É evidente,  o que se olla dende o balcón da miña vivenda non é o mesmo, nin na orixe, nin no fin, nin, sobre todo, na execución, a respecto do que podemos ver en Balaídos, onde o balón voa trinta ou corenta metros do pé dun xogador ao doutro que ademais vai correndo a toda velocidade. Hai anos lin nun manual de Historia da Filosofía explicar a idea platónica de beleza, da esencia, a partir dun pase de Maradona. Era enxeñosa e útil para captar a atención da adolescencia futboleira. Escusen as persoas lectoras entendidas e mesmo as non afeccionadas ao espectáculo da patada, pero percibir o xogo de liñas e movementos dun deses equipos estelares aproxímase moito, ao meu entender, aos conceptos esenciais, se é que estes existisen, de ritmo, estética, orde, coordinación, composición, xeometría...

Así que  esoutro día acendín o televexo, que diría  de coña o Manuel María. Ningunha novidade, poñían fútbol. Xogo de amizade entre as seleccións española e francesa. Pero había sorpresa. Había VAR, con V. Nalgún lugar vin este rotulo, así que aproveito para pillalo para a ocasión. Non facía referencia ao lugar para coller o “bocata” ou os refrescos, senón a “videoarbitraxe”, que non sei tampouco como fixeron para tirar de aí o de VAR.

O caso é que cando o equipo formado na súa maioría por gavachos coloniais meteron a bola na portería, o arbitro sinalou o centro do campo; pero alguén dende as alturas díxolle que erraba e o gol foi anulado. Pouco despois, cando un dos cataláns que xogan para España fixo o mesmo, e, pola contra, o colexiado considerou que estaba en fóra de xogo, dende as alturas corrixírono e deron o gol como válido.

Cómo é lóxico a confusión entre xogadores e espectadores foi grande. Os que aplaudían excitados tiveron que deter de súpeto o seu entusiasmo, os magoados rostros mudaron en ledos sorrisos  e acenos de rexouba pola sorpresa. O goleador, un,  tivo que deixar as monadas celebratorias para mellor ocasión  e o outro poñerse a facelas  sen a espontaneidade do momento.

Ben sei que custa afacerse ás novidades, mais este “interruptus” celebrador, ou lamentador, ameaza con saturar a sobreexposición futbolística e limitar tanto a salsa do debate postpartido como o engano xustificador da derrota.
Xoves, 30 de marzo de 2017

Descifrado

Enrique Súarez Grela, dos "espallantes" craador da Orquetra Spallant
O outro día contáralles que, como exercicio de curiosidade, andara durante un tempo a remexer nas necrolóxicas. Entre a ampla restra que lles citaba estaba, infortunadamente, a de Miguel Suárez Barros que ía acompañado do esclarecedor alcuño, para os coñecedores,  de “Spallant”, e que eu cualificaba de “indescifrábel”. A miña precipitada afirmación tiña orixe na sospeita de que se trataba dun erro mecanográfico. Pois nin era inescrutábel, nin unha equivocación do receptor, nin do  transmisor. Era así, Spallant.

Informounos  a amiga Susana López quen nos indica que Miguel herdara o alcume da súa familia “os espallantes”, do barrio coruñés do Birloque. O seu pai, Enrique Súarez Grela, un célebre acordeonista,  transformou o alcume para lle dar un aire moderno e un chisco misterioso á denominación da súa orquestra, a celebre  Orquestra Spallant da Coruña. Durante os anos tristes do franquismo a orquestra Spallant  aledou tardes e noites das xentes dos arredores da Coruña; dende 1948, ano da súa fundación, ata 1972, no que se disolve polo falecemento da nai de Miguel.
Osquetra Spallant

Miguel herdou as afeccións e habilidades musicais paternas,  durante 23 anos dirixiu o Conservatorio de Carballo, pero con anterioridade, a mediados dos setenta, formara grupos como Los Spiders e andou con varias orquestras animando as salas da Costa da Morte e dos Bergantiños, ás veces en compañía de Pucho Boedo. Formou parte da Orquestra de Jazz da Coruña.
Miguel Súarez Barros "Spallant"


Asentado en Carballo non deixou de dinamizar o conservatorio  con clases para nenos, organizar concertos de alumnos e dirixir unha Big Band.

Que a terra lle sexa leve a estes dous músicos do pobo e grazas a Susana por descubrinos o que, de xeito precipitado, considerabamos, insondábel.


Mércores, 17 de maio de 2017

mércores, maio 17, 2017

Sobre bispos cubanos

Foto: Roi Fernández/ La Voz de Galicia
Pois a cousa non foi de broma. O outro día contáballes, despois dunha chiscadela a un titular de prensa, o meu regreso ao pasado ensinando o carné e baixando do coche a indicación da Garda Civil. Viña o Papa a Fátima. Retornaban as fronteiras, as restras de automóbiles e un retrouso á miña cabeza. Nos tempos de escolante no “Colexio Isabel la Católica”, daquela as escolas tiñan nomes rimbombantes, ao chegar o mes que andamos , inzaban as actividades de exaltación de fe cristiá por estar no “mes de María” e tiñamos que repetir a estrofa dun cántico relixioso en referencia ao 13 de maio, a ascensión da Virxe aos ceos e aos pastores de Fátima. Nos días seguintes a información matizouse e non sei moi ben como quedou. En calquera caso, aquel mércores, quitáronseme as ganas de ir  á feira.

Na súa visita ao santuario lusitano, o Papa, leo nun xornal, afirmou: “Derribaremos todos os muros e superaremos todas as fronteiras”. Ben sei que o Papa falaba en sentido elevado e non se refería a ter que botar media hora para entrar en Valença.

Mais o asunto non foi de broma. Segundo podo ler noutro xornal, tivo os seus efectos colaterais. O bispo auxiliar da Habana, Juan de Dios Hernández Ruíz, por mor das leas fronteirizas non chegou a tempo de acudir aos actos papais.

Pero o home do solideo violeta non perdeu o tempo. O prelado non ten xénese galega pero si amizade cunha familia orixinaria de San Xián de Veiga, no concello lucense de Pobra do Broullón. O párroco e os fregueses  non perderon a oportunidade e dado que a visita a Fátima se complicaba convidaron o  bispo a dicir a misa no día grande da parroquia.

Ben se ve que debe ser un home xeneroso e sensible. Primeiro porque na vez de dicir a misa no interior da igrexa parroquial, unha humilde edificación románica de mediados do século XII, adaptouse aos gustos locais e díxoa dende o palco do campo da festa. Desculpouse por se topaban algunha cousa estraña no seu xeito de celebración ao xeito cubano e na homilía lembroulle á veciñanza a importancia de  manter a fidelidade ás raíces culturais e espirituais. “Cando non hai raíces non hai identidade e cando non hai identidade non hai consistencia”, seica dixo. Mesmo na súa xenerosidade non tivo empacho en presidir a procesión dende a igrexa ao lugar de celebración da eucaristía seguido por unha charanga con aires caribeños adobiados con floreadas camisas de guiris praieiros que poñían en evidencia o escaso éxito da súa homilía sobre a identidade. A imaxe de Roi Fernández é máis útil que as miñas palabras.

Lembreime do arcebispo de Santiago de Cuba Enrique Pérez Serantes a quen Fidel Castro lle debía a vida, segundo el mesmo lle conta a Ramonet  no seu libro de conversas. O metropolitano era parente de Casares. Un dia falounos del. Da súa impoñente presenza coa cruz, o faxín e o solideo, de como o saudaban os gardas e de que cando chegaba todos o trataban  “como se fose o rei”. De como o de andar dicindo que quería ser arcebispo serviulle a súa nai de desculpa para mandalo ao seminario. De como admiraba a aquel home bo, gordo, comellón... “que metía as pavías enteiras na boca”, díxonos nunha entrevista radiofónica.

Aquel arcebispo que inspirou, de lonxe, o protagonista de Ilustrísima, seica vén de publicarse en inglés, debíase parecer moito a este bispo.


Martes, 16 de maio de 2017

martes, maio 16, 2017

Os fungóns e o sorriso de Carmena

Hai unha escena en Novecento, cando a folga dos braceiros, na que uns ridículos patróns andan a facer que apañan no pan, escoitando unha leda música vertida por un gramófono, cos seus elegantes e níveos ternos e unhas cadeiras, baixo un enorme tornasol prendido entre altas árbores, nas que acougar as amolecidas carnes esgotadas, abafadas por suores  cheirentas.

Mentres os labregos, o cativo Olmo e o avó, andan a choutar polas canles de rego, procurando a fresca e coa rexouba de ver os desesperados terratenentes . Di o vello, tiven que vivir tantos anos para ver traballar os facendeiros!, isto debe ser o paraíso, os ricos a traballar e os pobres a folgar. Só era aparencia. Ao remate da escena o avó morre no sosego da natureza e Olmo  continuará a súa interminable loita pola xustiza. Novecento é o gran drama social da Italia da primeira metade do século XX. Infortunadamente Bertolucci non se puxo coa segunda metade.

Na España, ata o conflito social é asunto de  “peineta” e castañolas, de dramiña churrusqueiro, de farándula e opereta, de curral nubrado valleinclanesco. Aquí non se ven os facendeiros facer que traballan pero si fungar e, o que é peor, roubar.

O outro día as pretendidas elites puxéronse a fungar cando a alcaldesa da capital saíu para entregar un premio de tenis. Seica están enfadados con esta señora de traxectoria impecable, xestión comedida e sorriso nos beizos. Non é “chic”, nin de tendas de Serrano, nin sabe “hacerse la rubia” como dixo a emerxente substituta da cólera aguirriana. Seica algúns están enrabexados porque lles sacou os pases VIP.

Non paran de fungar. Seica a perversa alcaldesa agora é unha aliada do “soberanismo catalán”, un demo con cornos e rabo ao que os españois de ben teñen que esconxurar e a súa alcaldesa debería abandeirar, a semellanza do alcalde de Mostoles ao berro de “La patria está en peligro”.

O presidente catalán quere explicar a súas propostas a finais deste mes en Madrid, acompañado de Junqueras e Romeva. Xa que o presidente Rajoy non o recibe, quixo dar explicacións no Senado, onde tampouco pode, e ao final vaino facer nun local municipal. A palabra en democracia é o primeiro despois o voto.

A dexeneración das elites políticas e económicas herdadas do franquismo e asentadas na transición dá noxo, por iso fungan contra unha señora educada, amable e sorrinte que non se presta a temperarlles as “súas” gaitas nin a imitarlles os seus postureos capitalinos.

Luns, 15 de maior de 2017


luns, maio 15, 2017

Remexendo nas necrolóxicas

Hai unha cultura que se perde nas necrolóxicas. A denominación dos achegados, polo oficio, pola casa presidida polo patrucio, polo diminutivo de proximidade ou porque lles deu a gana de cambiar o nome. Unha cultura achegada ás persoas, afastada das denominacións burocráticas, das relacións entre urbanitas, da identificación polo número de carné, agora de móbil.

Ao meu amigo Antonio Valverde ninguén o coñecía, no seu circulo de afectos, por tal nome. Chamáronlle así ao momento de inscribilo, pero para todas as demais persoas (fillos, muller, sobriños, irmáns, amigos...) era Juan. Antonio era nos papeis, o nome burocrático.

Suso “Corneta” foi, hai anos, patrón maior de Baiona. El mesmo  mo contou. Nunha ocasión chegou o carteiro ás oficinas da lonxa cun certificado ao seu nome. Un dos empregados díxolle que se achegase ao bar de enfronte que estaba a tomar un café. O empregado de correos entrou na cafetería e pregunto por Jesús López Fernández (coido que así era). Suso puxo cara de estrañeza, matinou, volveuse cara aos parceiros de café e dixo: Jesús López..., Jesús López...? Volveuse cara ao  mozo vestido de amarelo con ollos de sorpresa. De súpeto pegou un chimpo, bateu na testa e dixo: Coño, pero se son eu!. Desculpa é que había moitos anos que ninguén me chamaba así. E que eu son Suso Corneta dende a mili.

Por unha ocorrencia con isto dos nomes levo días remexendo nas necrolóxicas. Non por nada morboso, aínda que ás veces  xa se che escapa o de “foiche ben novo!” cando bates con algunha persoa morta, máis ou menos da túa idade. É o que di miña nai cando, despois de escoitalas pola radio, observa que case todas as persoas das que se anuncia a defunción eran máis novas ca ela.

O motivo é simple. Comprobar o que todos sabemos, ao longo dun certo tempo. Así que andei apañando necrolóxicas de dous xornais no último mes, máis ou menos, sen ningunha pretensión exhaustiva. Como o montonciño comezaba a amolar enriba da mesa, decidinme a revisalas para deixar sitio. Nin contei as que tiña, supoñamos que unhas duascentas, arriba ou abaixo. Delas tres en galego e catro sen signo cristián. Sen moita coincidencia entre elas, as que estaban en galego levaban cruz e as que non a tiñan estaban en castelán. Non se ve pois correlación algunha, a simple vista.

Como é lóxico, tras o nome oficial, vén algunha outra identificación, por exemplo, viúvo ou viúva de..., propietario ou propietaria de..., empregado de... ou o oficio que realizaban como no caso de Tito “O carpinteiro” ou de Manolo “El carnicero”. Tamén é comprensible que acompañando o nome burocrático apareza o nome de proximidade que  emporiso non ten por que coincidir co comunmente estipulado. Así, Josefa aclárase con Pepucha; Carmen con Mucha, que tamén vale para María ou para Mercedes; José Ramón con Moncho, Dolores con Lola, Jacinta con Tita,  Baldomero con Baldo, María con Maruja, Enrique con Quique, Ángel con Gelucho, Francisco con Fran, Inocencio con Cencio, José Manuel con Manel, Abelardo con Lalo, Francisca con Paca. Algúns son máis rebuscados, como por exemplo derivar Tito de Aniceto, Tina de Argentina, Lina de Adelaida ou de Francelina, Chicho de Laureano ou Carmiña de Benedicta. Outros son abertamente exóticos, como sacar de Ángela, Pika, de Francisca, Totó, de Francisco, Choli, de Matilde, Matucha, ou de Asunción o enxebre Sión.

A cousa comeza a poñerse interesante cando hai que precisar o apelativo de proximidade referíndoo a un lugar ou familia, asi Maruja do Campo, Lola de Veigueiro, Maruja dos Teixedelos, Perfecto de Xan da Naia, Marina da Culá, Concha da Canuxa, Paulino de Romeu de Vilarxá, María da Furadiña, Alfonso da Regueira do Esto, Maruja da Telva, Carmen de Mareque, María da Paxeta, Armando de Lentille ou Aurelio do Monte. E xa ao concretar máis imos atopando cousas como que José María Laranxeira era coñecido como “Xeiro”; José Platas como “Platas o do Empalme”; a Amante Serodio dicíanlle “O Carballeira”, non sabemos se ten algunha relación coa súa hipotética tardanza amatoria; Elvira era “a do Pellicas” e Rosa Martínez “A Cullareira”, os do xornal puxéronllo xunto; Fina de Andrés, Feliciano de Ferrín; José Matos era “Ché Vasques”, Ramón Pallas, “Ramón das Nenas” e Marcial era “O Casalongas”.

José Figueiro era nomeado “O Costoio”, Carlos Rodríguez era “Choco”, José Gómez era “Coco”, José Souto, “Guiri” e Manuel Márquez, “Puja” e Andrés Granja, “Carrasqués”, José Pena era “Barosa”, Carlos Rey “Carelle”, Roberto Molares “Sillo”, o apelidado Martínez era “Pirri” como o xogador do Real Madrid que alcumou a tantos rapazolos.

Chegamos aos que calquera semellanza é ben afastada. A Lucindo Crespo Calvario chamábanlle José e a Manuel Costas Alonso, Manolo Núñez. Supoñemos que polo físico José Refojos era “O Roxo”, que pola procedencia Malena era “A Mezquita” e pola paternidade Leonor “A Calviña”. Un indescifrable “Spallant”, supoñemos incompetencia do redactor, refírese a Miguel Súarez. Benjamín era “ O Rapaqueixos” e Luís Gómez “Luisito Madrileño”. Muller de armas tomar debía ser Marina “A Espartona”. Remato con Antonio de Laureana que me atendeu tantas veces nun fugaz tris tras de idas e voltas na súa tenda.

Nestas notas necrolóxicas bates ás veces con situacións tan emotivas como que María Argentina López Gómez e o seu esposo Demetrio Barallobre Gómez “faleceron no día de onte aos 94 e 95 anos, respectivamente...”

Domingo, 14 de maio de 2017



domingo, maio 14, 2017

Os da machada

Onte, xunto ao sobriño do autor, o psiquiatra e músico Antón Seoane, e o tamén psiquiatra, Tiburcio Angosto, presentamos o libro de memorias de Antonio Seoane, un militar profesional que combateu, en Cataluña, na guerra de España, en defensa da República. Non era o autor nin socialista, nin comunista, nin nacionalista catalán, nin republicano; mesmo no seu febril testemuño redactado, ou cando menos asinado, entre abril de 1939 e o mesmo mes dun ano despois, defínese como monárquico. Formado en Toledo, fixo as primeiras armas no Rif, ás ordes de personaxes como Millán Astray ou Sanjurjo “o León do Rif”, participa na Sanjurjada sevillana (maio de 1932), encarcerado, xulgado, é absolto por “obediencia debida”. En xullo de 1936 é tenente, ao pouco capitán, da forza republicana por excelencia, a Garda de Asalto. A gran ensinanza destas memorias, aparte dos desastres da guerra, o estado máis irracional da violencia humana, é poñer en evidencia que a realidade é difícil de someter á disciplina interpretativa dos manuais.

No posterior albaroque, en conversa co doutor Agosto, comentoume que un dos seus pacientes, cun repenique fachendoso, díxolle que era “de Mañufe, dos da machada”. O meu contertulio intuíu o sentido pero descoñecía o motivo concreto da expresión. Púidenlla contar por riba, por non haber moito tempo que a rememorara lendo o capitulo dedicado ao tema polo profesor Xan Carlos Abad no primeiro volume dos seus Días negros.

O alcuño parroquial ten a súa orixe no xa recuado 1927 pero segue vivo entre os dicires das xentes de Gondomar. Unha noite de setembro uns berros aterecidos espertaron os veciños máis próximos  da, un chisco illada na estrada da Ramallosa, casa do doutor Ángel Gestal, médico municipal e abastado propietario. Entre algunhas das súas moitas pertenzas estaba o Pazo de Fontán e a súa finca, que adquirira uns anos antes da fatídica data; hoxe a quinta está esgazada, nunha maior parte dela aséntase o CEIP Chano Piñeiro, mentres o pazo é unha ruína, síntoma do desleixo patrimonial que nos abafa e da xestión municipal inspirada pola exclusiva rendibilidade electoral a curto prazo.

O caso foi que, aquela noite, entraron na casa do doutor, matárono a el e a súa cuñada, feriron de gravidade a  cociñeira e a súa muller e aterrorizaron os tres cativos da familia. O rebumbio que montou tal animalada pódeno imaxinar: a investigación, a prensa, o xuízo, o díxome, díxome... O Faro de Vigo vendeu exemplares a eito, mesmo, aínda na actualidade, cada certo tempo rememora o “crime de Mañufe”. Do truculento dobre asasinato, das brutais feridas infrinxidas ás dúas mulleres e do terror provocado  nos pequenos foron acusados, e condenados,  dous veciños da parroquia de orixe portuguesa. Un deles, o autor material, mesmo representou, sen éxito, o papel de valoroso  veciño, entrando de primeiro na casa, acalmando a  esposa, que non o recoñeceu, e retirando os rapaces do macabro escenario. De pouco lle serviu, pois un monte de probas o acusaban, mesmo a identificación por parte da cociñeira. Ámbolos dous foron condenados; o autor material a reclusión perpetua. A arma do crime foi unha machada.

A barbaridade era suficiente para recordar o instrumento do crime. Pero é que uns meses antes, na noite da festa do San Brais, asasinaron, a machadazos, ao abastado indiano Sebastián Vázquez Alonso. Deste outro crime de Mañufe, menos coñecido, foron acusados tres homes e dúas mulleres. Dous dos varóns tamén nacidos en Portugal. Para os tres solicitouse pena de morte. Tras o xuízo ficaron exonerados por falta de probas.

Así que non é de estrañar que en Mañufe ficara como símbolo de brutalidade “os da machada”. Mesmo como orgullo desa fachenda indómita, semellante ao do meu Lalín, no que se afirmaba, e afirma, “son de Lalín con razón ou sen ela, ao que me dea un pau doulle un peso e se é de carballo, trinta reás”. A verdade é que eran máis acougados que en Mañufe. Seica os paus fan referencia á  querenza a desfacer as festas a fungueirazos.

Sábado, 13 de abril de 2017




sábado, maio 13, 2017

Por qué non hai revolta?

  
    Conversa de taberna entre xente que, por idade, tivo a fortuna de ter traballo seguro, máis ou menos remunerado, e perspectiva, só un chisco incerta, de pensión de  vellez, tamén, máis ou menos aquelada. Reiterada conversa. Que fai a xente nova que non se arrepón? Sen traballo ou mal pago, horarios de antes do capitalismo salvaxe polos que lle cotizan media xornada, retraso constante dun proxecto vital, redución do paro a base de “master” tras “master”, a xeración máis formada, seica?, emigra, coma sempre..., xa sabe a persoa lectora.

Eu dígolle que se moven. Dinme que va!, están apoucados, protexidos en exceso, non teñen xenio, confórmanse... Semella que quen está en menos dificultades ten  présa, queren a revolta inminente, xa, mais... as revoltas son lentas, na verdade, son acumulacións de pequenas e grandes reformas, nas que hai excepcións explosivas con retroceso incorporado. Insisto en que é a xente nova a que está facendo esa transformación, mesmo afacéndose a unha realidade non esbardallante como a nosa; ao fin e ao cabo o que provocou a crise foi a “nosa” xeración, a que cuestionou o socialismo e abrazou con paixón o, imposible, capitalismo popular, a xeración que saía entusiasmada cos carriños da compra ata os topes...

Ah! Eu non, eh!, eu tampouco, eh!..., é que a xente... Entón sae o elitismo da esquerda. É que a xente... non entende... Daquela, non será que quen non entende é a xente que se di da esquerda? Estas cousas do “nivel alto” está ben para  a arte, a literatura, a cultura... pero non para cando queremos transformar a realidade. Tan elitista é rebaixar o discurso creativo, baixo a desculpa de que a xente non entende, como acusar a  xente de non entender o discurso político da esquerda. Unha esquerda que por outra parte carece dun “relato”, seica se di agora así, que sexa quen de superar a constatación do fracaso, parcial, da escisión xestada neste ano hai un século; e seguir sen ser quen de conxugar con tino catro conceptos ben simples, “democracia” (herdada da revolución burguesa), socialismo (herdado do movemento obreiro), liberdades individuais (herdadas do liberalismo e do anarquismo), liberdades colectivas (herdadas do antiimperialismo), e axeitar eses catro valores á realidade, cada vez máis agoniante, dun planeta que, como a vida mesma, é limitado.

Conta Stefan Zweig, mozo rico na Viena dos Augsburgo, que lembraba unha das cociñeiras da casa, desconsolada, bañada en bágoas de pesadume por mor do falecemento dunha famosa actriz de teatro. E anota: “O grotesco desta tristeza excessiva  consistia evidentemente no facto de esta velha cozinheira quase analfabeta nunca ter estado uma única vez no Burgtheater e nunca ter visto a Wolter, nem em palco, nem na vida real...” e tamén que o seu pai, un xudeu burgués abastado, non acudía a determinado café vienés, non por falta de riquezas, nin por aforrar, senón por considerar embarazoso sentar nunha mesa ao lado do príncipe tal ou do príncipe cal.

Hai unha serie de tv, Dowton Abbey, un “remake”, daquel xeito, da serie “Arriba e abaixo”, moi popular na década dos setenta, que reflicte con moito tino tanto a lenta acumulación de cambios nunha aristócrata familia terratenente inglesa como a resistencia aos mesmos por parte dos “acomodados”, non importa se “arriba” ou “abaixo”. O conde, o mordomo e os criados resístense ás mudanzas; a condesa-nai e a condesa-herdeira están sempre dispostas ás mudanzas sempre que non vaian, en substancia, na súa contra; os criados disputan entre si polos postos de escintileo, isto é, os que estean máis  preto dos señores; os socialistas vanse acaramelando segundo son convidados a algunha que outra cea...

En fin, nisto, como en moitas outras cousas, seguimos igual, pero o condado de Dowton, ou o de Gondomar, xa non existe como organización social e económica; dos príncipes vieneses nin nos lembramos e aqueles imperios desapareceron un pouco antes de que nacese miña nai.

É que a xente...! No de xente, hai de todo... entre outra, moita, alienada, ese concepto herdado de Marx, tan descritivo, do que non é preciso abusar no discurso político pero que cómpre lembrar no discurso creativo.


Venres, 12 de maio de 2017