xoves, maio 18, 2017

VAR con V

Métencho polos ollos. Ao mellor non se decatan do efecto saturación do que se fala na química cando o incremento da cantidade de soluto fai que xa non sexa posible aumentar a concentración. É ben certo que gusto do fútbol, como deporte e como espectáculo. Pero doses tan elevadas fan que un non sexa quen de seguir tanta actividade e sinta unha certa anguria.

O éxito do fútbol como deporte segue a ser indiscutible. A beira da miña vivenda hai un campo de herba artificial,  vicerreinado Louzán, á que non lle debe ser moi doado soportar (á herba, non a Louzán) as carreiras permanentes de centos de cativos, rapaces e rapazas, non tan cativos e mesmo entrados en anos e carnes que todos os días, en especial as fins de semana, dedícanse a darlle couces ao balón entre os berros desaforados dos adestradores (non sei se habería que dicir coaches para que se entendese) para desesperación, supoño, dos que teñen que cadrar horarios, e cabreo da veciñanza que temos que soportar as varonís ordes, a musiquiña da “ champions” (outra que xa non se entende doutro xeito), e os reiterados Happy birthday to you.

É evidente,  o que se olla dende o balcón da miña vivenda non é o mesmo, nin na orixe, nin no fin, nin, sobre todo, na execución, a respecto do que podemos ver en Balaídos, onde o balón voa trinta ou corenta metros do pé dun xogador ao doutro que ademais vai correndo a toda velocidade. Hai anos lin nun manual de Historia da Filosofía explicar a idea platónica de beleza, da esencia, a partir dun pase de Maradona. Era enxeñosa e útil para captar a atención da adolescencia futboleira. Escusen as persoas lectoras entendidas e mesmo as non afeccionadas ao espectáculo da patada, pero percibir o xogo de liñas e movementos dun deses equipos estelares aproxímase moito, ao meu entender, aos conceptos esenciais, se é que estes existisen, de ritmo, estética, orde, coordinación, composición, xeometría...

Así que  esoutro día acendín o televexo, que diría  de coña o Manuel María. Ningunha novidade, poñían fútbol. Xogo de amizade entre as seleccións española e francesa. Pero había sorpresa. Había VAR, con V. Nalgún lugar vin este rotulo, así que aproveito para pillalo para a ocasión. Non facía referencia ao lugar para coller o “bocata” ou os refrescos, senón a “videoarbitraxe”, que non sei tampouco como fixeron para tirar de aí o de VAR.

O caso é que cando o equipo formado na súa maioría por gavachos coloniais meteron a bola na portería, o arbitro sinalou o centro do campo; pero alguén dende as alturas díxolle que erraba e o gol foi anulado. Pouco despois, cando un dos cataláns que xogan para España fixo o mesmo, e, pola contra, o colexiado considerou que estaba en fóra de xogo, dende as alturas corrixírono e deron o gol como válido.

Cómo é lóxico a confusión entre xogadores e espectadores foi grande. Os que aplaudían excitados tiveron que deter de súpeto o seu entusiasmo, os magoados rostros mudaron en ledos sorrisos  e acenos de rexouba pola sorpresa. O goleador, un,  tivo que deixar as monadas celebratorias para mellor ocasión  e o outro poñerse a facelas  sen a espontaneidade do momento.

Ben sei que custa afacerse ás novidades, mais este “interruptus” celebrador, ou lamentador, ameaza con saturar a sobreexposición futbolística e limitar tanto a salsa do debate postpartido como o engano xustificador da derrota.
Xoves, 30 de marzo de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario