mércores, maio 17, 2017

Sobre bispos cubanos

Foto: Roi Fernández/ La Voz de Galicia
Pois a cousa non foi de broma. O outro día contáballes, despois dunha chiscadela a un titular de prensa, o meu regreso ao pasado ensinando o carné e baixando do coche a indicación da Garda Civil. Viña o Papa a Fátima. Retornaban as fronteiras, as restras de automóbiles e un retrouso á miña cabeza. Nos tempos de escolante no “Colexio Isabel la Católica”, daquela as escolas tiñan nomes rimbombantes, ao chegar o mes que andamos , inzaban as actividades de exaltación de fe cristiá por estar no “mes de María” e tiñamos que repetir a estrofa dun cántico relixioso en referencia ao 13 de maio, a ascensión da Virxe aos ceos e aos pastores de Fátima. Nos días seguintes a información matizouse e non sei moi ben como quedou. En calquera caso, aquel mércores, quitáronseme as ganas de ir  á feira.

Na súa visita ao santuario lusitano, o Papa, leo nun xornal, afirmou: “Derribaremos todos os muros e superaremos todas as fronteiras”. Ben sei que o Papa falaba en sentido elevado e non se refería a ter que botar media hora para entrar en Valença.

Mais o asunto non foi de broma. Segundo podo ler noutro xornal, tivo os seus efectos colaterais. O bispo auxiliar da Habana, Juan de Dios Hernández Ruíz, por mor das leas fronteirizas non chegou a tempo de acudir aos actos papais.

Pero o home do solideo violeta non perdeu o tempo. O prelado non ten xénese galega pero si amizade cunha familia orixinaria de San Xián de Veiga, no concello lucense de Pobra do Broullón. O párroco e os fregueses  non perderon a oportunidade e dado que a visita a Fátima se complicaba convidaron o  bispo a dicir a misa no día grande da parroquia.

Ben se ve que debe ser un home xeneroso e sensible. Primeiro porque na vez de dicir a misa no interior da igrexa parroquial, unha humilde edificación románica de mediados do século XII, adaptouse aos gustos locais e díxoa dende o palco do campo da festa. Desculpouse por se topaban algunha cousa estraña no seu xeito de celebración ao xeito cubano e na homilía lembroulle á veciñanza a importancia de  manter a fidelidade ás raíces culturais e espirituais. “Cando non hai raíces non hai identidade e cando non hai identidade non hai consistencia”, seica dixo. Mesmo na súa xenerosidade non tivo empacho en presidir a procesión dende a igrexa ao lugar de celebración da eucaristía seguido por unha charanga con aires caribeños adobiados con floreadas camisas de guiris praieiros que poñían en evidencia o escaso éxito da súa homilía sobre a identidade. A imaxe de Roi Fernández é máis útil que as miñas palabras.

Lembreime do arcebispo de Santiago de Cuba Enrique Pérez Serantes a quen Fidel Castro lle debía a vida, segundo el mesmo lle conta a Ramonet  no seu libro de conversas. O metropolitano era parente de Casares. Un dia falounos del. Da súa impoñente presenza coa cruz, o faxín e o solideo, de como o saudaban os gardas e de que cando chegaba todos o trataban  “como se fose o rei”. De como o de andar dicindo que quería ser arcebispo serviulle a súa nai de desculpa para mandalo ao seminario. De como admiraba a aquel home bo, gordo, comellón... “que metía as pavías enteiras na boca”, díxonos nunha entrevista radiofónica.

Aquel arcebispo que inspirou, de lonxe, o protagonista de Ilustrísima, seica vén de publicarse en inglés, debíase parecer moito a este bispo.


Martes, 16 de maio de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario