martes, decembro 26, 2017

White o desenmascarador


“Los criollos prefieren que se les llame americanos: y desde la paz de Versalles y, especialmente, después de 1789, se les oye decir muchas veces con orgullo: “Yo no soy español, soy americano”; palabras que descubren los síntomas de un antiguo resentimiento. Delante de la ley todo criollo blanco es español; pero el abuso de las leyes, la falsa dirección del Gobierno colonial, el ejemplo de los estados confederados de la  América septentrional y el influjo de las opiniones del siglo han aflojado los vínculos que en otro tiempo unían más íntimamente a los españoles criollos con los españoles europeos”. Así se expresaba José María Blanco White no seu xornal publicado en Londres entre 1810 e 1814. Era “El español”, cabeceira que agora resucitou en exercicio falsario un tal Ramírez.

Analizaba o intelectual, vítima do ostracismo, o proceso da elaboración da Constitución de Cádiz (1812) e intuía, con sensación de proximidade, o que era unha evidencia, tras o proceso de Declaración de Independencia de los Estados Unidos ao que fai referencia, a Revolución Francesa en 1789, a revolución haitiana de 1805, a derrota, no mesmo ano, da flota española en Trafalgar e o coñecido como Grito de Dolores (1810) pronunciado por Manuel Hidalgo en México. A inminencia previsíbel era a desfeita do Imperio español en América que dez anos despois de que Blanco White peche o seu xornal estará concluída, agás dalgúns territorios insulares (entre outros Cuba) que permanecerán baixo o seu dominio ata o remate do século.

White era un racionalista, un liberal sincero, tanto na política como na economía, profundamente anticlerical e amante da liberdade polo que pouco tempo puido residir nunha España “dividida en dos partidos: uno que nada ve ni nada atiende sino a convertir en leyes una porción de máximas abstractas; otro que a nada aspira sino a conservar la tiranía que ha reinado allí desde los siglos bárbaros”.

O dítame era ben certeiro, a incompatibilidade entre os patriotas inchados de principios doutrinais pero que llos denegan tanto aos insurxentes americanos como aos escravos negros e os que despois serían alcumados como “servís” pola súa obediencia submisa ao monarca restaurador do absolutismo. A actitude timorata dos liberais de doutrina e a conservadora dos que só pretendía manter os seus privilexios, custoulles aos primeiros a persecución das décadas seguintes e a España varias guerras civís, o estancamento político e a perda de posicións de avanzada no desenvolvemento do capitalismo.

Se puidese, recomendaríalle aos progresistas de hogano unha relectura, aínda que fose transversal dalgúns escritos de José María Blanco White ou, se isto fose moito esforzo, lembraríalle a chanza do Cánovas, conservador, escravista,  axente ao servizo da primeira restauración borbónica, cando no debate sobre a Constitución, a de 1876, ao redactar o artigo sobre quen eran españois, exclamou con “gracejo” malacitano: “pongan que son españoles los que no pueden ser otra cosa”.

A Cánovas pegoulle un tiro un italiano en Mondragón en vinganza polos anarquistas presos e mortos tras o atentado de 1896, en Barcelona,  contra a procesión do Corpus Christi.

Domingo, 24 de decembro de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario