mércores, decembro 13, 2017

Ao que lle teme Juncker

Le sens de la nuit (1927). René Magrit. Óleo s/lenzo 139-105cmt.
The Menil Collection, Houston, US

    A ninguén dos que vivimos aqueles anos, e el viviuno en postos de privilexio, se lles escapa que nos acontecementos que, dende a segunda metade dos anos oitenta ata finais de 1991, sucederon no que na altura se denominaba, e aínda se lle chegue a chamar, Europa do Leste,  interviñeron  de forma decisiva tanto as potencias da Europa occidental como os Estados Unidos e, en especial no caso de Polonia, o Vaticano. Digo que a ninguén se lle escapa a súa intervención a través de presións económicas; ameazas, soterradas ou manifestas; provocacións disimuladas, e non tanto; intervencións dos servizos secretos; corrupción de personaxes máis ou menos doados de corromper; e de todo,  e moito máis do que a xente normal poida imaxinar, e quen ande escaso desta última capacidade, pode ollar algún que outro capitulo de House of Cards.

É evidente que as múltiples inxerencias occidentais foron transcendentais, aínda que en ningún caso se poidan cualificar como decisivas, nos  “procesos”  dos países bálticos, na xestación  das alianzas populares,  nos referendos celebrados, nas declaracións unilaterais de independencia, na posta en marcha dos novos órganos de representación... aínda que os que en verdade consolidaron a independencia de Estonia, Letonia e Lituania foron os mariscais que aquel 19 de agosto de 1991 pretenderon, con ilusión senil,  retrotraer a historia ao “homo sovieticus” de Breznev. O 25 de decembro daquel ano Gorbachov dimitía, a URSS disolvíase e as independencias estendíanse como os lumes na Galicia eucaliptal. Non é preciso lembrar todos os casos aínda que a traxedia dalgúns espetóunolos nos miolos.

Por iso me sorprende que Juncker se sorprenda das interferencias de Moscova no “procés” catalán. E logo, ían estar quedos?

Mais non é isto o que lle preocupa a Juncker. Non,  o que teme non son as inxerencias rusas, que nunca van ser decisivas, senón as decisións populares que outorgan a hexemonía institucional ao nacionalismo na Córsega da Francia xacobina e imperial; que a maioría institucional a prol da independencia en Cataluña poida revalidarse. É consciente de que o brexit  pode non ser suficiente para deter o independentismo escocés e os poñer noutro brete, que o medre da poboación católica no Ulster poida abrir a porta á reunificación irlandesa; que os vascos poidan curar pronto as feridas, as de ETA e as da laminación de Ibarretxe, que o Quebec francófono siga a ser unha espiña cravada na “grandeur”  parisiense, que Bélxica sobreviva formalmente como estado  porque eles teñen alí o centro de mando.

Por iso se emprega cunha miserable dureza dicindo que o nacionalismo é veleno. Claro que para Juncker o nacionalismo é o de quen non ten estados, o del e o do seu amigo de Pontevedra non é nacionalismo. Para Juncker, ideoloxizado como un adolescente, estado e nación é o mesmo; por iso afirma contra todo pensamento cun mínimo de rigor: “Europa es un club de naciones y no acepto que las regiones vayan contra las naciones”. Ergo, que as  nacións vaian contra as rexións sería posíbel?  Iso declaroullo ao panfleto  do españolismo, ímolo cualificar de  liberal, por dicir algo.

Ao que lle ten medo Juncker é ao efecto “ficha de dominó”. A que a onda de soberanía nacional que abalou a Europa oriental hai case trinta anos se poida propagar pola Europa occidental e o club de nacións, que di o luxemburgués trampulleiro, na verdade un club de estados decimononicos, poida converterse no club dos pobos libres de Europa.

Quen di estas falsidades é o fiel servidor dos estados que, por comenencia,  mantiveron un ducado para os negocios sen fronteiras, branqueo é hoxe expresión máis popular, que ten unha extensión que non é nin a metade de Pontevedra e una poboación menor que a de Vigo e a súa área de influencia sen estirar moito.

Ducado no que desenvolveu a súa carreira política  que lle permite deter o seu actual cargo despois de pasar por institucións tan “limpas” como o Banco Mundial ou o FMI pero que non lle serviu para agochar o chamado LuxLeaks, papeis segundo os que Luxemburgo, durante o seu mandato, se converteu nun centro europeo de evasión fiscal corporativa ao que, coa axuda do goberno luxemburgués,   empresas europeas transferían garantías fiscais por valor de moitos millóns de euros a Luxemburgo onde o ingreso se fiscalizaba a unha fracción do 1%.

O caso é ter estado, aínda que sexa ben pequerrechiño, non si, monsieur Juncker?

Lúns, 11 de setembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario