martes, setembro 29, 2020

“Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”. Polo Avieiro de dona Emilia 10




Casa dos Quiroga en Quintela, Catasón, Lalín
O herdeiro dos Quiroga, home discreto  e pouco gustoso de saír nos papeis, quizais en contraste co permanente “relumbrón” da súa dona, saíu de Compostela cara ao  Carballiño nos primeiros días de 1899[1]. Detívose na casa de Quintela, en Catasós. Sabemos tamén que nos primeiros de marzo daquel ano continuaba na casa materna, agardando polo seu mordomo de Arnois. Pero este non chegou no día acordado.

Eira e horreo da casa de Quintela en Catasós
O que aconteceu coñecémolo bastante ben. O administrador das propiedades dos Quiroga nas terras ullás, Manuel Méndez Rodríguez, ex cabo da garda civil e ben coñecido na zona por ser ata había pouco comandante do posto do benemérito corpo de Ponte Ulla, saíu da súa casa un deses días, o 3 ou o 4 de marzo, ás catro da mañá para reunirse con don José en Quintela, entregarlle 2.520 pts. en metálico e informalo do estado das súas propiedades. Na altura de Valboa, no lugar da Garela, cando se achegaba á  estrada de Ourense en dirección a Lalín, saíronlle ao paso catro homes, dous deles a cabalo. Déronlle o alto, pero o afouto ex garda civil, lonxe de intimidarse,  despachounos cun “atrás miserables!” ao tempo que tiraba de revolver e a emprendía a tiros.

Entrada ao cuberto da casa de Quintela
Segundo nos conta o redactor de El eco de Santiago estendeuse a alarma porque “de poco tiempo a esta parte” se “suceden en Galicia los robos y atentados” que denotan non só “el propósito de robar” senón tamén “inclinacións criminales”. Este sería o caso, pois o varudo administrador bateu cuns decididos asaltantes que se chimparon sobre el, aínda que seguise a disparar. Segundo o xornalista algún dos atracadores debeu resultar ferido. Pero un dos tiros dos mesmos “hizo blanco en la tetilla izquierda del sr. Méndez. La bala salió por la espaldilla”. Os salteadores prenderon o apoderado, pasáronlle unha corda de nó corredizo polo pescozo coa que lle ataron tamén os pes a unha árbore e fuxiron cos 10.080 reais.

Pombal na casa de Quintela de Catasós
Pouco tempo despois unhas mulleres que pasaban polo lugar escoitaron os berros e acudiron no seu auxilio; lograron ceibarlle os pés, pero o pánico dominábaas e non eran quen de desfacer o nó, polo que tivo que facelo o mesmo ferido con gran esforzo.

Unha vez liberado foi quen de achegarse ata a casa de José Buela, distante uns 300m, a pedir axuda. Eran sobre as cinco da mañá. O propietario prestoulla, aínda que no primeiro momento non se decatou de quen era ata que o mordomo de José Quiroga lle dixo: “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”.

Procuroulle cortar a hemorraxia, pero como o estado do ferido era cada vez máis grave dispuxo que lle administrasen os santos sacramentos. A este fin acudiu o párroco de Arnois. Non tardou tampouco en chegar o xuíz da Estrada que iniciou a instrución de dilixencias e a tomar algunhas decisións que o redactor considera prudente non difundir pero gabadas polas xentes da contorna. Deduce o redactor que non era este o único delito dos asaltantes e que debían ser coñecedores da importante cantidade de diñeiro que levaba o ferido.

Dous días despois El eco de Santiago achéganos novas do ferido que seguía na casa do seu amigo Buela, asistido polo médico e coa esperanza de que se salvase. Mentres a garda civil de Ulla e A Estrada realizaba múltiples pescudas encamiñadas a atopar os criminais, que eran, os catro, do Carballiño. A dous deles coñecíaos ben o ex cabo. Un deles, alcumado “Candán”, percorría as feiras da contorna vendendo “medias unas veces y otras jamones”. Outro, ou quizais o  mesmo “Candán”, dos supostos autores foi capturado preto da fronteira portuguesa, aínda que, nesta ocasión, o periódico sitúa a Méndez como apoderado de Eduardo Quiroga, quizais por ser este máis coñecido tanto pola súa actividade mundana como pola súa participación na vida política.[2]

Daquela os medios de comunicación non só eran escasos senón pouco efectivos na difusión masiva das desgrazas polo que, segundo o cronista, máis de cincocentas persoas acudiron á casa do Buela para saber do estado do ex garda civil. Cara a finais de mes o ferido estaba case restablecido, pero seguía na casa onde o acolleran, mentres os medios impresos gababan a actitude solidaria do José Buela Rivas[3].




[1]La Correspondencia de España, 7/1/1899.
[2]Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 30/3/1899; La idea democrática: diario democrático en Lugo, 30/03/1899.
[3]Ver El eco de Santiago, 5 /3 e 7/3/ de 1988; La correspondencia gallega, 7/3/1899; Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 29/3/1899 e La idea moderna. Diario de Lugo, 07/03/1899.

Ningún comentario:

Publicar un comentario