mércores, setembro 30, 2020

O crime de Lor (versión longa)

           


                                        Achegamos unha versión máis extensa da colaboración en Nós-diario co mesmo título, para poder incorporar tanto unha ampliación dos datos manexados como as  pertinentes referencias documentais, tiradas, en exclusiva, da prensa do momento.

 

Os dous periódicos lucenses da altura, o conservador El norte de Galicia e o rexionalista El Regional, cubriron con amplitude todo o relacionado co nomeado “crime de Lor”, tanto para dar conta das primeiras novas sobre a matanza como para informar polo miúdo dun xuízo que centrou a atención de moita cidadanía lucense e galega. Tamén o fixo o diario monárquico La idea moderna, propiedade do impresor Menéndez.

 

O primeiro deles, subtitulado, ao inicio, como “Diario político y de información” e, con posterioridade, “Diario de información y el de mayor circulación de Lugo y su provincia”, era propiedade de Antonio Pardo Pardo-Montenegro e editouse entre 1901 e 1923, momento no que o substituíu, como portavoz dos intereses conservadores, La provincia (1923-1928). Dirixido por Emilio Tapia Rivas, contou entre os seus redactores con Antonio Couceiro Freijomil.

 

Pola súa banda, o xornal dirixido, dende a súa fundación (1884) ata 1893, polo xornalista vinculado ao Partido Republicano Federal Aureliano Pereira[1], continuou publicándose ata 1931.

 

El norte de Galicia do 14 abril de 1903 recolle con amplitude a nova do inicio da vista pública, que se abrira o día anterior na audiencia provincial de Lugo e se celebraba no salón de plenos do concello, que ficaba cativo para acoller “o tropel” que nel se introduciu ao abrírense as portas. A audiencia estaba presidida por Diego Espinosa de los Monteros, hai certos apelidos eternizados nas regañas do poder. O xuízo celebrábase cun xurado popular, elixido por sorteo, formado por once varóns e dous suplentes. A defensa do principal acusado, Demetrio, realizouna Ángel López Pérez, futuro alcalde de Lugo;  a do seu irmán, Emilio, correu a cargo de Juan B. Varela e a de  Lara, desempeñouna  Manuel Montero.

 

A estratexia informativa de ambos xornais foi moi diferente. El norte de Galicia trata o xuízo cun estilo taquigráfico reproducindo preguntas e respostas e  parágrafos enteiros tanto da acusación fiscal como dos defensores ou do presidente da audiencia. Este abre en portada baixo o rótulo “Doble asesinato en Quintá de Lor” e dedícalle case dúas páxinas (portada e páxina 2) en cada unha das xornadas do xuízo[2]. Pola contra El regional déitanos unha información moito máis elaborada, tamén ampla, aínda que menos reiterativa, ocupando a portada na xornada inicial, baixo o rótulo de “El crimen de Quintá de Lor” e dedicándolle tres páxinas na primeira das xornadas, e dúas na segunda.[3]

 

Os imputados no asasinato do cura de Quintá de Lor e da súa ama Elvira, son  Demetrio Fernández Incognito (sic), di El norte de Galicia, mentres que El regional aponlle como segundo apelido o de Franco;   o seu irmán Emilio e José de Lara.

 

O río Lor ao seu paso pola parroquia de Quintiá de Lor



O acontecido

Un ano antes do xuízo, os tres xornais lugueses citados deron conta dos terríbeis feitos acontecidos  na noite do 30 de xaneiro de 1902 na reitoral da parroquia quiroguesa[4], que podemos sintetizar a partir das notas xornalísticas do momento e do relato do xuízo. O primeiro en recoller a nova foi El regional. Refire que na noite do xoves ao venres, 30 a 31 de xaneiro de 1902, un home bateu con reiteración no portón da reitoral ata que o cura baixou abrir, pediulle os cartos e disparoulle, matándoo. Aos berros acudiron as dúas mulleres que había na casa, a ama e unha criada nena, ás que tamén disparou e acoitelou e despois de repañar o que puido deuse á fuga. Dous días despois o mesmo xornal baixo o título de “El crimen de Quintá de Lor” achega máis detalles. O cura José Casanovas falou co seu asasino dende unha fiestra da casa. No diálogo o crego ficou convencido de que lle portaba unha mala nova familiar, por iso baixou abrirlle e mandouno pasar á cociña; foi entón cando o asaltante o intimidou, reclamándolle os cartos. O cura debeuse negar e daquela o mensaxeiro tirou de revólver e matouno. En auxilio  acudiu a ama e a nena criada sobre as que tamén disparou;  a esta última meteulle a cabeza nun caldeiro para que non berrase mentres rexistraba os cuartos. Ao regresar como se decatase de que a ama non estaba ben morta espetoulle dúas coiteladas e outras dúas a cativa, que a pesar das feridas conseguiu fuxir e refuxiarse nunha casa veciña.

Igrexa parroquial de Quintiá de Lor

 

A garda civil considera que o crime cometeuno un home que veu de Monforte ata Quintiá de Lor, que está a medio camiño de Quiroga. Nun primeiro momento coidaron que as mortes poderían estar en relación con outras cometidas nos arredores de Monforte e se tratase dunha gavela de ladróns, polo que se puxo en alerta as forzas dos cuarteis de Quiroga, Monforte, Sarria e O Incio, pero pronto se desbotou esta posibilidade e mesmo o comandante da  garda civil que se desprazara dende Lugo regresou á  capital. Na reitoral atopouse a carta que empregara como engado o asasino e recolleuse información dos veciños sobre dous homes que andaron polos arredores e camiñaron, no día dos feitos, dende Monforte en dirección a Quiroga.  Como resultado dos investigacións procedeuse á detención de dous mozos monfortinos, Demetrio Fernández Franco, de 22 anos, e José Laza Fernández, de 24, sobre os que recaen todas as sospeitas,  que trasladaron a Quintiá de Lor tanto para ser recoñecidos pola rapaza supervivente como polos veciños. O xornal destaca a intervención do cabo-comandante do posto de Quiroga, Benigno Araújo López, que chegará, tamén por outros casos, a ser considerado como o Sherelock Holmes lugués, como nos recorda José de Cora[5] no seu álbum de lucenses.

 

A reitoral vista dende a igrexa

Ao día seguinte[6] o mesmo xornal informa de que os detidos, tras ser recoñecidos pola criada e os veciños, recoñecéronse autores do crime. Foi o sagaz garda Araújo quen, escoitando con atención as descricións das testemuñas e da malferida rapaza, deduciu que podía tratarse dun mozo monfortino chamado Demetrio, que a pesar da súa curta idade xa estivera envolvido en varios actos  delitivos; cando menos, nun xuízo pola morte dun vendedor ambulante e no asalto, pistola en man, a un paisano que regresaba da feira de Pobra do Brollón ao que lle roubou un peso e ao que, cando o feirante se afastaba, guindoulle tres tiros, dous dos cales o feriron sen importancia. Para máis confirmación, a letra da carta que empregou Demetrio como engado para o cura  é a de seu irmán Emilio.

 

Non foi doada  emporiso a detención. Ata dez ou doce casas tiveron que revisar na súa procura. Na madrugada, ás seis da mañá, localizáronos. Demetrio e Lara estaban a durmir e máis alá da sorpresa non amosaron resistencia nin inquietude. Tranquilos e serenos recibiron a orde de detención. No rexistro, atoparon as roupas que empregaron o día do crime.

 

Dende o primeiro momento a “siniestra figura” de Demetrio aparece clara para  o xornal  que non deixa de interrogarse sobre o papel de José Lara. Parece que ambos concertaron o asalto á  reitoral, pero, segundo o periódico, por non ser tan decidido como o seu compañeiro ficou vixiante polos arredores da casa e tras escoitar os disparos, sospeitando que era moi cedo para que isto  acontecese, debeu pensar que fora o cura quen disparara contra o seu compañeiro, polo que debeu darse á  fuga. Iso explicaría que a malferida criada puidese saír da casa sen bater con el. Segundo o xornal, as feridas da rapaza non eran tan graves como se coidou nun primeiro momento. Ese mesmo día, cinco de febreiro, El norte de Galicia e La idea moderna fanse eco do acontecido en Quintiá de Lor, así como tamén outra prensa galega e madrileña.

 

A reconstrución dos feitos segundo o relato xornalístico do xuízo

Catorce meses despois dos feitos celebrouse a vista pública da causa. Demetrio responde as preguntas do fiscal con rotundas e contundentes negacións. Nega tanto que o 29 de xaneiro de 1902 falase con José Lara Fernández, cando este andaba a limpar os retretes da estación de Monforte, como que  lle comentase  que precisaban un asalto e que este lle respondese que debían facelo na casa do cura de Lor. Así como que o acordaran e que ao día seguinte o Lara só traballase pola mañá.

 

Demetrio convidou a xantar na súa casa o seu irmán e despois pediulle que escribise unha carta, pois el non sabía, dirixida ao cura de Lor e asinada polo seu sobriño Ramón Casanova, na que lle notifica o falecemento da nai de Ramón  e cuñada do cura,  pregándolle que acuda aos funerais. O papel de Emilio parece ser o de mero transcritor do que Demetrio lle di, e ao sorprenderse polo contido da carta, Demetrio respóndelle que é para facerlle unha “carnavalada” ao cura. Sospeitando que se trataba de algo máis que unha entroidada, o Emilio, empregado do ferrocarril,  disque dixo que roubar podía roubar se quería pero que non matase a ninguén. Emilio recoñece ser o autor da carta, afirma que o cura e Demetrio non eran amigos, descoñecer que a carta era un engado para roubar e que a súa nai estivese presente cando escribiu a carta ao ditado de Demetrio. Afirma tamén Emilio que o revólver que levaba o Lara atopouno na estación de Betanzos na caixa da vía o 10 de outubro e ao chegar a Monforte agachouno entre os colchóns e que ninguén sabía del, non sabendo como puido chegar ás mans de Lara xa que tampouco llo deu a seu irmán. Parece que a coartada de Emilio era real pois afirma que aquel día deitouse sobre as dúas da mañá despois de traballar nun transbordo xa que, por orde do factor, tocoulle ficar de garda, e entre as nove e as 11 estivo no café de Benigno e despois foi traballar. José Lara, alcumado “O topo”, solteiro, responde tamén negativamente a todos os interrogantes que lle presenta o fiscal que non deixa de sinalar as contradicións entre a súa declaración actual e a que fixo ante o xuíz. O que se deduce dos interrogantes fiscais é que Demetrio, o 30 de xaneiro, saíu, á unha ou dous da tarde, cara á  estación de Monforte, deixando alí a seu irmán Emilio, e foise pola estrada de Quiroga ata a taberna chamada do Corzo, onde tomou un cuartillo de viño. Cando chegou o Lara beberon outro cuartillo e medio máis e saíron, sobre as catro da tarde, camiño de Quiroga. Pillaron a senda a bo ritmo dirixíndose a Carqueixada onde chegaron no momento no que pasaba o tren. Daquela  Demetrio tirou de debaixo da pucha a carta que lle escribira o seu irmán, asinada por Ramón Casanova. Lara leu en voz alta. Cando lla devolveu gardouna baixo a  pucha de novo e pasoulle un revólver e díxolle que el levaba outro revólver e un coitelo. Ao retomar a andadura o Lara sacou un chourizo e comérono entre os dous.

 

En chegando á  altura do empalme que colle para Bóveda afastáronse para ir polos campos e non bater co peón camiñeiro que alí estaba falando con outras persoas. Un pouco perdidos debían andar, pois, antes de chegar a Riomol, tiveron que lle preguntar a dous rapaces[7] o camiño para ir a Lor, e un pouco máis adiante repetirlle a mesma pregunta a un home que andaba a partir leña.

 

Entraron coa noite en Lor. O Lara agochouse vixiante. Demetrio dirixiuse á reitoral, sen saber moi ben cal era; ao pasar por diante dunha casa fronte á  que estaba unha moza  preguntoulle pola residencia do cura. A moza coidando que se quería meter con ela respondeulle que non se moquease dela pois viña de pasar  a rente dela. El desculpouse e díxolle que, como non a coñecía, se lla podía indicar, cousa que así fixo. A rapaza non comparecerá no xuízo por atoparse enferma, pero si o fará o seu pai que relata o que esta lle dixo e que ela e máis Dionisio Estévez, que se atopaba con eles, ante a estrañeza da pregunta, saíron ver o que pasaba. Observaron as conversas dende a fiestra e cando o cura abriu a porta retiráronse á casa do veciño Domingo  Aira.

 

Demetrio volveu pois sobre o andado e bateu con estrondo no portalón. Pola fiestra asomou unha muller que lle preguntou que quería. Respondeulle que era un mensaxeiro que portaba unha carta para o crego. A muller descolgoulle unha vara, segundo uns, unha vasoira segundo outros,  cun pano atado na punta e pregoulle que colocara nel a carta. Ao pouco asomouse o abade que lle preguntou de que familia viña sendo e de que morrera a súa familiar. Respondeulle que era  dos Chirigotas, que falecera de “costado con pulmonía” e deulle razóns de persoas coñecidas do crego. Este baixou, cun cirio na man, a franquearlle a porta e acompañouno ata a cociña onde estaban a ama e a criada.

 

Nese portalón bateu Demetrio


Do que despois aconteceu temos o relato da criada, unha cativa de entre 12 e 14 anos. María Ermitas Fernández Yebra di que non sabe ben cantos anos ten. Di que entrou un home ao que o cura lle abrira a porta e non viu a escena de subir a carta pola fiestra pois nese momento estaba a estonar patacas na cociña. Exprésase, segundo un dos redactores, en “dialecto regional” ao igual que outras moitas testemuñas[8].

 

A esa fiestra asoimaronse a ama Elvira, primeiro, e desEngadir lenda

Mentres falaban o cura e Demetrio, sentaron. O primeiro preguntáballe pola familia mentres cortaba tabaco cunha navalla. Daquela o segundo apuntouno co revólver esixíndolle o diñeiro que tivese. O cura meneou negativo a cabeza e exclamou: home, non fagas iso! Entón pegoulle un tiro que lle entrou por un ollo, di Ermitas, e o matou no momento. O asaltante mandoulle un tiro a cada unha das mulleres que caeron ao chan. De seguido subiu aos cuartos na procura do diñeiro, remexeu arcas, baúis e caixóns, levantou colchóns e metálicos, arrastrou móbeis... A malferida ama, que Demetrio coidaba morta, pois á rapaza meteulle á cabeza no caldeiro para que non berrase, descalzouse para tentar fuxir sen meter ruído. Cando o home regresou á cociña, a ama ao ver achegarse a luz volveu deitarse no chan, facéndose a morta. Demetrio, ao decatarse de  que se movera, espetoulle dúas coiteladas que lle levaron a vida, e tres á mociña, a quen, como dixo a declarante á que nos referimos, “gardouna Dios”. Enrabiado seguiu na procura do diñeiro polo salón, polos cuartos e de cando en vez regresaba á cociña. Cando a cativa ollaba achegarse a luz, volvía deitarse como morta. Nunha destas, prendendo mixtos que se lle apagaban a cada pouco foi quen de liscarse ata a casa de Encarnación Rodríguez  a quen lle pediu un vaso de auga e contoulle que o cura e a criada quedaban mortos na casa e un home dentro. Segundo o testemuño de Encarnación,  ao non sentirse moi segura, foi coa rapaza á casa de Domingo Aira.  Segundo relata a esposa do ferreiro, sobre as oito e media chegou a rapaza bañada en sangue, vendoulle as feridas que lle viu, pero como se esvaecía, espírona e descubríndolle dúas feridas máis que tamén lle vendaron. Despois foron na procura do pedáneo e doutros homes para que axudasen. A rapaza, tras catro semanas nun “vou non vou”, puido salvar a vida.

 

Demetrio entrou no interior do reitoral acompañado polo cura Casanovas

Os ladróns fuxiron. Do que fixo Lara ata que o detiveron pouco se sabe con certeza. Manuel Rodríguez González di que camiño á Trampilla, cando andaba a pedir para a función de San Antonio, atopou no medio dun cavorco, sobre as once e media da noite,  un que lle contou que andaba na procura dun “machiño” que se lle perdera. El estrañouse que o andase a buscar nun terreo tan quebrado e a esas horas,  pero ao pedirlle que o puxese no camiño de Monforte,  así fixo. A testemuña di que era Demetrio, pero o defensor  apurouno e preguntoulle como o vira, respondendo que á luz dun cigarro, polo que o avogado inquiriulle se era por iso ou  porque llo oíu dicir á garda civil. Sabemos que Demetrio, fose o da desculpa do machiño ou non, achegouse ata a vía do tren e, aproveitando que este  tiña que ir a unha marcha máis lenta para entrar no túnel da Frieira, subiu ao último vagón; nesa acción perdeu o revólver e o coitelo, que logo serían atopados polo sagaz cabo Benigno Araújo. Demetrio, como dixemos, non recoñece ningún dos revólveres nin que chegara a Monforte, sobre a unha da mañá, e fose a casa de Lara e lle berrase porque tivera  que matar a tres para roubar cinco reais xa que  “quen con nenos se deita mollado se levanta”. Todo isto, pola contra,  recoñecérao ante o xuíz de Monforte.

 

O resultado económico do crime centrou o interese do xuízo, e non ficou aclarado. Que o cura era adiñeirado era opinión de todas as testemuñas; pero Demetrio, segundo sabemos tras minuciosos aínda que precipitados rexistros, afirma que “roubou cinco reais”; na casa apareceron 26 pesos nunha arca entre as roupas da ama Elvira, pero do hipotético diñeiro do crego nada se sabe. Dionisio Estévez Aira, que cualifica os falecidos como boas persoas, informa de que o cura tería entre cincuenta e cincuenta e tantos anos e unha posición acomodada, aínda que non sabería dicir se tiña cartos ou non, mais pola súa maneira de ser coida que algúns tería, como tampouco  sabería dicir se as mortes se fixeron polo mero pracer de matar ou por outro motivo. Outro dos veciños,  Pedro González, di que o cura era moi boa persoa, home de prestixio, con fama de adiñeirado e que tiña cartos na casa por ser moi aforrador. Sobre a mesma cuestión, Domingo Aira di que tiña propiedades en Lor, aínda que non moitas, e que o curato era de termo, pero non sabería dicir se entre os seus gastos e o que mercou o cura tería cartos.

 

Ramón Casanova, sobriño do cura, di que de neno coñeceu a Demetrio que gardaba ovellas no monte de Fornelos, lugar de residencia del e da súa nai, pero que dende hai dez anos non o vía, nin a el nin ao seu irmán, que eran coñecidos como “Os rochas de Eixón” (parroquia da Pobra do Brollón), segundo un dos xornais, ou como “As ratas de Eixóns”, segundo o outro. Descoñece se Demetrio sabía que era sobriño do cura co que non se escribía, ignorando se era rico ou non.

 

A hora dos togados

Chegou o momento dos discursos. O fiscal, os defensores e o presidente da audiencia, verteron o seu torrente oratorio ante o intenso seguimento da prensa escrita  e un salón de plenos cheo, a rebentar, de público, entre o que figuraban un bo número de avogados[9]. O 15 de abril de 1903 abriu os fogos discursivos, na súa quenda natural, o fiscal. Como todos os que o seguirían no uso da palabra, comezaría por se desculpar polas súas escasas dotes oratorias, sabendo ben que estas serían glosadas con admiración por oidores e lectores, pero, aclarando, que para a súa función non é precisa elocuencia senón exposición imparcial dos feitos, para formarse un xuízo a conciencia e poder administrar xustiza.

 

Continúa, como farán os seus sucesores na tribuna, dourándolle a píldora ao xurado popular, “representación de la sociedad”, pois nada pode agradar máis que “el pueblo sea juzgado por el pueblo”, na seguridade de que o xurado cumprirá fielmente co cometido que se lle confiou e por iso declararán un veredicto de culpabilidade.

 

Rematada a glosa introdutoria, o sr. Puig Vilamora, considerando que o seu labor era doado polas moitas probas achegadas polas testemuñas,  entra no relato dos feitos, coas mesmas miudezas e na mesma orde que empregou nos interrogatorios de Demetrio e Lara, dos que non fica, na súa opinión, ningunha caste de dúbida e que fai baldías as negativas dos acusados. Analiza as declaracións das testemuñas e reclama un descanso xusto antes de comezar o relato do acontecido no interior da reitoral que para iso ficou un testemuño presencial, “un milagro de la providencia”, que puido chegar a este “lugar augusto” para deixar ouvir a súa voz, que é a da verdade.

 

Concéntrase en poñer de relevo a intervención de Lara no planeamento do roubo, xunto a Demetrio, e neste como autor das dúas mortes e das feridas de Ermitas; pon en dúbida que Emilio puidese crer que o seu irmán quixese facerlle unha chanza tan grave ao cura, pois a quen se lle ocorre facer unha entroidada coa morte dun familiar, polo que considera que Emilio non é inocente.

 

Cualifica os delitos cometidos como roubo, dobre homicidio e tentativa doutro. Pois houbo roubo, aínda que fose fracasado, pois este existe máis alá da cantidade roubada, a non ser que os acusados fosen tan “bestias” como para ir dende Monforte ata Qintiá de Lor só polo pracer de matar. Considera que Demetrio apañou diñeiro e se non prestou atención aos 26 duros que tiña a ama no seu baúl, foi porque ían roubar ao cura, a quen coidaban adiñeirado, e non a ama. E se Demetrio lle dixo a Lara que apañara “cinco reais”, foi porque non quería repartir con quen o deixara abandonado.

 

Reitera o fiscal o convencemento de que se debe considerar a Lara tamén autor dos delitos, pois así o acordou con Demetrio. Foron os dous os que o planearon, os dous o acordaron dende días antes, ambos consideraban o  cura Casanovas como abastado e os dous se puxeron xuntos en camiño de Quintiá de Lor; de non ser así, se, por exemplo, Lara non se presentase aquel 30 de xaneiro na taberna do Corzo, coidaba o xurado que iría Demetrio só? Foi Lara o instigador, o inspirador, e se non sabemos o que fixo despois do crime é só porque, ao escoitar os tiros, coidou que ían contra o seu compañeiro, polo que se deu á  fuga, pero esta non o exime do acontecido. A Emilio considérao cómplice necesario.

 

Tras tres horas de, segundo o redactor, brillante exhibición de coñecementos xurídicos, o fiscal remata solicitando do xurado o veredicto de culpabilidade cos agravantes, que non lle afectan a Emilio, de premeditación, astucia, nocturnidade e aleivosía, e no caso de Demetrio, de reiteración.

 

O defensor de Demetrio non o tiña tan doado. López Pérez[10] encetou a defensa lamentando os dramáticos sucesos, gabando o  xurado popular e lembrando que, aínda que os feitos se relataron para formarse un xuízo sobre a culpabilidade dos procesados, de haber algunha dúbida non se atopará no relato luz que poida rachar as tebras que envolven o acontecido en Quintá de Lor. Interpelando a seguir o xurado presentándolle unha serie de interrogantes, máis formais que reais, que rematan coa necesidade de admitir que é mellor “una inocencia presunta antes que una criminalidad hipotética”.

 

Orienta a súa defensa cara á  obcecación de Demetrio e suxire dúbidas diversas acerca das armas, xa que Emilio declara que non lle deu o revólver ao seu irmán, e o presentado como proba aparece con catro cápsulas, polo que, se só disparou un tiro como puido ferir tres persoas, e se o crime se realizou co outro revólver presentado existe unha contradición coa proba pericial que afirma que está inutilizado. Tamén presenta reticencias sobre a credibilidade do testemuño da nena Ermitas que sería preciso “mirar con recelo” pois ademais de resultar ferida debía estar identificada coas dúas persoas falecidas. Ás demais testemuñas descualifícaas porque nada viron e polo tanto “no pueden merecer crédito alguno”. Por esa vía seguiu a furar para a defensa xurídica de Demetrio.

 

Interrógase sobre como foi posíbel que o cura lle abrise a porta a quen cando lle preguntou de que familia era lle respondeu que da dos Chirigotas, expresión que como é sabido se emprega para chistes e burlas; polo que o cura non debeu de abrirlle ao decatarse de que todo era mentira. Desbota as declaracións de Demetrio ante o xuíz de Monforte, pois este, con anterioridade, declarouse autor da morte dun vendedor ambulante, delito que non só non foi probado, senón que o Tribunal se viu obrigado a sobreser.

 

O argumento da fiscalía de que os acusados querían roubar e para facelo realizaron as mortes, non é críbel porque de ser así Demetrio  apañaría todos os cartos que había na casa e non deixaría atrás os 26 duros da ama; e se foi roubar e non o fixo ficaría entón o asunto en tentativa de roubo. Tampouco admite que fose a súa intención matar porque ante a negativa a entregarlle o diñeiro e quizais ante os insultos e ameazas coa navalla e véndose só, sen auxilio, e a piques de ser sorprendido, obcecouse e disparoulle ao cura; nesa “excitación de ánimo” agrediu a  ama Elvira e a criada Ermitas.

 

Non existe pois premeditación, nin astucia, nin nocturnidade, nin aleivosía, e ao mellor o que hai é defensa propia ante un previsíbel ataque do cura armado cunha navalla, polo que “si Demetrio cometió el crimen obró dentro del delito con nobleza” e recórdalle ao xurado: “Que un hombre puede ser castigado como autor dun delito por las apreciaciones de la autoridad y ser inocente porque la autoridad puede equivocarse”. Remata lembrando “con un párrafo elocuente”, segundo o redactor, “un reciente y doloroso espectáculo”[11]. o que provoca que  o interrompa a presidencia.

 

O defensor de Lara, Manuel Montero, pregúntase de inicio por que está no banco o seu cliente, pois no xuízo non se achegou declaración ningunha que o presentase como responsábel dos delitos que se xulgan. El nada dixo. Demetrio tampouco. Temos testemuñas que indican que os viron xuntos, camiño de Lor…; e diso pódese deducir que é autor dos crimes? Que Lara lese a carta en voz alta só significa que Demetrio non sabe ler. Afírmase que chegou á igrexa de Quintiá sen coñecer cal era a reitoral, pero despois nada se sabe del. Os que viron a Demetrio, ou a quen fose, ante a casa do cura manifestan que non ollaron ningún outro; é posíbel que ficase vixiando unha casa que non coñecía? Cando a nena Ermitas saíu da reitoral para dar conta aos veciños do ocorrido non atopou ninguén; que tipo de vixilancia é esa? En consecuencia solicita a inculpabilidade do seu defendido.

 

O avogado Juan Bautista Varela coidaba que non ía ter que intervir para demostrar a inculpabilidade de Emilio, pero faino para cualificar como incongruente a decisión da fiscalía de xulgar a súa participación nos feitos, pois é evidente que o seu defendido preguntoulle ao seu irmán polo obxecto da carta cando xa ía pola metade, proba de que non coñecía os seus propósitos, nin sabía que o cura de Lor tivese unha irmá, nin coñecía o  seu sobriño, polo que podía crer que se trataba dunha brincadeira, dunha entroidada, pesada, iso si, pero ao fin e ao cabo unha “chirigotada” que non ía ter consecuencias lamentábeis. Se soubese que Demetrio planeaba outra cousa, negaríase ou, cando menos, procuraría desfigurar a súa letra para que non fose tan doadamente recoñecíbel. O defensor continúa coas súas argumentacións e ataques ao ministerio fiscal por inculpar o  seu patrocinado “expresándose en períodos elocuentes”, segundo o redactor, para rematar relatando con gran efectismo que cando regresaba, hai poucos meses, de San Clodio[12], ao apearse na estación de Monforte, axeonllóuselle diante unha muller, abrazándolle os xeonllos, chorando e dicíndolle “que xa que non vén un, que veña o outro”. Era a nai de Emilio e Demetrio, que coidaba, di, que “eu era un dos xuíces”; díxenlle que non estaba na miña man, pero deille grandes esperanzas na xustiza. O remate da ”hermosa oración” do avogado produciu unha forte sensación entre o público e arrincou “abundantes lágrimas” en Emilio, segundo o redactor.

 

Non menos gabado polos xornais foi o discurso do presidente da audiencia, Espinosa de los Monteros, no que amosou “un gran dominio de la materia jurídica” para elaborar un resumo do acontecido “con gran orden y precisión”, chamando a atención do xurado daqueles aspectos que aparecían como máis dubidosos e explicando, ao tempo, as   diferentes apreciacións do  fiscal. Refírese á reiteración dos feitos xulgados, o que pode levar a pensar que esta repetición “se deba a la falta de instinto educativo de nuestro país o a algún gran desequilibrio moral” pois parece que “la corrección no consigue la reducción y que el castigo penal no produce ejemplo”. O presidente refírese así ao caso, sen citalo, de Liborio Pérez e exclama: “¡Que efecto moral se produjo en este pueblo!”

 

O presidente da audiencia conclúe pedíndolle ao xurado que non teña en conta “ni el odio, ni el afecto”, que obre con independencia absoluta e xa que van a decidir sobre “la vida, la honra y la fortuna de conciudadanos ” o fagan con “serenidad de juicio”.

 

Nunha hora resolveu o xurado. Entre a expectación do público declarou a culpabilidade de Demetrio con todas as agravantes sinaladas polo fiscal e a inculpabilidade de Lara e Emilio. Mentres os dous irmáns recibían o veredicto entre abundantes  bágoas, Lara amosábase “tan sonriente como lo estuvo durante todo el juicio”. A sentencia condenaba a morte a Demetrio, que ese mesmo día partiría para o penal de Burgos.

 

Onde o matarán? Pregúntase El norte de Galicia[13]. Semella que, segundo as novas disposicións, respóndese o xornal, a pena debe executarse na prisión onde se atope o reo cando se dita  sentenza, polo que parece que Lugo se librara nesta ocasión dese día de loito aínda que non o indulten. Os remorsos da execución de Liborio Pérez pairaban sobre a sociedade luguesa.

 

A execución de Demetrio Fernández.

As autoridades lucenses solicitaron o indulto, aínda agoniados polo que tiveran que pasar uns meses antes cando se agarrotou a Liborio Pérez no cárcere de Lugo. O indulto non chegou, senón que foi rexeitado no mes de outubro[14]. Demetrio, polo mesmo método que o anterior, deixou de existir o sábado 23 de xaneiro no penal de Burgos. Tiña 26 anos. Podemos seguir as horas previas á súa morte a través da Gaceta de Galicia[15].

 

Ás tres da tarde do venres entrou en capela. O escribán leulle a sentenza que escoitou con serenidade abraiante. Non a firmou porque non sabía escribir. Dous xesuítas e o capelán do penal exhortárono para que confesase e pedise perdón a Deus polos seus extravíos.

 

Oito irmáns terciarios velaban e servían a Demetrio para  todo o que precisase. Ás seis e media déronlle sopa e “carne de bistefk”; tomou a sopa con avidez e foi frugal na carne e no pan. Tras a cea bebeu un “cortado” (sic) de viño, fumou un cigarro e conversou cos xesuítas, o capelán e os que estaban ao seu coidado. Ás oito deitouse coa axuda dos terciarios por mor do moito que pesaban os grillóns e deitárono nun leito coas roupas novas. Demetrio cubriu a cabeza coa saba e a colcha, poñendo a man na fronte e así permaneceu unhas horas. Ás tres e media pediu erguerse, ás catro servíronlle chocolate con tostadas de pan e tomounas con apetito. Ás seis déuselle unha cunca de café e unha copa de ron. Negouse en absoluto aos auxilios espirituais. Ás oito e trinta da mañá do sábado o executor da xustiza, nunca se lle chama verdugo, despoxou o  reo, vestiuno con roupa e gorro negro e atoulle as mans cunha corda.

 

Nese momento pediu que trouxesen onda el un preso de Monforte, amigo e mesmo algo parente. Este, entre laios e suspiros,  escoitou que  Demetrio, “tras pronunciar una terrible blasfemia”, lle preguntou, tiveches carta da túa nai?, diche algo da miña familia? O mozo só lle responde  que a súa irmá  fora a Monforte. Demetrio recibiu un bico do seu amigo que se retirou tan choroso como chegara.

 

Semellante debeu
ser a morte
de Demetrio

Rematada a entrevista, o xuíz deu orde aos irmáns terciarios para que axudasen a Demetrio para ir ao garrote. O reo con voz serea e como se nada ocorrese manifestou que podía andar por si só e sen axuda de ninguén; con lixeireza erguese da cadeira e con paso firme achegouse ao lugar do suplicio, no patio á beira da capela. Sentou amosando serenidade e, amarrado ao madeiro coas seguridades debidas, o verdugo recibiu a orde de cumprir a sentenza. Rematada esta fíxose ondear a bandeira negra no frontispicio do penal. O cadáver foi sepultado, nunha modesta caixa,  no sitio onde se enterran os que morren fóra da igrexa católica.

 

O cura Casanovas

Ata aquí un relato de violencia, avaricia e quizais desequilibrio persoal. Mais o papel terma do que lle poñen e o tal José Casanovas ocupara tres anos antes certo espazo na prensa[16] onde o cualificaban como “monstro clerical” coñecido como “O carrizo”, bazuncho cheo de veleno dominado pola ama murmuradora que viaxa a Ourense para visitar un cativo ao que o cura lle paga a súa educación, vociferante, insultante, tirano, bravo e procaz cos fregueses pero non coas mozas que atopaba polos camiños.

 

Os tres xornais que citamos son republicanos, anticonservadores e anticlericais, como é lóxico se atendemos ao carácter das novas que achegan. Seguindo unha orde temporal, o xornal de Reus é o primeiro en dar noticia da conduta de Casanovas que seica  “seguía facendo das súas”, polo que se entende que xa antes o periódico dera algunha nova semellante. Di o diario republicano catalán que “o outro día chamou pu…as” ás mulleres “desde la cátedra del espíritu santo”, causando un balbordo no interior do templo. Despois, non sabemos se o mesmo día, como a muller do sancristán estivese acatarrada, botouna da igrexa con tales xeitos que a pobre muller morreu co desgusto. Os insultos debían estar á orde do día, pero o xornal sinala en concreto os que lle deitou contra  unha familia por non facer un enterro de luxo tal e como el desexaba.

 

Pola súa banda o periódico fundado e dirixido por José Nakens, El motín, nunha nota baixo o rótulo de “¡Valiente párroco!” recorda que xa o trataron de “moralizar” dende as súa páxinas pero, “dominado por su ama”, comete cada pouco maiores “barrabasadas”. Dá conta do caso do falecemento da muller do sancristán e do detalle do enterro así como dos insultos aos homes aos que chama “gatos, zotes y glotones y algo más grave”. Con quen non se pon tan “bravo, agresivo y procaz” e coas rapazas que atopa “casualmente” polos camiños “que frecuenta con ese objeto”.

 

Non aproba o xornal o que fai o cura, pero recoñece que está no seu terreo, pois se os “carcas de coronilla pelada” actuasen doutro xeito non serían carcas,  aínda que a culpa non sexa súa senón dos “borregos” que llo toleran.

 

É o republicano El país quen o cualifica como mostro e lle descubre o alcume co que se coñece por toda a redonda, pois de “carrizo para abajo no hay peor pájaro”, aínda que isto sexa ben inxusto pois o inofensivo paxariño nada ten que ver co “pajarraco” agás, ao mellor, no do rabo levantado.

O xornal xa se ocupou del noutras ocasións para ver se así cambiaba a súa conduta, pero segue a ser o máis “tirano” da contorna e non se couta en “lanzar desde el ofertorio de la misa insultos e improperios” contra homes e mulleres das que non hai unha nova que sexa honrada, agás a súa ama, e empregar “palabrotas que a la prensa está prohibido imprentar”. Os fregueses doutras parroquias considérano malfalado, bocalán e faltón, e moitos cualifícano de tolo.

 

Uns meses antes foise uns días a Lugo, deixando a parroquia sen atender. Durante eses días faleceu un veciño de Margaride, polo que o tiveron que enterrar sen cura nin bendición, circunstancia que xa se producira noutra ocasión, polo que os veciños, di o xornal, vanse decatando do pouco para o que lle vale o “carrizo”. Do motivo da súa estancia na capital pouco se sabe, pero coméntase que foi para dar conta dos que o andan a denunciar, aos que ameaza con queimar como herexes “aún que sean más católicos que el”. Ao retorno agardábano tres bautismos, en dous rexeitou os padriños. A uns porque non podían apadriñar dúas veces no mesmo ano; a outro porque o nome de Edmundo era masón e protestante. A cousa rematou nunha ocasión cunha agarrada no interior da igrexa e na outra cun bautismo sen padriños. Os veciños acostumados a estas cerelladas cualifícanas como “cousas do carrizo”.

 

É este xornal o que dá conta do cativo que en Ourense estuda á súa conta e pregúntase por que o recto bispo de Lugo non toma cartas no asunto, segundo o xornal porque o cura é carlista.

 

Remata El país o seu artigo sobre o cura Casanovas:

Y… ¿no se crían acebuches, fresno o álamos en aquella comarca? ¿No hay piedras ni brazos agiles? Porque ante horrores e insultos como los referidos francamente, las jaculatorias de David y Goliath y los fervorinos nudosos del fresno se imponen por higiene y después… después no sucede nada, absolutamente nada, porque en los pueblos se arreglan esas cosas muy bien y porque hay regalos que una vez recibidos no se los quita a uno ni el mismo Dios”.

Moi lonxe estaba o redactor do xornal de imaxinar nin sequera a máis mínima aproximación á  traxedia que dous anos despois tería lugar na reitoral do carrizo aquela fría noite de xaneiro.

 

Canido de San Miguel de Oia, setembro de 2020





[1] Aureliano Pereira (1855-1906) afiliado ao Partido Republicano Federal, liderou a nivel provincial o rexionalismo federalista na segunda metade do século XIX e chegou a ser concelleiro en Lugo. Tivo una participación de relevo impulsando e formando parte da comisión redactora do  Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galego, texto clave do  federalismo  en Galicia, aprobado na  Asemblea de Lugo  de 1887. Sen abandonar o  federalismo, en 1890 intégrase na  Asociación Regionalista Gallega  de  Manuel Murguía  e  Alfredo Brañas, como secretario do comité de  Lugo. Sendo un caso único no galeguismo do século XIX, ao articular o rexionalismo cultural e político co federalismo republicano, contrario ao caciquismo, laicista e antiforalista, preocupado pola situación da muller e simpatizante do movemento obreiro.

[2] El norte de Galicia, 14, 15 e 16 de abril de 1903

[3] El regional, 14 e 15de abril de 1903

[4] El norte de Galicia, 5/2/1902; El regional 2 e 4 de febreiro de 1902, La idea moderna, 5/2/1902

[6] El regional, 5/2/1902

[7] Domingo Olmo Álvarez  e o seu irmán, Celestino, de 14 e 12 anos respectivamente. Ámbos recoñecen a Lara e Demetrio.

[8] El norte de Galicia reproduce moitas desas expresións en galego e nalgúns momentos nos que as dificultades de comprensión ou as expresións dos declarantes dan lugar a unha certa rexouba,  sinálaa poñendo entre paréntese “risas”. Por exemplo, cando o fiscal lle pregunta a unha  testemuña se coñece os procesados, a muller respóndelle:  “Yo no lo he visto” e ante a reiteración da pregunta, contesta: “Yo no tengo mas que decir que llego la niña ensangrentada y acudímoslle”. Nos dous casos séguenlle as “risas” entre paréntese. O redactor tampouco deixa de destacar a expresión desta  mesma muller : “foi descalciña e toda ensangrentada a pobriña gardouna Dios que outro ningún non a gardou”. As mesmas “risas”  sublíñaas cando un dos defensores lle pregunta a Juan de la Iglesia si  se “ataja” indo campo a través en vez de ir pola estrada, ao que este lle respondeu “si se arrodea”.

[9] El regional, 16/4/1903

[10]  Ángel López Pérez (1873-1964). Durante o primeiro terzo do século XX este avogado lucense liderou o partido conservador e foi o gran rival político do liberal José Benito Pardo Rodríguez. Foi alcalde de Lugo durante a maior parte desas tres décadas, e en catro ocasións: (1905-1906), (1909-1910), (1913-1923) e (1927-1931). Foi candidato a deputado pola URD en 1933. O franquismo recoñeceuno co título honorífico de alcalde perpetuo de Lugo. Durante unha visita á  cidade, Alfonso XIII cualificouno como “el mirlo blanco de los alcaldes” (ABC, 31/6/1964). Nun dos seus mandatos, en 1917, nomeou xefe da garda municipal o  sagaz ex cabo de Quiroga, Benigno Araújo López, xubilado xa como garda civil, que exerceu o cargo durante 16 anos. Ver: https://www.elprogreso.es/articulo/album-de-los-lucenses/benigno-araujo-lopez/201904041912571369091.html.

[11] Estábase a referir ao caso de Liborio Pérez condenado a morte por parricidio cometido, en setembro de 1900, en Ribas de Sil, tamén na comarca de Quiroga. A sociedade luguesa reaccionou e solicitou con intensidade o indulto, pero este non foi concedido. Liborio morreu agarrotado no cárcere de Lugo en decembro de 1902, causando a súa morte unha gran conmoción e profundo desgusto.

[12] San Clodio é a parroquia de Ribas de Sil onde se asenta a casa do concello e o lugar onde Liborio Pérez cometera o parricidio polo que foi condenado a garrote vil. O habilidoso avogado traía a memoria do xurado o brutal axustizamento duns meses antes, sen provocar a intervención da presidencia da audiencia.

[13] El norte de Galicia, 16/4/1903

[14] La correspondencia de España, 22/12/1903

[15] Gaceta de Galicia, 23/1/1904

[16] La autonomía , diario republicano de Reus, 18/3/1930, El motín 7/4/1900 e El país, 24/9/1900





Ningún comentario:

Publicar un comentario