|
A casa dos Quiroga |
Neste
mirar para atrás os recordos abrollan e volve ao presente un encargo curioso.
Quen levaba os asuntos do balneario era un señor moi maior, cando menos para os
meus ollos novos, que durante décadas, moitas décadas, administrou algunhas das
propiedades dos Quiroga, nomeadamente as de Cabanelas, o pazo de Cabodevila, e
as do Carballiño (Balneario e casa dos Quiroga na praza maior) e non sei se
algunha máis; coido que non entraba no seu cometido de xestión a casa de Cimadevila,
en Banga.
Sabemos
que levaba moitos anos no cargo porque na altura de 1935 xa o reflectía Álvaro
das Casas nas paxinas de El Pueblo[1]. Corenta e tantos anos despois seguía no cargo aquel “inteligente maestro”
que acompañou o fundador e líder dos mozos “Ultreya”[2] e se chamaba Ángel Pagán.
O
administrador informou ao profesor de instituto de que o tostado de Cabanelas regou
varias veces a mesa de Isabel II, do famoso roubo na casa de Banga cometido por
tres encapuchados a trabucazo limpo e da anécdota do “señorito” andaluz que
gabou a augardente dos Quiroga, sentenciando: “buen licor para una borrachera
económica, se bebe en un minuto y hace efecto toda la tarde”.
Un
día, como en secreto, díxome que tiña que me pedir un favor, que mesmo podería
supoñerme ter que testemuñar no xulgado; mais que non me preocupase, o único
que tiña que facer era dicir a verdade. Mandoume ir a “súa” casa, á da praza, á
que tiña o quiosco da Ángeles Calviño no portal e a droguería do Pallón nun dos
baixo dos soportais, á dos Quiroga, aclaroume, que no outro lado está almacenes
Gavilán..., subir ao primeiro andar, pedir vez para arranxar unha moa que tiña
furada (cousa que non tiña, polo que o de non mentir deixaba de ser certo de
partida). Fun, mentres un formigo incomodo comezaba a darme voltas no estómago.
Subín aquelas escaleiras, escuras, amplas, de chanzos brillantes polo uso e
pasamáns acariñados durante decenas de anos, tamén polas mans escritoras de
dona Emilia. Chanteime na porta, pulsei un timbre dourado conectado a un cable
groso envolvido nun saio de tea tensa, con liñas brancas e negras ensarilladas
en paralelo que gabeaba ata a cima da porta e coábase cara ao interior nunha penetración sen estridencias.
Agardei. Aló ao lonxe, moi ao lonxe, escoitei o breve zunido do timbre. Seguín
á espera, uns pasos lentos arrastrábanse por un corredor que se confirmaba
longo. Abriume unha señora, maior, á que lle contei as miñas falsas dores
molares. Moi atenta díxome que se era moita a dor, podía agardar, pero non me
podía dicir canto; se aguantaba que volvese maña. Regresei onda o administrador
e púxose contento. Díxome que xa me avisaría se me precisaba. Algún tempo
despois demandoume que fose ao xulgado. Tiven que mercar unha camisa nova e un
xersei. Agardei nun banco fóra a que me chamasen, pero ninguén o fixo. De
súpeto abríronse as portas da sala e un grupo de homes engravatados e con
carteiras saíron a escape facéndose chanzas. Cando me pareceu marchei. Logo
souben o que pasara.
Aquel
andar tíñao alugado un dentista apelidado Quinteiro, do Deza debera de vir, como
anunciaba o gran cartel negro con letras brancas que aínda seguía pendurado do
férreo balcón. O dentista falecera. A viúva seguía mantendo o negocio aberto,
atendido por un mecánico dentista que formara o seu marido durante décadas e con
tanta fama de mañoso que seguía conservando os clientes. O administrador ou ben
lle quería subir a renda ou que lle deixase libre a vivenda. Coido que foi isto
último, pois algún tempo despois acompañei o meu pai ao mecánico mañoso que se establecera
en Lalín, supoño que ao abeiro dalgún dentista. Ao andarlle a fedellar nos
dentes, meu pai desmaiouse. O mecánico asustouse e doulle a cheirar alcol, con
tan mala fortuna que nun movemento descontrolado ciscoulle un chorro nos ollos,
polo que meu pai ergueuse como un foguete e marchamos deixando o mañoso
tremendo como unha vara verde.
|
As iniciais “J” “Q” que seguen lucindo no portalón de entrada do balneario corresponderíanse pois con Jorge Quiroga |
Daquela
eu nada sabía dos Quiroga. Relacionaba aquel nome coas xestións administradoras
do meu empregador e doutras persoas que traballaban no balneario ademais de nos
eidos de Cabanelas. Co paso dos veráns fun sabendo algo máis, pois, o
administrador, xa moi canso, enviábame a facer a transferencia de fin de
temporada a “doña Amparito” e mesmo me consultaba se coidaba que os ingresos totais
foran máis ou menos como o ano anterior.
Cos actuais medios andei na
procura de “doña Amparito” e souben que se trataba de Amparo Quiroga Quiroga,
casada co xeneral Gonzalo de Vargas y Fernández de Córdoba. A tal “doña Amparito”,
á que se referíao administrador, era filla
de Amparo Quiroga Navia Osorio e de Jorge Quiroga García del Hoyo, nacido en
Banga, fillo de Eduardo e sobriño de José Quiroga Pérez de Deza. O último, como
dixemos, casou coa condesa de Pardo Bazán. O seu irmán menor, Eduardo,desposouse
con María de la Purificación Reynoso, da que enviuvou en 1875, cando a muller
tiña 25 anos[3]
e, en segundas nupcias, con María del
Carmen García del Hoyo Pardo, nai do primeiro dos Quiroga propietarios do
balneario do Carballiño. As iniciais “J” “Q” que seguen lucindo no portalón de
entrada do balneario corresponderíanse pois con Jorge Quiroga.
[1]El pueblo gallego, 12/9/1935
[2]Álvaro Casas Blanco (1901-1950) que asinaba como Álvaro de las Casas,
ou das Casas fundou a organización xuvenil galeguista “Ultreya”, semellante aos
exploradores xuvenís. Para máis información sobre o persoeiro pódese consultar
Díeguez Cequiel (2003): Álvaro de las
Casas. Biografía, documentos e epistolario. Galaxia, Vigo.
[3]Probablemente falecese dunha enfermidade infecto contaxiosa pois
segundo a nova do Diario de Santiago 9/7/1875:
“Su cadáver cumplimentadas las
operaciones sanitarias, fue encerrado en tres cajas, una de zinc, otra lujosa
cubierta de terciopelo y otra exterior de madera, siendo conducido ayer mismo a
Cornoces (Orense) en donde debe enterrarse en el panteón propiedad de la
familia”. Era filla do exgobernador da provincia de Ourense Justo Maria
Reynoso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario