Xabier Alonso Salgueiro "o mozo da bandeira" |
Xabier
Alonso Salgueiro, con 16 anos comezou a
traballar no estaleiro vigués de Barreras. Alí fraguou a súa conciencia política.
En 1971 préndeno portando unha bandeira galega. Torturado, encarcerado e
despedido. Readmitido no estaleiro desenvolverá unha intensa actividade no seu
concello natal, Gondomar, onde deixará
unha forte pegada. Falecerá nun tráxico accidente laboral.
Cando Sito, o roxo de Regodauga, veu ao mundo, no
verán de 1951, o Val Miñor era un territorio de subsistencia aldeá na que se
conxugaban os traballos agrarios coa procura
doutros temporais ou, con sorte, no naval e, máis tarde, na Citroën. Cando
naceu a miseria posbélica alongábase e aínda que se abrira a espita cara a América
a de Europa seguía pechada.
Cinco anos antes, Churchill acuñara o de “iron
curtain”; pouco despois Eva Perón lexitimara o franquismo. Cando tiña dous anos
creouse a OTAN e mentres botaba as primeiras carreiras, o Pacto de Varsovia. O
mundo dividido en bloques. En 1959 o franquismo era redimido: Eisenhover
visitaba a Franco.
Europa converteuse no novo destino para remesar
divisas. Alá foi o pai, como tantos. El para Rotterdam. Os floríns de cada
nómina representaban unha pequena fortuna. A empresa na que traballou concedía bolsas
escolares e a Sito e ao seu irmán mandáronos internos ao ourensán Colexio
Menor. A aventura rematou con cadanseu bacará.
Con menos de 17 anos, Xabier, representado polo
seu pai, asina o seu primeiro contrato de aprendiz. No estaleiro nacerá un mozo
novo que quere saber, descubrir, coñecer, contrastar opinións. Eses degoiros empurrarano
a continuar o bacharelato na quenda nocturna. O contraste entre o mundo rural e
o mundo industrial pode quedar reflectido na substitución do apelativo. Deixou
de ser “o roxo de Regodauga” para pasar a ser “o rubio de Barreras”.
Nos anos de aprendiz achegouse aos ideais de
xustiza social, de liberdades políticas, e, por riba de todo, de mellora das
condicións de vida dos seus, da súa xente, do que na terminoloxía da época se
denominaban “clases populares”.
Pouco
antes de que asinase o seu primeiro contrato constituírase en Barreras a
primeira comisión obreira; pouco despois Carrero Blanco exercía como líder dun
proxecto “continuísta”. Dous anos máis tarde, Juan Carlos era nomeado sucesor de
Franco a título de rei. Mais o réxime xa non era monolítico e os movementos
opositores cada vez máis fortes.
Cando levaba tres anos en Barreras, en 1970, o réxime tería que enfrontar
o denominado “proceso de Burgos”, no que se axuizaban 16 mozos de ETA. As nove penas de
morte solicitadas, xeneralizaron as protestas. O repudio internacional e as
presións diplomáticas, incluíndo as do Vaticano, sementaron dúbidas no réxime que se
apurou a promover mobilizacións. O ditador interpretounas como unha
lexitimación da súa autoridade e manobrou para conceder o indulto. O réxime, e
Franco en particular, cedía ás presións. Xabier viviu con intensidade aqueles
días de mobilizacións baixo a ameaza permanente da brutal represión. Sabémolo
porque na sentenza escribiron que “no transcurso dos meses de xaneiro e
febreiro de 1971, difundiu, guindando polo chan (…) abundantes follas (…)
subscritas polas denominadas Comisións Obreiras” nas que se facía
referencia ao proceso aos “patriotas
vascos” aos que a loita “dos pobos de
España” lles salvara a vida.
O
mozo da bandeira
Naquela altura conformáronse os primeiros
xermolos do sindicalismo galego e as novas organizacións políticas
nacionalistas foron tomando corpo social. Nesa configuración simbólica da
comunidade nacional vai desempeñar o seu papel Xabier, Sito, o “roxo de
Regodauga”, o “rubio de Barreras”, que engadirá un novo alcuño á súa xa longa lista de apelativos, o de “o mozo
da bandeira”. Alcume xurdido da reelaboración imaxinada da súa detención e da súa
conversión en emblema do rexurdir nacional como xa o fora a bandeira ergueita
por A. Villar Ponte na primeira páxina d´A Nosa Terra. A nova bandeira non era alzada
pola pluma dun xornalista de mediana idade e clase acomodada, senón por unha
man proletaria e xuvenil; non dende unha mesa de redacción senón dende as rúas ocupadas
pola policía da ditadura.
Non coñecemos as razóns da convocatoria da
manifestación; as fontes varían en función dos presupostos políticos. O máis
probábel é que cada quen acollese o motivo que máis lle aquelaba. O caso é que
segundo a sentenza do TOP: “sobre as 21 h.
do 27 de Abril de 1971, un grupo superior a vinte persoas, sen a pertinente
autorización, descorreron aglutinados polo Paseo de Alfonso XII (...), dando berros
(...) e esparexendo panfletos”.
Que Xabier erguía unha bandeira galega,
confírmanolo o seu avogado Alfonso
Álvarez Gándara quen nos informa: “Lembro
con peculiar precisión que o atestado policial imputáballe ser o portador dunha
bandeira galega izada “nun alto puntal” (isto significábao en canto manifestante), bandeira que era
“branca, dun pano asedado, e cruzada en diagonal por unha banda verde”. O daltonismo
policial foi un agasallo para o defensor e para Xabier. Álvarez Gándara
procurou minimizar a súa relevancia na
manifestación aducindo que a bandeira galega non era ilegal e que a banda que a
cruza é azul, polo que un pano branco cunha banda verde carecía de significado
político. Na sentenza o TOP ten que agochar o erro policial e non fan
referencia ao erguemento da bandeira, mais condénano “en grao de mero participe” por “un
delito de propagandas ilegais e outro de manifestación non pacifica. Polo
primeiro a multa de 10.000 pts e dous anos e catro meses de prisión; polo
segundo, a tres meses. Por suposto interpúxose recurso de casación ante o
Supremo por “quebrantamento de forma”, pero este sentenciou que non había
lugar.
Calendario carcerario de Xabier |
Detido o 27 de abril de 1971, pasou11 días na
comisaría. Segundo consta na sentenza estivo detido ata o 18 de xuño. O réxime decretara
o “estado de excepción” dentro do permanente estado de excepción do franquismo.
Aquel verán do 71 tivo que ser moi duro para Xabier.
Un mozo de vinte anos cos paus no lombo, a humillación da tortura, expulsado do
traballo, incomprendido pola veciñanza, coa policía enriba e a ameaza do que
lle farían pasar na mili.. En setembro colle camiño de Ferrol para facer a
instruición; logo para Cádiz, onde estará ata licenciarse en febreiro de 1973.
A nova xeira comezaba anubrada. Sen traballo fixo
e coa ameaza de que en calquera momento viñesen na súa procura. O que non
agardaba era o humillante espectáculo que argallaron. Dous meses despois de
rematar a mili, un despregue de gardas civís armados acurralaron a casa paterna;
prendérono, baixárono a Gondomar, esposárono na porta do cuartel, no centro da
vila, á argola de atar os cabalos, e deixárono alí durante horas para que todos soubesen que ninguén se podía
arrepoñer ao réxime. Ao día seguinte, trasládano á prisión de Vigo, logo á
Coruña; despois -a vella cárcere pontevedresa da Parda, onde cumprirá o resto da condena.
Había que sobrevivir, aproveitar o tempo para a
formación cultural e política e tamén para continuar na loita contra a ditadura,
reclamando dereitos para os presos ou solicitando a conmutación da pena de
morte para Puig Antich.
Ano e medio despois de cumprir a condena era
readmitido en Barreras. Comezaba unha nova xeira centrada non na loita sindical
e política, o que non empecía da súa participación activa en CCOO ou no PCG,
senón no movemento veciñal e na vida municipal de Gondomar. Ningunha actividade
social para a mellora das condicións de vida da veciñanza ficarían á marxe da
súa entrega solidaria.
Candidatura de CC OO en Barreras. Xabier enmarcado nun polígono |
Eran tempos de mudanzas, de novos proxectos e métodos
organizativos e políticos. Xabier sería o impulsor dunha proposta veciñal
construída a partir de asembleas parroquiais con entidades veciñais, culturais,
deportivas, comunidades de auga, de montes, etc. Ao final deu co tempero para
remover a política municipal de Gondomar. Mais a traxedia agardaba tras da
porta.
Contra o mediodía do 4 de outubro de 1989 Xabier
e un compañeiro andaban a traballar, con sopretes de propano, no tanque dun
atuneiro. Nun intre víronse arrodeados polas chamas. O compañeiro puido saír pero a Xabier ninguén o puido
socorrer.
Nunca tanta xente se xuntou ao pé do Galiñeiro
para acompañar o cadaleito. Vivimos mentres alguén nos recorde. A vida de
Xabier será longa.
Organización
Obreira
Xabier, a través da Comisión de Barreras, comezou
a relacionase coa mocidade do PC. Unha parte significativa da mesma comezou a
distanciarse do discurso oficial. Estas tensións tomaron, en Vigo, uns trazos
especiais. Entre estes mozos callaron tanto as criticas á posición sobre a
crise do movemento comunista internacional como as xurdidas no debate sobre os
dereitos nacionais galegos. Nese ambiente abrollou Organización Obreira (O O).
A maioría, ou quizais a totalidade, dos seus
integrantes eran, ou foran, membros da
Xuventude Comunista. Todas as fontes confirman a participación de Xabier. Mesmo seica lle puxo
o nome tras unha discusión por un panfleto que non concordaba coas directrices
de CC OO, propuxo asinalo cun simple O O. Mais a súa participación tivo que ser
moi limitada, pois a maior parte do escaso tempo que durou esta organización,
Xabier pasouno na mili ou na cadea.
As fontes sinalan que O O, como acción paralela
e organizada que pretendía unha posición máis combativa por parte das CC OO e
do PCG, formalizaríase en xaneiro de 1972, disolvéndose en xuño de 1974. Nace
pois entre mozos das CC OO de
Barreras, Álvarez, Citroën ou ASCON-Ríos. Parece que estivo
limitada a Vigo e caracterizouse por unha
concepción vangardista da acción política e sindical.
Tras a súa disolución unha parte regresaría, ou
quizais nunca o abandonou, ao PCG (caso de Xabier ou de X. Cameselle), outra
parte (os irmáns Araújo, Hierro Chomón...) acabaron por integrarse na OMLE que derivaría no PCE(r)-GRAPO. Un terceiro grupo (Méndez,
Chaves, Pousada, Moncho de Barreras...) xunto ao grupo Galicia Socialista,
promoveron o SOG, predecesor da actual CIG, e algúns deles integráronse na UPG.
A papel de O O nas folgas de 1972 foi
salientábel como axente mobilizador e combativo. As grandes loitas daquela ano
na área viguesa estiveron determinadas pola solidariedade cos obreiros
ferroláns (marzo), a folga de Barreras (maio) e o conflito de Citröen en
setembro.
Publicado en Nós diario 9/9/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario