luns, outubro 24, 2022
Presentación en Baiona, no Multiusos Mercado de Sabarís, de “O terror nas Tebras e outras catas na memoria” de Carlos Méixome.
É como o remate dun
ciclo, despois de percorrer todos os concellos que arrodean o Val e algúns
outros, e mesmo de facelo, nalgúns deles en varias ocasións, achegámonos neste andar
do libro a Baiona, un pouco como fin da etapa que encetaramos a finais de abril
en Nigrán. Toca agora facelo en Baiona, no Multiusos-
Mercado de Sabarís, o venres 28 de
outubro ás 20h. onde estaremos presentando, unha vez máis, O
terror nas Tebras e outras catas da memoria, (Edicións Laiovento, 2022),
xusto no remate dun mes en que a memoria recobra o seu protagonismo.
Nas presentacións
ademais da referencia ás pescudas locais (Tomiño, Oia, Mos, Val de Miñor)
procuramos deternos en conceptos como “verdade, xustiza e reparación” e
comprensión da dinámica represiva durante os anos da guerra e durante o
franquismo ademais de procurar entender os mecanismo da memoria franquista que
seguen pairando sobre as xentes de hoxe. Coincidirá pois esta presentación coa publicación
o pasado 19 de outubro da Lei 20/2022
denominada Lei de Memoria Democrática que abre certas expectativas ao movemento
memorialista.
Para falar de todo isto estarei ben acompañado, con dous amigos
de longo percorrido, na amizade e no traballo conxunto, Juan A. González Pérez,
historiador e un dos iniciadores do memorialisno no Miñor, ademais de hoxe
alcalde de Nigrán, e máis o músico e psiquiatra, asentado no Miñor dende hai
décadas, Antón Seoane. Con eles os dous, presentados pola concelleira de cultura
de Baiona Míriam Costas, falaremos sobre o libro, a memoria, a impunidade, a
reparación...
Por se vos presta agardámosvos.
luns, outubro 17, 2022
NOVA “LECTURA POÉTICA” EN “A MINI” CON FERNANDO CASÁS
Amigos e amigas
Se na recuperación das
“lecturas poéticas”, que coordina Xosé
María Álvarez Cáccamo, o pasado mes de setembro, fixémolo con todo un
acontecemento como foi o descubrimento da fasquía poética de Ánxel Huete, nesta ocasión darémoslle
unha volta a este proceso de desvelo literario, case exhumación poética, que
emporiso non perde o valor primixenio, orixinario, dunha primeira exposición
pública da obra poética, repousada nas décadas, de Fernando Casás, o noso veciño de Gondomar, onde naceu, e ao que
regresou, hai ben anos, dende o Brasil no que se formou e medrou como persoa e
artista.
Profesor na Escola de Belas Artes de Pontevedra é un dos
precursores mundiais da corrente que
hoxe se denomina “Arte e Natureza”. Non imos sinalar as múltiples exposicións,
publicacións ou recoñecidas obras que ten instaladas en espazos públicos, só
imos citar unha que, tanto para o artista como para as xentes do Miñor, ten un
significado especial, a árbore de bronce, mutilada, decepada, que instalou na
Volta do Nove, en lembranza dos nove nosos veciños ao que a sen razón fascista lle roubou a vida
aquel 16 de outubro de 1936.
Os textos que lera Casás dialogarán con algúns poemas que
Álvarez Cáccamo escribiu baixo a inspiración de obras de Casás para un libro,
inédito,no que ambos dialogan sobre arte, poesía, creación..., en fin sobre
todo o que é humano.
Será o sábado 22 de outubro
e comezará ás 12.30h, cunha
duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis interrupcións durante a lectura A Mini abrirá as súas portas ás 12h.
As intervencións
poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo
do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior
da taparía.
Se vos presta alí
estaremos.
Graciñas
Nota: De ter interese
en compartir mesa e mantel con Fernando
Casás podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.
mércores, outubro 05, 2022
Balbordo no Losada : Calvo e Primo en Ourense (4)
![]() |
Antigo teatro Losada |
O éxito da convocatoria
do “upetismo” en Ribadavia e no Carballiño non foi quen de agochar nin as
protestas producidas nestas vilas, nin as fortes tensións provocadas na Coruña,
Noia, Vilagarcía ou Cambados, só acougadas polos discretos actos celebrados en Vigo
e Pontevedra. Temíase que acontecese algo grave; como así sería. O ministro da
Gobernación, o militar Enrique Marzo Balaguer, emitiu duros comentarios sobre a
xira dos “umenistas” que se cabrearon aínda máis coa alocución radiada do
gobernador, Eduardo Garrido Castro, na que chamou á serenidade e respecto á
liberdade para evitar a intervención da autoridade.
La Región, entusiasta cos ilustres
visitantes, relata con miudeza os acontecementos daquel venres 5 de setembro de
1930. A mediodía, os líderes, arrodeados de afiliados capitalinos e “grandes
contingentes” procedentes do Carballiño e Verín, entre “vitores entusiastas” e
calorosas ovacións, pero tamén entre manifestacións “hostiles”, visitaron a
sede do partido para, de contado, desprazarse ao teatro Losada, ben protexido
por infantería e cabalería da garda civil, axentes de seguridade e policía, no
que se ía celebrar o banquete-mitin. Os incidentes foron en aumento a medida
que os comensais se achegaban ao teatro, ata o punto de que a banda de música
optou por retirarse sen interpretar ningunha peza e as forzas tiveron que
actuar para que puidesen entrar os camareiros cos manxares. Cando comezou o
banquete, grupos de “jovenzuelos y chiquillería” dirixíronse cara á rúa do
Progreso, mentres o comercio ía pechando, e apedraron as instalación do xornal
calvosotelista Galicia.
![]() |
La Región, 6/9/1930 |
O triunvirato dirixente
(Calvo, Primo e Guadalhorce), Salgado Biempica, Celso Casar, xeneral retirado;
o ex presidente de Abastos, Bahamonde; Benjumea fillo; “Joselín”, ex alcalde de
Baiona; o xornalista Meirás e Ferreiro, ex presidente, ao igual que Casar, do ente
provincial, constitúen a mesa presidencial. Este último fixo o ofrecemento do
banquete; seguiulle Biempica que se referiu a eses asalariados “por dos
pesetas” e ao éxito dos actos do día anterior. Intervén despois Meirás e Medina
Togores. Primo foi recibido cunha grande ovación.
Calvo sinalou a “faz
tabernaria” dos sopradores de chifres, o fracaso da protesta obreira e que
algunha das sinaturas da folla esquerdista que se repartía era apócrifa, cando
menos a dun señor que “se encuentra fuera de España” (en referencia a Vicente
Risco), así como que algúns dos asinantes colaboraron coa ditadura ou mendigaron
“secretarías y despachos”, e recomendoulle aos galeguistas que mirasen con quen
se aliaban se non querían abandonar “los ideales del país”. Rematou o mitin
Guadalhorce.
![]() |
Arturo Salgado Biempica, xefe da UP e do calvosotelismo |
Segundo se achegaba a
hora de remate do xantar, a algarada ía en aumento e as rúas do centro enchíanse
de xente. Segundo La Región, á fronte
dos grupos alborotadores estaban dirixentes republicanos e algúns asinantes do
“manifesto”. Os asubíos e apupos fixéronse enxordecedores cando os primeiros
comensais, uns cincocentos segundo El Ideal,
comezaron a saír. A policía tivo que ocupar o cruce das rúas para protexelos, pero
iso non amainou o reparto de losqueadas e bastonadas. Os xefes “umenistas” agardaron
no interior do teatro a chegada dos automóbiles, pero estes ficaron bloqueados
polo inmenso xentío. Daquela, optaron, acompañados dun gran número de
comensais, por saír no medio de labazadas e estacazos, pois a forza pública non
daba coutado a xente. Nun momento, Primo tirou de pistola, pero a rápida
intervención policial evitou que fixese uso dela. Entre pitadas e deostos
chegaron ao Campo de San Lázaro onde quixeron subir a uns coches de punto, pero
estes negáronse a levalos. Daquela comezaron a choverlle pedras. Guadalhorce,
dominado pola excitación, encarouse cos agresores, pero os seus acompañantes
refreárono e deu chegado á estación para coller o expreso cara a Madrid. Coa mesma idea ía Otero Pedrayo para achegarse
a Santander, onde a súa muller tivera un accidente de trafico. Os que
protestaban contra a visita dos herdeiros da ditadura recoñecérono e puxéronse
a aplaudirlle e darlle vivas.
Calvo e Primo foron dar
a volta por Ribadavia, para evitar a estrada directa e eludir atrancos, e achegarse
a Celanova, onde os actos transcorreron con calma, agás algunha chifrada que
outra. Ao remate da verbena regresaron á capital.
O xornal acantazado, o Galicia que dirixía Ginzo Soto, segundo El Pueblo inseriu unha nota na que aseguraba
que Otero Pedrayo “persona de cultura y educación”, a pesar de que a súa
sinatura figurase no manifesto, non estaba de acordo co seu contido e reprobaba
o acaecido, polo que, sen dúbida, a “chiquillería” que lle deu vivas e aplausos
debeuno confundir con algún “ravachol”. Á nova, tan ofensiva para Otero,
retrucoulle a Irmandade Galeguista a través dun escrito asinado por Cuevillas
(vicepresidente) e Monxardín (secretario), no que, autorizados por don Ramón,
“podemos asegurar que carece en absoluto de fundamento a noticia publicada
pol-o diario “Galicia” desta cibdade, respecto a súa suposta disconformidade co
contido de unha folla qu´il firmou e que recientemente se repartiu n´Ourense”.
Publicado no suplemento “Coñecer” de Nós-diario do 1/10/2022
Déixovos os enlaces das eanteriores entregas da serie
https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/06/ribadavia-e-o-carballino-apoteose-de.html
https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/05/preparativos-da-tourne-ourensa-de-calvo.html
https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/03/entre-farsa-e-traxedia-tournee-galega.html