domingo, xullo 31, 2022
martes, xullo 19, 2022
Unha vida en cinco minutos
Hai novelas
construídas sobre unha inmensa fartura de personaxes. Estou a pensar, por poñer
algún caso, en Manhattan Transfer
(1925) de John Dos Passos, por certo que de pai portugués, polo que sería, en
orixe, Paços; no Berlín Alexander Platz
(1929) de Alfred Döblin ou en La Colmena (1951)
de Cela. Toda esta enxurrada de personaxes, aínda que non sexan máis que
vagarosas descricións, teñen que ser froito de moitas escoitas indiscretas, de
moitas orellas postas con máis ou menos disimulo e non só da copiosa imaxinación
de grandezas literarias como as citadas. Fóronme por aí os matinares por un
caso que me aconteceu ese outro día, cando fun xantar en soidade de persoa e
abundancia de viandas.
Na mesa
veciña, un home de 71 anos, ante un café con leite de compromiso, cun ton sonoro
suficiente como para que escoitásemos con nitidez, contáballe, ledo e
fachendoso, á súa oídora, unha muller parapetada tras a súa caña de “milnove”,
a súa última aventura vital.
“Traédeme
unha manta que morro”, dicíalle que lles dixo: “morro de frío…, morro de frío”.
Acochárono ben, pero seguía a tremer. Ao pouco, non moito, chegaron os da
ambulancia. Botáronme un ollo e dixéronme “le vamos a poner un pinchacito”;
“bueno, pois poñan”. Un bocadiño despois, volvéronme dicir “le vamos a poner otro
pinchacito”; poñan logo! Agardaron outro anaco e preguntáronme cantos anos
tiña, díxenllo; se sabía que día era, contesteille; se me acordaba do número do
carné, deille os números todos de seguido. Mandáronme ficar deitado e que non
me erguese en tres horas. E aquí estou, coma novo, afirmou fachendoso,ante a
admiración da compañeira de mesa. É que, muller, baixoume a tensión a cero!
Aproveitando
a especial experiencia acordou contarlle o resto da súa vida, en crónica sintética,á
compañeira degustadora de cervexa. Como
súa nai nunca estivera moi ben, mentres viviu, coidouna. Botara 36 anos na
cociña dun restaurante de certa sona, ata que un día o Pepe xubilouse e ao día
seguinte pechou a porta. Quedei sen choio. Pero tiña que traballar, que tiña 57
anos. Mais nunca fun de andar a pedir traballo. A verdade é que sempre tiven
sorte; viñéronme buscar. Así ata que me xubilei, mentres seguía coidando da
nai, porque o meu pai, cando eu tiña tres ou catro anos, marchou para o Brasil
e nunca máis se soubo. Ben, si, nunha ocasión, sendo xa eu un mozote, veu dar
unha volta, ver que pasaba, como andaban as cousas e por se acaso miña nai o
quería de novo. Pero un meu tío agarrouno polos colares e ao día seguinte
desapareceu. Nunca máis se soubo. E aí fiquei, traballando e coidando da nai;
pobriña, moito padeceu coa enfermidade.
Eu
disimulaba como podía o meu papel de espreitador furtivo, evitando as olladas
directas do relator, facendo que me entretiña no móbil,absorto no ir e vir das
talladas de polbo ou engulindo un biquiño dun glorioso branco do Ribeiro. Cando
comezaba a dar conta dunha dourada posta de churrasco de porco ibérico, os meus
compañeiros de faladoiro, ao mellor é moito chamarlles así, pero case,
decidiron dar por rematada a confesión. O relator pasou por onda min, fitoume
con familiaridade e desexoume unha boa tarde e un bo proveito. Agradecinllo.
Fiquei só.
Os matinares voaron a Amanda e aqueles cinco minutos que tiña na saída da
fabrica para estar co Manuel. Ben recordan a Victor Jara, non si? Pareceume que
a vida daquel home foran cinco minutos. O tempo que empregou en contala.
Publicado en A Nova Peneira, xuño 2022
xoves, xuño 30, 2022
Enciclopedia do silencio
Houbo un momento en que se
lle deu a volta ao relato sobre a guerra de España e a persecución franquista.
Foi nos albores do século, da man dos “chamados” investigadores locais que
achegaron números e nomes baleirando rexistros civís segundo ían deixando.
Daquela decatámonos de que a narrativa da Galicia franquista na que se
fusilaron ou pasearon uns cantos cargos políticos e se tiveran que exiliar uns
poucos intelectuais galeguistas, só era o discurso do réxime. Despois veu a
procura do manancial da memoria oral, de liberar do po as causas militares, de
recuperar memorias republicanas, de contrastar nomes nos xornais, de visitar
arquivos..., daquelaxurdiu o espanto da brutal persecución das xentes do común.
Eramos debedores das
interpretacións dos hispanistas británicos e americanos,pero estes non se
achegaban ao dato numérico e nominal, pois esetraballo a pé de obra, rexistro a
rexistro, memoria a memoria, causa a causa e arquivo a arquivo, non se realizou
ata o tempo dos netos,síntomadesa certa anormalidade hispana produto tanto da
prolongada ditadura como da reconversión da mesma en autodenominada democracia.
Ese traballo segue sen rematar,mais xa se poden achegar matices.
En Pontevedra ambos labores
realizounos,con paciencia, tino,
sensatez e dedicación de investigador de raza, Xosé Álvarez Castro, que agora nos
achega unha matizada ampliación do seu Pontevedra
nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939) (Xerais, 2013),en Os anos do silencio. Represión e resistencia
na provincia de Pontevedra (1936-1951) (Xerais, 2022). Dende hai catorce
anos Pepe Álvarez mantén activo un blog, homónimodo seu primeiro libro,no quevai
deitando achegas parciais que despois sistematizou e ampliou nos dous volumes
que vimos de citar. Esas achegas puntuais permítenlle esmiuzar causas, debuxar
personaxes, contrastar información e mesmo sinalar os tons grises que sempre se
poden agochar tras heroicas vítimas ou perversos vitimarios.
Nesta segunda entrega amplía
o marco xeográfico, estendéndoo a toda a provincia, e o fito temporal,alongándoo
ata 1951, para achegarnos tanto á resistencia política, organizada ou dispersa,
centrándose no Partido Comunista, como á
resistencia armada dos primeiros “fuxidos”e a dos xa organizados en forma de
guerrilla.
Profunda Álvarez nas
variadas formas de represión física e ideolóxica, e detense na persecución da
masonería e no castigo económico en forma de incautacións ou multas pero, tamén
no derivadoda autarquía ditatorial (mercado negro, gran “estraperlo”,
volframio) empregada como mecanismo para punir a disidencia e recompensaros afíns.
Reflíctese así a corrupción como un dos piares no que se empoleiran as novas
elites do réxime, que non sentirá necesidade de poñerlle couto agás que
puidesen axitar o descontento da fame e da miseria.
No seu fiar fino, detense na
represión sobre as mulleres, quenon só foi moita senón que, en parte,podemos
documentar procurando entre os milleiros de folios das causas militares. En
debullalas, Pepe Álvarez é un experto. Labor impagábel o
seu.
Publicado en Tempos Novos nº 301, xuño, 1922
martes, xuño 21, 2022
La depuración de Victoriano Taibo en Historia y Memoria de la Educación
Acaba de publicarse o número 16 da revista Historia y Memoria de la Educación, carregado de boa lectura, cun monográfico titulado "La representación de la educación en los documentales producidos en los totalitarismos europeos", baixo a coordinación de Conrad Vilanou (Universitat de Barcelona), Raquel Cercós (Universitat de Barcelona) y Núria Padrós (Universitat de Vic – Universitat Central de Catalunya). Neste número recollese un traballo meu sobre o proceso de depuración de Victoriano Taibo, deixovos o enlace por si é do voso interese https://revistas.uned.es/index.php/HMe/article/view/31265/25307
A razón estragada?
Confesa ese home
pequerrecho, de estatura, que sentiu certa emoción ao telo na súa terra “da que
saíu como os vellos exiliados e emigrantes”. Quen así falou do emérito, en Onda Cero, foi o xornalista de Mosteiro, en Pol. El pode opinar e
opina. E fai ben. Coido que así o podemos e debemos facer todas as persoas. A
diferenza está en que a unhas escóitaselles, porque lle poñen altofalantes, e a
outras non, non porque non teñan “doxa”, que a teñen, senón por que lles furtan
os amplificadores uns demiños, trasnos perversos, que habitan tras os papeis
impresos, disimulan entre ondas hertzianas ou ocúltanse baixo sinais dixitais, ben
sexan analóxicos ou binarios, para filtrar ou apagar, segundo sexa o caso,
mentres repasan balances bancarios.
Con todo xa lle chega.
O da comparanza, refírome. Pois atopar semellanzas entre o dúas veces, cando
menos, perxuro e, por exemplo, por citar a quen del se fala nestes días,
Florencio Delgado Gurriarán, ou, tamén, por exemplo, coa miña nai e a maioría
dos seus veciños e veciñas do barrio do Cornuval no Carballiño que andaron
tocando a zoca pola Francia, a Alemaña ou a Suíza dos anos sesenta e setenta, a
maioría deles xa non están connosco, é unha indecencia moral.
Cando menos por dúas
veces faltou ao xuramento. Aquel no que, ás 11.16 minutos dos 24-VII-1969, aceptou
cun “si claro e rotundo”, no seu nome e no dos seus sucesores, as obrigas e
deberes que lle impoñía a designación que lle propuxo o pleno das Cortes do 22-7-1969,
convocado a tal efecto polo Xefe de Estado en virtude o artigo 6 da Lei de
Sucesión, para ser a persoa chamada a sucederlle, no seu día, a titulo de rei;
e aquela outra vez, o 22-11-1975 ás 12.35 minutos na sesión conxunta das Cortes
do Reino co Consello de Estado no que dixo: “Xuro por Deus, e sobre os Santos
Evanxeos, cumprir e facer cumprir as Leis Fundamentais do Reino e gardar
lealdade aos principios que informan o Movemento Nacional”. Se daquela mentiu,
o que non faría despois. Hai que ter papo para tratalo de exiliado ou de
emigrante para glorificar un dos bi-reis; deben sentir a inestabilidade ao ter
que xogar con dúas cartas.
Un, que xa le de todo,
pousou os ollos, non hai moito, nunha haxiografía que o Ónega de Pol lle
dedicou ao Suárez de Cebreros, aquel ao que o Guerra alcumara de tafur, e algo
disto debía ter, mesmo de ben novo, pois nesa especie de memorial de santidade
do abulense, o de Lugo conta que, cando andaba a promover unha asociación de
mozos, aló polo 1957, pegaba os carteis polo día e arrincábaos de noite, para
despois queixarse ao Diario de Ávila
do boicot de mans anónimas e ateas. O xornal acolleu a denuncia, o acto foi un
éxito e Suárez deu o seu primeiro mitin.
No botafumeiro a xeito
de libro, faise tamén unha apoloxía da ignorancia. Seica Suárez non lía máis que
os papeis da política, ao que lle dedicaba todo o tempo, actitude que mesmo
glorifica o Ónega, que foi durante algún tempo o seu xefe de prensa, ao relatar
unha lembranza de non hai moito, isto é, de actualidade, na que un empresario
dos de mellor biografía e maior patrimonio, segundo o relato do xornalista, lle
confesou “nun rapto de sinceridade”: “Eu non lin un libro na miña vida”; ao que
o Ónega, con toda franqueza, retrucoulle “nin falta que che fixo”. En fin..., é
o que temos, unha casa construída polo franquismo, reformada entre o 3 de xullo
de 1976 e o 15 de xuño de 1977, sen que deixase de funcionar a luz nin deixase
de correr a auga, máis ou menos esas son as palabras que o Ónega pon en boca de
Suárez.
Pero o que me fixo
soltar unha gargallada foi o que lle dixo ao emérito o que fora o seu xefe de
goberno. Cando este xa se achaba no máis estreito do funil da enfermidade, a
súa maxestade foino visitar. Os medios reproduciron ata a saciedade a imaxe entenrecedora
e humana do Borbón pousando a man no lombo do seu fiel servidor. Di o Ónega que
o ex presidente non o recoñeceu, tiña a razón estragada, pero que lle
preguntou: Ti tamén ves pedir diñeiro?. Debeu ser un instante de lucidez.
Publicado en A Nova Peneira, xuño 2022
venres, xuño 10, 2022
Dúas madalenas
Como Proust cando recuperou a alma de Combray, e a súa, agochada
naquel anaco de boliño moldeado como una valva de cuncha de peregrino, volvinme
ver a min mesmo, en dúas circunstancias, ao repasar as primeira follas do libro,
hai libros de historia local que son manuais de historia universal, escrito a
catro mans polo xornalista Fernando Salgado e o transmisor de memoria Genito
Otero. De súpeto ascendeu polos meus nefres un intenso arrecendo a allo, a mans
que rematan de picar unha boa cantidade de dentes, pero aínda máis desagradábel;
ollei o estoupido inicial ao prender a lámpada de carburo e o seu besbello de
luz incerta, mentres os meus ollos degoirados non eran quen de afastarse dun
cochiño de latón, pintado de cor vermella, que, entre outras chilindradas e unha
inmensidade de rosquillas de Ribadavia
ensartadas nunha vara de vimbio, ofertaba a rosquilleira nunha noite escura da
festa. Non foi un ulido, senón o tacto daquelas restras de papel amarelado,
amontoadas na extremo do mostrador, áspero, rugoso, februdo, sobre o que facía
sumas sinxelas no ultramarinos no que traballaba na miña primeira adolescencia,
antes de envolver nel os produtos ou viandas, o que emerxeu co frescor da
sorpresa ao ler o suxerinte título de Papel de estraza.
Pois foi nun papel de
estraza onde se anotou a composición do goberno independente da Illa da Arousa aquel
10 de outubro de 1934, sobre o mostrador do bar “Nicho”, situado onde houbera
un cemiterio, rexentado por Juan Otero Mestú, responsábel de Información e
Propaganda dun executivo, constituído entre risas e veras, que era expresión do
profundo malestar dunha sociedade illada pero dependente para a súa mellora da
continental Vilanova. Os tempos estaban
avoltos e, aproveitando o rebumbio provocado pola entrada da CEDA no goberno da
República, que auguraba a eliminación definitiva das medidas reformistas do
primeiro bienio republicano e presaxiaban un horizonte similar ao italiano ou
alemán, os mariñeiros e mulleres da fábrica de conserva botáronse á folga e no
papel de estraza engadiron ás reivindicación xerais o seu desexo de
independencia municipal.
Cando gardas,
carabineiros e de seguridade, entraron na Illa para restaurar a orde que só na
mente dos gobernantes desaparecera atopáronlle aquel anaco de papel no peto de Segundo
Nine Fernández, encargado da carteira de educación no goberno presidido por
Santiago Otero Pouso “Pajares”, con Andrés
Mougán Cores, “Tormenta”, en Xustiza, e Manuel Iglesias Dios, en Gobernación, Demetrio
Ramos Lojo, en Facenda, e Avelino Fuentes García en Mariña. Catro dos sete eran
militantes socialistas.
Santiago Otero Pouso
Figurar nesa listaxe converteuse
nunha ameaza para a vida despois de xullo de 1936. Non podemos deternos. Exemplificamos
co que lle aconteceu ao presidente do goberno anotado sobre o recorte dun prego
de papel. Sobre as dez e media da noite
do día 20 de setembro baten con estrondo na porta da súa casa; ante a pregunta
de quen era, responden: España! Son uns gardas cívicos borrachos. Abre a muller
cun neno nos brazos. Levan o “Pajares” ao local de tortura. De madrugada
mátano, amárranlle unha pedra e fondéano no mar. Houbo testemuñas agochadas. O
peso da pedra non dá abasto e o corpo
sae a flote algún tempo despois. Os veciños presencian a macabra escena. Chega
o xefe da garda cívica, Benito Figueiras Silva “Gavilán”, e, con outros dous,
dende unha lancha, achéganse ata o lugar onde flota o cadáver. Átanlle unha
pedra máis grande e vólveno fondear.
Publicado en Novas de Turonio, xuño de 2022





