Casa dos Quiroga en Cabanelas |
A sociedade
galega da segunda metade do S. XIX e do primeiro terzo do XX non era un mundo
sosegado, sen conflitos, pacífico, harmónico... como algúns autores nos
transmitiron; pero tampouco unha sociedade “atrasada”, foi o termo
popularizado, de miseria social, moral e económica na que a sumiu a sublevación
militar e o réxime franquista. Moitas das persoas que viviron os tempos duros
da posguerra coidan que, se daquela as cousas ían mal, peor tiveran que ser
antes, sen decatarse de que as sociedades humanas non seguen unha liña recta e
sempre ascendente, senón que evolucionan
en ciclos quebrados, con intensos ascensos nunhas ocasións e pronunciados cavorcos
noutras.
No capitulo
10 desta serie demos conta do roubo con violencia que sufriu o administrador en
terras ullás de José Quiroga. Hoxe traemos a referencia dun tráxico atentado, ocorrido
pouco anos despois, do que foi vítima outro dos administradores dos Quiroga,
neste caso o mordomo de Eduardo Quiroga, na casa de Cabanelas, no concello do
Carballiño.
Aconteceu
polo demais en datas especiais. Ás seis da mañá do 17 de setembro de 1905, no tránsito
da atarefada xornada feiral ao día grande das festas da vila do Arenteiro, un
individuo, aproveitando que un dos criados deixara aberta a porta para ir á
horta, coouse na casa dos Quiroga no Cabodevila de Cabanelas. Achegouse con
sixilo ata o cuarto no que estaba a durmir o administrador, guindoulle enriba
unha bomba de clorato potásico e deuse á fuga.
A parte
superior do corpo ficou esnaquizada, a cabeza e o peito convertidos nunha masa
informe, relatan os xornais, e mesmo, indican, o estoupido afectou parte do
edificio.
O
administrador das rendas do máis vello dos Quiroga, cuñado de dona Emilia, era,
segundo o gaceteiro, “un viejo servidor, honrado y fiel guardián de los bienes
de su amo”. Segundo El eco de Orense que
é a fonte que reproducen os demais medios[1],
aínda descoñecéndose as causas exactas do atentado, cóidase que poderían ter
relación coa dilixencia coa que o defunto xestionaba os negocios do seu amo,
sen permitir que se “hollasen” os intereses que lle estaban confiados. Suponse
pois que se trataría dunha vinganza. Os xornais procuran cada un seu titular máis
estrondoso “La dinamita en Galicia”, titula un; “La dinamita en acción” rotula
outro: “El atentado de Carballino”, un terceiro.
Ata a casa
dos Quiroga no Carballiño trasladáronse autoridades e persoeiros da vila e da
provincia para transmitirlle os seus pesares a un “emocionadísimo” don Eduardo,
apesarado polo horrendo final do seu fiel servidor Segundo Alemparte. Este
recibiría sepultura no cemiterio de Banga, o mesmo no que, anos máis tarde,
serían soterrados os seus “señores”.
Non fomos
quen de seguir con exactitude a pista do crime. Os xornais, curiosamente,
acaban “silenciando” o suceso. Habería pois que procurar outras fontes, pero
iso é fariña doutra muiñada.
A casa dos Quiroga empoleirada sobre Cabanelas |
O que si sinalan
é que no primeiro momento detéñense tres persoas veciñas de Banga. Un tal don
Bartolomé Peña, o tratamento diferencial é significativo, a Jesús González,
alcumado “Negrero”, e máis a súa cuñada Inés, que traballaba de mandadeira na
casa. Uns días despois a garda civil prendeu tamén o home da desta, Pedro
Rodríguez, e un fillo de ambos chamado Agustín. Logo o caso vai esvaecendo na
prensa. Descoñecemos o resultado tanto das investigacións como do xuízo, se é
que o houbo.
Afastada xa
para sempre do Avieiro, o mesmo día do atentado na casa do seu cuñado Eduardo,
dona Emilia celebraba, ao grande, o seu 54 aniversario na Granxa ou Torres de Meirás[2].
A marquesa de Pardo Bazán, Emilia de la Rúa Figueroa Somoza e a súa filla, a
nosa escritora, facían os honores ás personalidades da maxistratura, da
milicia, da banca e das letras e ás “señoritas elegantemente vestidas”, segundo
descendían da enorme fileira de carruaxes e automóbiles que ocupaban case a
totalidade da estrada.
Á
esplendidez da festa axudou o magnifico día e as moitas persoas convidadas
puideron admirar as obras, ben adiantadas xa, que estaban a converter nunha
“residencia soberbia” o “novo palacio de Meirás”.
Igrexa de Cabodevila, Cabanelas |
Ben lonxe
ficaba de dona Emilia o mundo rural e vilego das terras, levaba décadas sen
visitala, regadas polo seu imaxinario Avieiro que lle inspiraron unha triloxía
(El cisne de Vilamorta, Los pazos de Ulloa e La madre naturaleza).
Ningún comentario:
Publicar un comentario