![]() |
Parroquial de Santo André de Ribeiras de Miño, Ferreira de Pantón |
Ben saben daquel personaxe de Molière
agoniado por que alguén andase a ventar polos recantos e dese cunha arquiña,
soterrada no xardín, onde gardaba os seus “luíses”. Un aire a ese personaxe
atopámolo en Manuel Barreiro Cardelle, o crego da parroquia pantonesa de
Ribeiras de Miño. Infelizmente, mentres o “teatreiro” francés argallaba unha
chanza derredor do avarento, a teima do
“ensotanado” ribeirán remataría nunha traxedia. Era aquel crego sexaxenario tan
cismático en aparentar pobreza para “non excitar a cobiza” que acabou por
concertar en tormenta perfecta unha diversidade de elementos (avaricia, amores,
resentimentos, ladróns, disputas políticas, maltratos, excesos de celo...). A
treboada rematou con case toda a parroquia detida, 22 imputados, 8 penas de
morte e dous mortos.
![]() |
Camilo Garza |
Bo susto debeu pillar a Amable Cortiñas
cando a espertaron seis homazos coas caras tapadas, descalzos e cos pantalóns
recollidos ata os xeonllos e a ameazaron cun coitelo. Parece, só parece, que
fixeron o mesmo coa ama de chaves, Martina Expósito. A cargo de cada unha,
ficou un deles.
![]() |
José F. Balboa |
Os catro restantes achegáronse ao
cuarto do crego, eivado da parte dereita do corpo. As ameazas subiron de ton
mentres baleiraban arcas e xergóns, esnaquizaban móbeis e remexían roupas. O
cura porfiaba en negar que tivese cartos. Erguérono, espírono e baixárono á
corte onde lle queimaron as súas partes cun fachuco de pallas. Prometeu dicir
onde agochaba o diñeiro e subírono de novo á sala. Mais ao verse libre do
tormento recuperou as ansias avarentas. Volvérono baixar, botáronlle a palla
dun xergón enriba e prendéronlle lume, ata que lle dixo que os cartos estaban
nun burato na bodega. Subírono por segunda vez á sala. Furaron aquí e alí, sen éxito. Agora xa
non o baixaron, guindárono por unha trampa á bodega. Díxolle que debaixo das
patacas. O corpo do cura, apareceu espido, atado de pés e brazos, coa cabeza
espetada no buraco; enriba dela, unha pedra dunhas dúas arrobas.
Cando as criadas se deron ceibado deuse a nova. Xulgado de Monforte, GC local, tenente fiscal, xefe provincial da GC, todos desfilaron por Ribeiras para desentrañar o crime. Os interrogatorios, as ameazas, os maltratos, as detencións, premeron ata que o fío dos segredos esgazou. Segundo Balboa Balboa, aguantou cando o chamaron a declarar; resistiu cando o levaron á bodega da reitoral; pero cando regresaron con el a Monforte, pegou un chimpo dende o balcón do xulgado e fuxiu cara a ningures. Descubrírase el e aos demais. Aguantou dous días no monte. Procurou refuxio
na casa dun seu irmán. Alí fórono procurar os abastados propietarios Pedro Mazaira e López Argiz “Portabade”, que fora alcalde de Pantón; tras deles os gardas armados. Entregouse e cantou, engaiolado polos señores da aldea que lle aseguraron que nada lle ía pasar.
Procuraran non deixar pegadas pero non contaran nin coa fereza do xulgado e da GC, nin coa reiterada esaxeración do
![]() |
Martina Expósito |
fiscal, en palabras dun dos avogados defensores. Este, Juan Antonio Parga Sanjurjo, logo membro da RAG, inflamado de patriotismo, pídelle ao xurado nove penas de morte e prisión para unha ducia de persoas “ante o estado actual de España, minada polo bandoleirismo en Andalucía, o anarquismo en Cataluña e o socialismo por todas partes”.
O Segundo Balboa, xunto con Manuel Cortiñas Barreiro, sobriño do cura, enrabiado porque o vello deixara as súas
![]() |
Ramiro Cañoto |
riquezas á igrexa, e mais os “zoqueiros”, os irmáns José e Ramón López Vázquez, así como a ama de chaves, Martina Expósito, e o seu mozo, Ramiro Cañoto Berea, co que pretendía casar, a pesar da oposición do cura, foron os autores do “roubo con resultado de homicidio”. Nese labor colaboraron Camilo Garza Rodríguez e os irmáns “Pirolas”, José e Ramón Fernández Balboa. Para os nove demanda o fiscal pena de morte. De prisión, como encubridores, para o pai e a nai dos “zapateiros” e dez persoas máis. Na vista oral, o fiscal irá minguando a súa esaxeración e retirará a petición de cárcere para as persoas encubridoras, agás para o pai dos
![]() |
Ramón F. Balboa |
“zoqueiros”, e a de morte contra Martina Expósito, despois de deitar contra ela grosas palabras, indignas de se pronunciar ante un tribunal de xustiza. O xurado confirmou a petición fiscal. Nos ires e vires posteriores fóronlle conmutadas dúas penas de morte, aos vixías, por perpetua, e despois a outros cinco.
![]() |
Ramón Vázquez |
Para José Vázquez López, un dos “zoqueiros”, catalogado polo fiscal como “capitán da gavela”, non houbo indulto, a pesar da petición do alcalde de Sober, Casimiro López, da cámara de comercio e do bispo de Lugo. Dende o cárcere da capital foi traslado, en tren, acompañado de oito gardas e 25 soldados, ata a cadea de Monforte. Ás 8 da mañá do venres 7 de decembro de 1894 entrou en capela, escoitou misa e comungou. Saíu cara ao patíbulo; levoulle 20 minutos chegar, tivérono que axudar a subir ao estrado dende o que se dirixiu ao moito público que agardaba; proclamou a súa inocencia e perdoou aos que xuraran en falso. Interrompérono para que non continuase falando. As 8,35 deixou de existir.
Dos cartos nada se soubo.
Publicado en Nós-diario, sábado 31-10-2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario