Déixovos a entrevista que me fixo Cilia Torna como adianto do traballo sobre a Falanxe da Ramallosa que mañá publicará Nós-diario. Agardo que sexa do voso interese e sirva para que quen aínda non o faga merque o xornal ou se faga socio que ben o merece.
A
represión é unha historia de vítimas e de verdugos; como persoa que tes
traballado durante moitos anos o tema da memoria no Val de Miñor, que
destacarías da natureza e do alcance da represión nesa comarca?
A
sociedade miñorá tiña, na altura, un gran dinamismo. A proximidade a Vigo
turraba dos tres concellos do Val de Miñor nos que a tradición migratoria alentara
o despegue económico e cultural. As remesas americanas empregáranse en mercar
terras nun val abondoso en casas fidalgas, pero tamén na educación con centros
escolares tan salientábeis como a escola Pro Valle Miñor ou a dos fillos de
Morgadáns, pero tamén o crac do 29 obrigou ao regreso de moitos emigrantes,
pola crise en si ou expulsados pola ditadura de Uriburu (1930-1932) na
Arxentina. Traían novas olladas, formación sindical en moitos casos, e unha
actitude vital anovadora. Era, pois, unha sociedade dinámica e organizada tanto
no sector do mar, con sindicatos como “El despertar del Valle” ou o “Sindicato
de Industrias Pesqueras” de Baiona, adscritos ambos á CNT, e con lideres
prestixiosos e recoñecidos, como a través dos sindicatos de obreiros e oficios
varios de Gondomar e San Pedro da Ramallosa, pero é que ademais en cada
parroquia había a súa sociedade agraria, que mesmo se federaron a nivel do Val,
aínda que non todas, e remataron por integrarse na Federación Provincial
Agraria que sería quen de colocar a Antón Alonso Ríos como deputado, e todo
isto sen esquecer o importante labor que desenvolven os mestres e mestras,
tanto no aspecto sindical na Federación de Trabajadores de la Enseñanza de
Vigo, adscrita á UGT, como, e quizais é o máis significativo, coas misión pedagóxicas
de formación cultural e a súa presenza nas directivas das sociedades agrarias
parroquiais. A isto cumpriría engadir o elemento comunicador do tranvía, tanto
no interior do Val como con Vigo, e mesmo a existencia dun sindicato de
traballadores de tranvía Vigo - A Ramallosa.
Politicamente
había unha forte presenza do PSOE nos tres concellos e do anarquismo entre as
xentes do mar, mesmo con militantes da FAI; cara á metade do quinquenio republicano vai
aparecendo o PCE, mentres que o republicanismo burgués, culto e de formas
modernizantes, prendía entre sectores das elites económicas baionesas, mesmo
cunha versión enxebrista do galeguismo a través da influencia de José Rodríguez
Vicente “Joselín”.
Sobre
estes sectores, e dun xeito sobranceiro sobre o movemento obreiro, os
mariñeiros, os agrarios e o maxisterio, cebáronse os perseguidores. En números
bastos, no Miñor, para unha poboación total duns 15.000 hab. mataron, dun xeito
ou doutro, 70 veciños, abriron trinta causas militares nas que imputaron máis
de 200 veciños, ao que cómpre engadir outras cincuenta persoas cuxos cadáveres
se recolleron en territorio miñorán.
As
dereitas conservadoras apostaron ao inicio polo “lerruxismo” pero, tras o
desprestixio de Emiliano Iglesias, sectores minoritarios viraron cara ao
agrarismo e os demais fóronse achegando ao calvosotelismo, que rematará por
apoiar a Falanxe e os militares sublevados.
Un
dos fitos do terror fascista no Val de Miñor é a coñecida como a masacre da
volta dos 9, suceso que ti tes investigado, como aconteceu, a que respondeu e
como ficou na memoria?
Foi
o estoupido da vinganza, o desafogo da fera, o horror do coronel Kurtz en Apocalipse Now de Coppola. O Kurtz miñorán
chamábase cabo Pena. Andaban na procura dos irmáns Ineses, así lles chamaban
por ser fillos de Inés. Ambos estiveran en América. Un socialista e uxetista.
Outro anarquista, faísta e esperantista, era Pepe “Saluto”, do que xa falamos
en Nós diario; remataron por
agocharse nunha casa en Sabarís. Sospeitaban que alí estaban, entraron; o
falanxista Refojo resultou ferido; os irmáns matáronos minutos despois. Refojo
rematou por morrer. Pena e os seus foron a Vigo, na cadea non lles deixaron
pillar a ninguén, pero no frontón de María Berdiales apañaron a nove; torturáronos
e na amañecida matáronos nunha reviravolta da estrada. Cinco eran de Panxón,
catro de Baiona. Os nove mariñeiros, sindicalistas. Nacía un topónimo para
exercer a memoria e o mito.
Sinalas
no teu artigo que a represión “non foi obra duns cantos nomes que a memoria
popular identificou coa perversión moral, senón dun aparato organizado, mesmo
dende antes do golpe de Estado”, que queres dicir con iso?
Quero
retrucar o mito creado arredor dunha
mala besta como o cabo Pena. Na memoria popular ficou gravado como a
personificación do mal, pero o que fixo non o puido facer só, nin coa axuda
duns poucos números da garda civil. Tivo que contar con moitos apoios, no só
para pescudar, asexar e delatar, senón tamén para torturar e disparar, ademais
de coa aquiescencia ou lexitimación de personaxes como o protagonista da novela
de Casares Deus sentado nun sillón azul,
de persoeiros sociais ou abastados propietarios, ou, cando menos co mirar para
outro lado. Ese “aparato organizado” foi no fundamental a Falanxe da Ramallosa,
pero tamén a de Gondomar e Baiona.
Titulas
a túa entrega no coleccionábel como “Limpando a retagarda. A Falanxe da
Ramallosa en tempos de ferro e lume (1936-1939)”, cal foi a importancia desta
agrupación fascista no proceso represivo no Val de Miñor?
A
Falanxe da Ramallosa, que abranguía todo o concello de Nigrán, incluída a
Falanxe de Panxón, pero tamén Santa Cristina da Ramallosa, é dicir, Sabarís e
Belesar, que pertencen a Baiona, e mais Donas e Borreiros, que son do concello
de Gondomar, foi a gran estrutura fascista organizada. Sen a Falanxe da
Ramallosa a persecución desatada no Miñor non seria posíbel, e esta constituíuse
antes do golpe do 18 de xullo a partir de elementos radicalizados da extrema
dereita monárquica e sectores en conflito coas dinámicas sindicais no mar, nas
obras públicas ou na mesma compañía de tranvías.
As
milicias falanxistas non estiveron soas no labor represivo, cal foi a súa
relación co resto das organizacións da dereita?
No
inicio, a Falanxe da Ramallosa era “jonsista”, isto é, do fascismo
revolucionario. No seu interior produciuse un debate e un enfrontamento, cando
avanzado 1936 se quixeron incorporar ao partido tanto os gardas cívicos de
Victor Lís, que non causaban moita molestia, como sectores monárquicos
dereitistas, máis ou menos vinculados ao calvosotelismo, e dereitistas que
participaran na vida política republicana. Aquí desempeñou un papel de relevo o
crego de Sabarís e capelán da Falanxe, José Gómez Alonso. que foi o aval destes
sectores para incorporarse á Falanxe. A pesar da resistencia dos “camisas vellas”,
tras os “sucesos de Salamanca”, o decreto de unificación de Franco resolveu o
problema. En xuño de 1937 a Falanxe da Ramallosa xa era tamén “Tradicionalista”
e os persoeiros da dereita, en inicio rexeitados, pasan a controlar o novo
partido que coidaban sostén do novo réxime, co permiso dos militares.
Ningún comentario:
Publicar un comentario