![]() |
A Falanxe da Ramallosa desfilando por Sabarís (Arquivo J. Gonzñalez) |
Non só houbo vítimas, tamén verdugos. Tendemos a
mudar á vítima en heroe e a revestir o verdugo dunha maldade desmesurada. Poderiamos centrarnos
nos enlamados na conspiración, na baixeza moral dos asasinos, limitarnos ao
cabo Pena, ao Rabioso, aos “civís” Rúa Cabanas ou Gutiérrez Peón, ao “cívico”
Alonso Vila, a Gerardo “Fandiño”, Roade, Lusquiños ou aos que decidían sobre a
vida e ordenaban a rapaces que a roubasen. Foron moitos máis. Uns poucos non
serían quen de facer aquela carnaxe.
A brutal persecución desatada no Val de Miñor dende a
véspera do día Santiago de 1936, festa en Sabarís, cando o tomaron os sublevados,
non foi obra duns cantos nomes que a memoria popular identificou coa perversión
moral, senón dun aparato organizado, mesmo dende antes do golpe de estado,
perfeccionado nos meses de lume e ferro, consolidado dende abril de 1937 ata o final
de guerra para servir de sustento, durante catro décadas, ao réxime ditatorial.
A Falanxe da Ramallosa: a fundación
A partir de maio de 1938, pacificada e controlada a
retagarda, procedeuse á formalización burocrática
da denominada FET-JONS. Os militantes debían renovar os seus carnés
cumprimentando unha instancia na que debían achegar os méritos realizados na
acción contra o marxismo.
Daquela xa caera en desgraza o seu primeiro
dirixente, Gerardo González Fernández. Este, na súa ficha repasa o seu percorrido
político ata que forma a Falanxe e asume a xefatura, o seu é o carné nº 1. Nese
cargo continuará “hasta que en julio de 1937 me relevaron”. Coñecido como Gerardo
“Fandiño”, este “propietario y rentista” residía en Sabarís. En carta adxunta á
instancia dirixida ao, na altura, xefe local Julio Roade Niel, o gran
contrincante de “Fandiño” pola xefatura, o auxiliar de farmacia Celso Milleiro
Sampedro afirma que a Falanxe fundouse “el 10 ou 11 de julio del 36” e “como
aquello se hacía entonces ocultamente no fue oficial”. A fase clandestina
confírmaa o industrial de S. Cristina, Avelino Costas Gonda, que aduce como
mérito ter achegado 100 pts. á organización o 28/6/1936, data do plebiscito do
Estatuto.
Baixo a legalidade dos sublevados, constitúese o “10
de agosto de 1936” como indica José Pereira Troncoso a quen “se le asigno el
cargo de tesorero”. Dende esa, Gerardo “Fandiño” exerceu a xefatura ata que,
tras os denominados “sucesos de Salamanca” (abril de 1937), foi destituído.
Franco emitiu daquela o “Decreto de unificación” polo que a anterior FE-JONS
mudaba en FET-JONS e incorporaba os requetés e a extrema dereita monárquica. Dende
o 15 de xullo dese ano a Falanxe da Ramallosa estará dirixida polo veterinario
Julio Roade Niel.
A incorporación dos monárquicos, algúns deles activos
na política republicana, provocou gran malestar entre os falanxistas, tanto en
tempos de “Fandiño” como nos de Roade, amosando este último unha gran
resistencia a admitilos. Tiveron que aceptalos. O párroco de S. Cristina, José
Gómez Alonso, conseguirá ser nomeado capelán da Falanxe e despois provocou a
intervención do xefe Suevos e, en especial, do secretario provincial Ramón
Babé, quen lle recorda ao xefe local que non é motivo de exclusión de ninguén que
formase parte dalgún partido político, agás que fose da FP ou tivese participación
activa ao servizo da república.
Varios documentos permítenos reconstruír a reunión fundadora
de agosto. Nela participaron: Guillermo Ante Alonso (Sabarís), os irmáns
Guillermo (Sabarís) e Manuel Blanco Carballo (Belesar), José Carrera González
(Sabarís), Ángel González Garbín (Sabarís), Celso Milleiro Sampedro (A
Ramallosa), Rafael Mascuñana Fernández-Capalleja (A Ramallosa), Jesús Pousa
Prada (Sabarís), Francisco Pereira Santalla (A Ramallosa), Andrés Vázquez Rial
(Nigrán), Jesús Rodríguez Quinteiro (Borreiros), Ángel Suárez (Sabarís), José
Valverde Cadaval (San Pedro), Álvaro Valverde Rouco (Sabarís), Ismael Roberto
Valverde Cadaval (San Pedro), Indalecio Vidal Quinteiro (Borreiros), Rotilio
González Cadaval (Sabarís), Gerardo González Fernández (Sabarís), José Pereira
Troncoso (Sabarís) e Julio Roade Niel (A Ramallosa). Este sería o núcleo
inicial e dirixente.
Engadimos a parroquia de referencia tanto para
sinalar o predominio absoluto das dúas Ramallosas como a notábel ausencia de
falanxistas de Panxón. Isto explicaría a inicial denominación de Falanxe da
Ramallosa que despois se manterá.
![]() |
A Falanxe de Panxón bub partido de fútbol (Arquivo IEM) |
A Falanxe de Panxón
Máis a de Panxón estaba xa organizada. Un dos
primeiros documentos cos que contamos é unha relación de afiliados
(15/09/1936), manuscrita polo seu xefe e líder Álvaro López Lusquiños. Con estrutura,
xefaturas e selo propios, todo indica que a Falanxe panxonesa, agrupada arredor
deste polémico, na orde interna, e terrorífico, para os perseguidos, xefe,
actuaba con autonomía; tamén tras a integración. Auxiliaba a Lusquiños, Vicente
Castro Alonso. Organizábase en 1ª e 2ª liña, isto é, de choque ou combate e de
reserva. A de combate mandábaa Víctor Manuel Pérez Pérez, auxiliado por José Mª
Sanromán Casasnovas e con César Buján Lorenzo e José Lorenzo Veiga como
enlaces. A segunda dirixíaa Bernardo Cabral Costas coa axuda de Manuel Lomba
Fortes. Dous meses despois a FE de Panxón apenas aumentara en afiliados (de 27
a 33) pero si se dotara dunha estrutura máis complexa cunha segunda escuadra de
1ª liña. comandada por Antonio Guimaraes Soto con Mariano Tejero Molina, como
subxefe, e Fermín Martínez Pereira, de enlace.
A finais de outubro de 1936, despois do holocausto da
Volta dos Nove[2],
cando o lume comezaba a amainar, a FE-JONS de Panxón integrarase na da
Ramallosa. A primeira listaxe conxunta é unha relación (31/10/1936) de
falanxistas para os que se solicita permiso de armas curtas. Este sería o
“núcleo duro”:
Nome
e apelidos |
Cargo |
Parroquia |
Gerardo González Fernández |
xefe
local |
Sabarís |
Rafael
Mascuñana Fernández |
xefe
de milicias |
A Ramallosa |
Ismael
Valverde Cadaval |
secretario |
San
Pedro |
José
Pereira Troncoso |
tesoureiro |
Sabarís |
Celso
Milleiro Sampedro |
subxefe
de milicias |
A Ramallosa |
Benjamín
Ferreira Pontes |
xefe
de 1ª falanxe |
A
Ramallosa |
Joaquín
Peralba Giráldez |
subxefe
1ª falanxe |
Sabarís |
Ángel
González Garbin |
xefe
de 2ª falanxe |
Sabarís |
Alberto
Martínez Fernández |
subxefe
de 2ª falanxe |
A
Ramallosa |
Álvaro
López Lusquiños |
xefe
de 3ª falanxe |
Panxón |
Vicente
Castro Alonso |
subxefe
de 3ª falanxe |
Panxón |
Manuel
Blanco Carballo |
xefe
de escuadra |
Belesar |
Rogelio
Barros Costas |
subxefe
de escuadra |
Sabarís |
José
Valverde Cadaval |
xefe
de escuadra |
San
Pedro |
(ilexíbel) Bula Contreras |
subxefe
de escuadra |
Sabarís |
Álvaro
Valverde Rouco |
xefe
de escuadra |
Sabarís |
Jesús
Pousa Prado |
subxefe
de escuadra |
Sabarís |
Rosendo
Pinzás Soto |
1ª
liña |
Sabarís |
Julio
Roade Niel |
enlace |
A
Ramallosa |
Rotilio
González Cadaval |
enlace |
A
Ramallosa |
Vicente
Crespo Alonso |
1ª
liña |
Camos |
Fernando
Villamarín Bobilllo |
1ª
liña |
A
Ramallosa |
Francisco
Pereyra Santalla |
1ª
liña |
A
Ramallosa |
Feliciano
Rodríguez Figueiro |
1ª
liña |
Camos |
Jesús
Rodriguez Quintero |
1ª
liña |
Donas |
José
Carrera González |
1ª
liña |
Sabarís |
Hilario
Ruíz Labaurdette |
1ª
liña |
A
Ramallosa |
Bernardo
Cabral Costas |
1ª
liña |
Panxón |
A representación política
Dende o 24 de xullo, data na que se “pacificou” o
Val de Miñor, ata o 28 de agosto, a xefatura militar estivo a cargo do capitán
Blanco Linares, un “africanista” retirado, residente en Sabarís, que nomeou as
xestoras dos tres concellos. A de Nigrán baixo a presidencia do abastado propietario
Joaquín Fontán Ozores. A de Baiona, dirixida polo farmacéutico José Barreiro
Álvarez, mentres estaba á fronte da
Falanxe Emilio Vázquez González “O Patudo”. Mentres, Latino Salgueiro Pereira
presidía o concello de Gondomar con Manuel Núñez Méndez como xefe falanxista.
Limpando a retagarda
Referímonos á renovación dos carnés. A gabanza dos
méritos induce a indiscrecións. Non a declaracións manifestas, senón a eufemismos:
“limpiando la retaguardia a las órdenes de la GC”,
“persiguiendo marxistas”, “prestando servicios”. Rompe esa sutileza unha carta privada na que
Mascuñana, dende a fronte, escríbelle a “Fandiño”: “cargaros cuanto rojo halla.”
Con esa chiscadela exprésanse José María Sanromán Casanovas
ou Víctor Manuel Pérez Pérez, Antonio Costas Pereira, Eladio Lorenzo Costas,
Antonio Moreira Moreira, Álvaro Valverde Rouco ou Manuel Pérez-Sanromán, quen
afirma que participou na “persecución de marxistas por los montes, etc. etc.”,
a que se refire este subxefe da FET de Chandebrito co etc. etc.?.
Eses labores realizounos tamén Fermín Martínez
Pereira e Celso Milleiro Sanromán, mancebo na farmacia de Andrés Abal Ozores
(tamén falanxista); o canteiro de Camos, José Rial Vázquez e o seu conveciño Feliciano
Rodríguez Figueiró. Inocencio Alonso, veciño da parroquia, contoulle a Juan A.
González[3] que aínda miraba a cara de
Feliciano mentres lle espetaba o cigarro acendido en cada unha das meixelas. Poderiamos
seguir poñendo exemplos.
Dirixentes de relevo eran o mestre José García López,
Rotilio González Cadaval, que manifesta que foi “perseguido durante 20 meses”
polo “esquerdista” consello de Tranvías e Adolfo Besada Rodríguez un dos poucos
que se autocualifica como “fascista”.
As solicitudes infórmaas o xefe Roade, en poucas ocasións fai apuntamentos. Mais no caso de Manuel Castro Fernández e o seu irmán Raimundo, que manifestan o mesmo que os anteriores, Roade aclara: “Las manifestaciones de este camarada hay que interpretarlas en el buen sentido, en lo que dice de limpieza de la retaguardia quiere decir que prestó servicios con la GC pero no que asesinase a ninguna persona; hizo guardias, participó en la busca y captura de marxistas y sin sobrepasarse a cometer delitos”. Na outra solicitude anota: “Esta Falange no cometió delitos y aún menos crímenes”. Custa entender cal é “el buen sentido”. O que non se entende moi ben é porque se sentiu obrigado a incluír estes comentarios nesta ocasión e non nas outras solicitudes.
O cabo Pena, comandante do posto de Baiona, sentado. |
É preciso sinalar que sempre se indica que a
vixilancia, limpeza ou persecución realizábase ás ordes “de la GC de Baiona”, “del
cabo de la GC[4]”
ou da “autoridad militar”. A intervención é sempre a reclamo dos militares, neste
caso, cando menos dende finais de agosto, da garda civil.
Roade terá o seu momento de fulgor ao comunicarlle
ao mesmísimo Suevos, en carta persoal, que “tengo la
satisfacción de poner en tu conocimiento que dimos captura a un célebre bandido
conocido por el “Lolito”, gracias a mi intervención con la ayuda de mi perro León”.
A Manuel Prado Pereira “Lolito” fusilaríano pouco despois, ás 11 da mañá, diante
da fonte da súa parroquia, Priegue.
Publicado en Nós-diario,
sexta feira 13/11/2020
[1] Os datos proceden do arquivo da FET-JONS da Ramallosa, depositado no
Arquivo de Nigrán. A xefatura denomínase, “da Ramallosa” e abrangue todas as
parroquias de Nigrán e as de S. Cristina, coa vila de Sabarís e Belesar,
administrativamente de Baiona, así como as gondomaresas de Borreiros e Donas. A
FET-JONS organizouse en tres xefaturas locais: Baiona, Gondomar e A Ramallosa. En
1938 axeitouse máis aos lindes municipais; aínda así, S. Cristina e Sabarís, continuarán
integradas na xefatura da Ramallosa.
[2] Na madrugada do 16 de outubro de 1936 nove veciños do Miñor foron
asasinados na, dende a altura, coñecida como “Volta dos nove”. Ver: Vilar
Pedreira, X.L., Méixome, C. (2003): “A Volta dos Nove : Notas para unha historia
da represión franquista no Val Miñor” en Murguía,
nº 7/8. Santiago 2003. Tamén González Pérez, J.A. (1998): Nigrán. Memoria dunha guerra 1936-1939. Cumio,
Vigo.
[3] González Pérez, J.A.: Oc, pp.161-163
[4] As referencia ao cabo da GC son sempre ao comandante do posto de
Baiona, Manuel González Pena.
Hola,
ResponderEliminarMuchas gracias por este gran articulo.