El cisne de Vilamorta. Primeira edición de 1885 |
Discútese con vehemencia se El cisne é unha novela romántica ou se se debe incluír dentro do
naturalismo pardobazaniano. Dona Emilia viña de recibir intensas peneiradas
tras a publicación da novela que a deu a coñecer, La tribuna (1882), en especial polos dous últimos capítulos coa
descrición do parto na indixencia da protagonista e aquel remate con Viva la
República federal!, así como pola polémica sobre os seus ensaios recollidos en La cuestión palpitante (1883). As
presións familiares para que abandonase as pretensións literarias poden estar
tras este disimulo de dona Emilia, que ben se decatou de que houbo quen
atribuíu, referíndose ao relato sobre as cigarreiras marinedinas, “sus crudezas
y sus francas descripciones de la vida popular, a empeño mío” e que acaso
agora, en alusión a El cisne...,
poida haber quen lle dirixa a acusación oposta afirmando que “paga disimulado
tributo al espírito informante de la escuela romántica”. El cisne... non supón unha mudanza en dona Emilia. Ao mellor unha
concesión temática. A novela non é enmarcable dentro do romanticismo, aínda que
dous dos seus personaxes sexan románticos: o “flâneur” Segundo García e en
especial Leocadia Otero, a mestra.
Quen non ten nada de personaxe romántico, nin ficticio
como Segundo ou sincero como Leocadia, é Nieves. Cando casou, o pai chamouna ao
seu despacho de maxistrado. Téndoa de pé, como a un reo, díxolle que respectase
e obedecese o seu marido. Nieves, muller burguesa por excelencia, obedeceu e
respectou, mesmo ata o desespero de don Victoriano, que gustaría de desquitarse
da abstinencia amorosa de tantos anos. Onde el procuraba amor só obtiña
docilidade. Para Segundo, comparadas coas vilamortás, Nieves era unha raíña.
Para ela, sumamente correcta e de monótona vida, a chegada a Vilamorta foi unha
grata novidade e Segundo unha pinguiña de sal, intrigante ao comezo, excitante
despois, preocupante e comprometida máis tarde; desagradable e incomoda ao
final.
Tras a noite dos fogos, un coqueteo ás agachadas no
xardín do pazo e o paseo polas espumantes beiras do Avieiro, a insistencia de
Segundo arrastrouna a unha entrevista. A nena, fascinada por El cisne e un chisco celosa da nai,
descubriulle a secreta reunión a don Victoriano. Co desgusto da contida traizón,
sofre un ataque cerebral que lle levará a vida uns días despois.
La Regenta. Primeira edición, tomo I, 1884 |
O primeiro volume de La Regenta publicouse no mesmo ano no que dona Emilia asinou o seu El cisne, setembro de 1884. Ao ano seguinte
viu a luz El cisne e publicouse o
segundo tomo da novela de Clarín. Ademais desta coincidencia temporal hai
certas similitudes entre as dúas novelas: os nomes finxidos que denotan un
certo menosprezo polas vilas orixinais, o relato naturalista, a descrición das
festas, as disputas entre liberais e conservadores. Tamén hai semellanzas entre
Ana de Vetusta e Nieves de Vilamorta: ambas casadas con homes moito maiores, de
nomes parecidos, Víctor e Victoriano, e pouco celosos. Mais tamén hai entre
elas grandes diferenzas. Ana é imaxinada por un home que fai dela tanto unha
muller apaixonada como un obxecto de paixón. Nieves, creada por unha muller, é
prudente, mide os pasos, gardase da paixón e de se converter no seu obxecto.
Nieves decide, Ana deixase levar. Nieves é activa, Ana pasiva. Esta, en
palabras de Galdós, debe optar entre “perderse por lo clerical o por lo laico”.
Nieves nunca se perderá; cando reflexiona sobre si é amor o que sente por
Segundo conclúe que: “la verdad es poco divertido, no servía ella para tales
agitaciones”.
Tras a morte do exministro, viúva e filla regresan a
Madrid. Nieves esquece de contado a Segundo; despreza os recados que lle envía,
ignora as súas peticións e refusa o exemplar dos Cánticos nostálgicos que lle fai chegar. Tan pronto rematou o
loito, casou cun marqués.
Non é pois de estrañar que a Clarín non lle gustase
moito a novela e en especial o personaxe de Segundo e lamentase: “¡Lástima que
la señora Pardo Bazán no haya pintado el tipo insistiendo más en su aspecto
cómico (…)” para destrozar aínda máis a quen considera un “pobre diablo”[1].
Xa resumimos as desgrazas de Leocadia: orfa, vítima dun
estupro incestuoso da que naceu o deforme Minguitos. A pouco agraciada Leocadia
é unha lectora fervorosa que reflicte o seu amor pola poesía no amado poeta;
para ela “Segundo era la poesía hecha carne”. Nese amor “fou”, Leocadia vai
tecendo o seu sufrir romántico. Calada, acouga o poeta deprimido polo desplante
de Nieves; abandona o fillo deficiente para que el se sinta cómodo na casa que
hipoteca para sufragar os Cantos
nostálgicos do “cisne”. O libro, no que depositara non só os seus escasos
cartos senón todas as súas esperanzas vitais, non só é ignorado senón
ridiculizado polos críticos.
Segundo, ese personaxe pseudoromántico, ese mozote
vaidoso, nada heroico, egoísta, que só pretende impresionar os demais, abandónaa.
Fracasado, vaise a América, como miles de galegos que soñan en regresar
convertidos nuns Perfectinos Vieitez que a autora despreza.
Leocadia, a autentica romántica, sen teatralidade,
sen afectación; a fervorosa lectora; a que caeu no amor como “en un abismo”
polo “mas melodioso cisne del universo”, nun amor abnegado, sen coqueteos; a
que maltratou o fillo e malgastou o diñeiro, tomará unha dose considerable de
“séneca”, arsénico, “que abunda en los espatos calizos que forman una de las
vertientes del Avieiro”. O seu é un suicido pensado, consciente, como
corresponde a unha autentica romántica.
[1] Alas “Clarín”, L. (1887): “El cisne de Vilamorta Novela por doña
Emilia Pardo Bazán” en Nueva Campaña 1885-1887. Librería de
Fernando Fe: Madrid.
Magnífica análise da novela. Gústame, en especial, a comparación textual entre Galdós e a Pardo, unha muller 'brava', mais muller que coñece o xénero.
ResponderEliminarGraciñas Camiño. Moi ledo porque che gustase.
ResponderEliminar