xoves, xaneiro 22, 2015

Mea culpa, mea culpa... mea grandísima culpa




Ángeles Agrela: Ablación da metade esquerda
 da lingua ao retrato dun mozo
 de Vicenzo Catena, 2011. Óleo sobre táboa, Ø 92 cm


           


    Cóntase que, en 1804, cando o Papa se achegaba a Napoleón para poñerlle a coroa de emperador este tiroulla e púxoa el mesmo. Entón o Papa replicoulle: “Ben sei que a vosa intención é destruír a cristiandade, pero a Igrexa leva case dous mil anos intentándoo e aínda non o conseguiu”.
            Cento dez anos despois poderiamos lembrar a anécdota mudando de escenario e convertendo os personaxes individuais en colectivos. Así que cando dos sectores sociais máis barallocas escoitas a cacharulos  múltiples, cacholáns persistentes, caguiñas diversos, camanduleiros, galdrumeiros, chocalleiros, garatuxeiros, prosmas, lerchos e laretas de plurais castas e condicións que anuncian desastres para a nosa lingua  e  sinalan como culpables de tales as persoas que a empregan como lingua para “ser e estar no mundo”; por querela tanto que a chegan a afogar, por insultar a quen non a fala, por non dotarse dunha metodoloxía da persuasión, por usala como signo de reivindicación e lexitimación excluínte e  porque todo o que se fai en galego soa a falso, imposto, condicionado, ritualizado e artificial tanto pola presión dos intelectuais que tutelan a esencia da galeguidade como  dos partidos que empregan a lingua coma arma arreboladiza...

xoves, xaneiro 08, 2015

Débeda








Código de Hammurabi (Museo do Louvre)  
                           É un dos documentos xurídicos, ou cando menos normativo, máis antigo da historia da humanidade. O  “código” de Hammurabi, un “rei” babilónico que comezou o seu mandato hai 3.806 anos. Foi redactado, posiblemente, en 1762 antes da era cristiá.  A célebre estela de diorita negra consérvase no Louvre parisiense, ben protexida das bombas norteamericanas que estragaron o Museo Nacional de Bagdag e dos diversos depredadores que arrepañaron co que puideron a comezos de 2003.

luns, decembro 22, 2014

O tetralema da esquerda


Dani Rodrick falounos, no seu paradoxo da globalización, do trilema político. En resumo, necesariamente simple, pero na procura de ser fieis ás súas palabras, diriamos que non podemos pretender xuntar hiperglobalización, democracia e autodeterminación nacional. Debemos escoller dúas das tres opcións. Isto é, se queremos hiperglobalización e democracia, temos que renunciar á nación Estado; se desexamos manter a nación Estado e hiperglobalizar a economía teremos que esquecernos da democracia e, finalmente, se pretendemos combinar democracia con nación Estado temos que limitar a hiperglobalización. Para Rodrick, e de seguro que para moitas das persoas lectoras destas liñas, é esta última a renuncia que lle parece máis acaída para unha prosperidade equilibrada e sostible e, di Piketty, regular o capital no século XXI.

martes, decembro 16, 2014

Cleptocracia

   

     

       Hai vinte e cinco anos, un nove de novembro, un erro de comunicación do portavoz do goberno da República Democrática Alemá provocou unha das máis rápidas transformacións políticas da historia. Na realidade, mudanzas deste calibre non se poden explicar por un simple déficit de comunicación. Pero axudou. Aquel día o muro de Berlín convertíase nun ridículo valado de formigón. Dous anos despois a Unión Soviética disolvíase.

As banalidades de Clio

Clio, Vermeer van Delft, Jan



Cóntame, Musa, a historia do home dos moitos carreiros
que, despois de destruír a sagrada cidade de Troia
andou peregrinando tan longo tempo
Homero. Odisea

Coroada de loureiros. Na man esquerda un papiro, ou un capsa para gardar rolos; ou un libro como lle puxo Johannes Vermeer. Na dereita unha trompeta. Así se representa a Clio, filla de Zeus e Mnemóside (deusa da memoria), musa da historia e da poesía heroica, a que gaba, a que canta, a que ofrece gloria…