venres, abril 22, 2022
martes, abril 19, 2022
Presentación en Nigrán do “O terror nas Tebras e outras catas na memoria” de Carlos Méixome.
Será todo un pracer poder
compartir con todos e todas vós un anaquiño de tempo para presentarvos o meu novo
libro O terror nas Tebras e outras catas
na memoria (Edicións Laiovento, 2022) no acto a celebrar o próximo venres 22 de abril de 2022 a iniciativa
do concello de Nigrán e que terá lugar no seu Auditorio Municipal.
Neste novo libro
ademais de abrir o foco a concellos lindeiros (Tomiño, Oia, Mos) non deixo de
centrarme no Val de Miñor, tanto recuperando datos sobre persoas do Miñor
asasinadas no territorio destes concellos como, sobre todo, achegando unha
memoria do movemento memorialista das últimas dúas décadas no Val de Miñor e
realizando unha cata fonda sobre a fundación e o funcionamento da denominada
Falange da Ramallosa, que en realidade o era de todo o concello de Nigrán,de parte
do de Baiona e dalgunhas parroquias de Gondomar, polo que se converte na
milicia que controla na práctica todo o Val de Miñor.
Teño o honor de poder estar acompañado polo alcalde, amigo e
historiador, ademais de pioneiro do movemento memorialista, Juan González, así
como polo amigo e veciño da Ramallosa, José Pintado Valverde, investigador de
departamento de Ecoloxía e Recursos Mariños do Instituto de Investigacións
Marinas e tamén por Alba Costas Lorenzo, antiga alumna do IES Escolas Proval,
mestra no Colexio de Mallón, familiar de represaliados polo franquismo e ademais
voz do grupo musical Braava Band, que nos agasallaran con media ducia de pezas
musicais interpretadas con todo o seu saber facer e sensibilidade. Déixovos un
enlace para que poidades ir facendo boca. https://www.youtube.com/watch?v=qHzinxGY2XA
Por se vos presta e
vos cadra, agora que parece se vai contando o andazo, vémonos o próximo venres 22 ás 20h. para poder
falar de memoria, historia, da Ramallosa, Panxón e do Val de Miñor, e
agasallarnos os ouvidos coa música de Braava Band.
sábado, abril 16, 2022
Palabras do amigo M. Caldas na memoria do seu tío avó Vitucho, na presentación do meu libro
![]() |
| De esquerda a dereita: Manolo Caldas, Quico Paz Antón e C. Méixome (Foto: Sunsa) |
Juan Gelman, o poeta arxentino falecido en 2014, escribiu unhas palabras que recolle Carlos Méixome no capítulo 5 deste libro:
Hay
quienes vilipendian este esfuerzo de memoria. Dicen
que no hay que remover el pasado, que no
hay que tener ojos en la nuca, que hay
que mirar hacia adelante y no
encarnizarse en reabrir viejas heridas. Están perfectamente equivocados.
Las heridas aún no están cerradas.
Laten en el subsuelo de la sociedad comoun cáncer sin sosiego. Su único
tratamiento es la verdad. Y luego, la
justicia.
Mañá será 14 de abril.
É para min unha honra poder presentar aquí e hoxe -víspera do día da II
República- a Carlos Méixome, quen nos vai falar da obra que ven de publicar hai
uns días, en edicións Laiovento, e que ten por título O terror nas Tebras e
outras catas na memoria. Claro que Carlos Méixome non é un descoñecido en
Goián, pois noutras ocasións xa estivo aquí mesmo, no Centro Goianés,
presentando algunha das súas obras ou participando en diferentes conferencias e
coloquios.
Por suposto, quero
agradecerlle esta presenza, e tamén quero estender o agradecemento á
Comisión Pola Memoria Histórica Baixo
Miño–Louriña e ao Centro Goianés ademáis de, naturalmente, a todos vostedes
pola súa asistencia. Propúxome Clara Pousa presentar ao autor; pero, se non
lles parece mal, e aproveitando que xa lin o libro, vou dicir algo sobre el.
Este libro que nos trae
Carlos Méixome trata sobre o crime en singular e sobre os crimes en plural. O
crime cometido contra Galiza e o conxunto do Estado español no momento no que o
réxime republicano de esquerdas (de esquerdas de verdade) buscaba deixar atrás
séculos de explotación e miseria. Os crimes individuais realizados polos
militares golpistas, polos fascistas e por aqueles que os secundaron, sobre
todo entre os anos 1936 e 1939, organizando e executando a persecución e a
represión dunha importante parte da poboación do Baixo Miño nos anos do golpe
militar contra a República e da guerra
civil. Non só nos fala o autor dos concellos do Baixo Miño, pois tamén hai no
libro capítulos dedicados a outras zonas
como Porriño, Mos, A Ramallosa, etc.; pero estando aquí, en Goián,
interesa sobre todo destacar o primeiro dos capítulos que titula O terror nas
Tebras e que dedica, con moito agarimo,
a Lito Oliveira e a Mario Rodríguez.
Na miña opinión trátase
dun libro que se pode ler ben de seguido, pero una vez lido hai que volver a el
de cando en vez, a repasar a cachos; é un libro emocionante, cuxa intensidade
aféctanos e o seu contido vai ao cerebro e tamén ao corazón. É un libro que,
aínda que está cheo de traxedia e de dor, creo que agora -cando xa esa dor non
nos chega en carne viva- aporta esperanza e, por que non dicir, felicidade, ao
recuperar o nome e, ás veces, a voz, daquelas persoas que os asasinos e os seus
sucesores durante o franquismo, o juancarlismo e o felipismo, pretenderon e
pretenden soterrar para sempre; igual que nas últimas décadas preténdese, ao
mesmo tempo, diluir ou soterrar a responsabilidade do crime. Parte da esperanza
e do triunfo que representa este libro, é incluir tamén aos vitimarios, aos
asesinos, aos que executaron, instigaron e se aproveitaron deses crimes; eses
que tamén tiñan nomes e apelidos.
O sufrimento dos
perseguidos e represaliados é para nós agora algo moi valioso; unha lección de
vida que non podemos desaproveitar; e aínda que todo tipo de persoas foron
perseguidas, torturadas e asasinadas (alcaldes e concelleiros, labregas,
panadeiros, sindicalistas…), quero destacar aos mestres e ás mestras que como
José Cortes, Hipólito Gallego, Josefina Segret… deron aquela “derradeira
lección” converténdonos, tantos anos despois, en alumnos deles para sempre.
Este libro “de historia
e de memoria” é para min como un daqueles cofres de tesouriños que moitos
tiñamos na infancia; aquelas caixiñas con pequenas pedras, con cunchas, con
pauciños ou con algunha nota de alguén que nós importaba moito. Caixiñas que
abriamos de cando en vez para volver ver o gardado e sentir o que nós recordaba
ou inspiraba. Así, creo eu, hai que facer con este libro, abrilo ás veces para
recordar a todas estas persoas vítimas da barbarie que nel están e que elas
poidan, co seu exemplo, facer de nós mellores persoas.
Carlos Méixome
Quinteiro- este señor que está aquí, eu a carón seu -naceu en Lalín, criouse en
boa medida no Carballiño e, ademais de Compostela e Vigo, a súa vida está
ligada asímesmo a Gondomar de Miñor onde reside desde hai ben 30 anos. Adicou
moitos anos á docencia como profesor en diversos Institutos de Galiza,
sinaladamente no Instituto Escolas Proval de Nigrán no que nos coñecimos hai
agora 30 anos e no que durante 10 traballamos xuntos, incluso “moi xuntos”
posto que compartimos departamente didáctico e mesmo equipa directiva.
Ben sabedes moitos que
tamén ao longo da súa vida Méixome tivo un papel destacado no activismo
político dentro do nacionalismo galego: nunca tivo un cargo político
“profesional”, e eu penso que foi unha mágoa que non o tivera. Foi, e segue a
ser, un activista cultural, destacando neste eido a tarefa estraordinaria de
crear o Instituto de Estudos Miñoráns que dirixiu durante moitos anos.
E hoxe está aquí, e iso
quero destacar, como historiador; como persoa que investiga e dá a coñecer o
investigado a través do seus libros, artigos de revistas e conferencias. Moitos
dos seus artigos aparecidos en diferentes revistas (A Peneira, Murguía, e
outras) foron recollidos no volume titulado Daquí e dacolá (Follas voadeiras
2001-2014); ten publicados libros de historia sobre diferentes asuntos
referidos á historia contemporánea: con outros autores escribiu, A
ex-Iugoslavia, o conflito dos Balcáns, Cuba, independencia e revolución ou
Rusia: das orixes á crise dun modelo; e como único autor, Textos e documentos
para a Historia Contemporánea de Galiza; Castelao: unha historia do
nacionalismo galego; Catas na memoria. A persecución franquista no Val de
Miñor.
Din que cando o
escritor e historiador Johann Wolfgang Goethe morría en Weimar en 1832 as súas
derradeiras verbas foron para pedir: “luz, máis luz”. Pois ben, aportar luz é o
traballo dos historiadores, é dicir, aportar coñecemento sobre nós mesmos,
sobre <os problemas que -en palabras do historiador catalán Josep Fontana-
afectan aos homes e ás mulleres que viven en sociedade; problemas do pasado e
do presente e, previsiblemente, dun futuro polo menos inmediato>. Esta é a
tarefa na que leva moitos anos traballando Carlos Méixome, e é ela a que fai
que persoas como Carlos sexan, sí, esenciais.
O poeta e músico cubano
Silvio Rodríguez escribiu nunha das súas cancións que <hay muertos que
alumbran los caminos>; pois moitos deles están aquí, neste e noutros libros,
e eu tómome a licencia de dicir que, para min, un deses mortos “que alumbran
los caminos” é o meu tío avó Vitucho (Victoriano Requeijo Baliño) asasinado
polos fascistas en Ferrol en setembro de 1936 cando contaba 29 anos de idade.
Pero como a memoria individual é feble e pouco fiable, e a moitas persoas nos
falta oportunidade, capacidade ou mesmo o necesario interese ou valor para
aportar “luz, máis luz”, é por iso polo que necesitamos historiadores como
Carlos Méixome, para que eses mortos non queden esquecidos nas tebras e poidan
cumprir a súa función de server de guías, de alumear “os camiños da vida”.
Con Carlos Méixome e co
seu traballo sobre o terror nas Tebras e outras catas na memoria déixovos;
déixovos cun traballo para loitar- dito coas súas propias palabras, contra
<a sensación de inxustiza que comete un Estado autoproclamado “democrático”
coa cidadanía perseguida por un réxime que concentrou e expandiu todas as
perversións do século pasado>; un Estado que durante décadas <mirou para
outro lado e delegou nas asociacións memorialistas e nos particulares a responsabilidade
da restauración da memoria democrática das vítimas da persecución>.
Moitas grazas.
Goián
13 de abril de 2022
venres, abril 15, 2022
Xornadas intensas
Así foron as que puidemos gozar grazas ao traballo da Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño - A Louriña.
Primeiro, na tarde do mércores 13, no Centro Goianés onde argallaron
a presentación do meu novo libro O terror
nas Tebras e outras catas na memoria (Laiovento, 2022). Foi unha honra
poder facelo acompañado polo amigo, músico e historiador, Quico Paz Antón, en
representación da Comisión, e polo amigo de longo percorrido, e durante tantos anos
compañeiro de traballo no IES Escolas Proval de Nigrán, Manuel Caldas Fernández.
Non teño palabras para agradecer tanto a acollida dos amigos e amigas goianeses
e tomiñeses que se achegaron a escoitar a presentación do libro, como á
comisión e ao concello de Tomiño pola súa franca e aberta colaboración, así
como, aínda que non puidese asistir por mor destes diañiños que nos teñen no
amargor, a Sandra González, alcaldesa de Tomiño, que sacou un tempiño para
facer o prologo do libro. Déixovos algunhas imaxes da primeira presentación d´O terror na Tebras. Virán máis.
Ao día seguinte, pola mañá, puidemos asistir a colocación dunha
placa cos nomes das doce persoas asasinadas naqueles altos das Tebras, no Alto
do Couso, Entre dous ríos ou no Monte Salgueiro, un pouco antes de comezar a
baixar cara o Miñor. Completábase así o conxunto de monólito pétreo e a
oliveira que a Comisión da Memoria Histórica do Baixo Miñor - A Louriña ten
establecido como elementos simbólicos para sinalar os lugares de memoria. Tan pronto
se colocou, en 2019, foi agredido pola irracionalidade non nostálxica senón
fascista. No emocionante acto puidemos escoitar de novo a Quico Paz Antón e
máis ao amigo e compañeiro de longa traxectoria Raúl Francés, que acudiu na
compaña do seu pai, do mesmo nome. Alí ficaban gravados, xuntos aos demais
compañeiros de infortunio os nomes dos seus tíos-avós, Eleazar e Antonio
Francés Carpintero; uns días antes fusilaran o seu avó José, en Tui. Déixovos
algunhas imaxes do guardés Santiago Baz Lomba.
Tras o descubrimento da praza baixamos cara o Miño, outra vez a
Goián, a unha das súas institucións gastronómicas e sociais máis celebres, o “Cupo
sen fundo”, para festexalo cun cocido republicano, lembrando a Lito Oliveira e
Mario Rodríguez, e para homenaxear ao vello amigo Paco Lores Santacecilia,
referencia do sindicalismo de cerna galega, nacionalista; primeiro con “Galicia
Socialista”, despois co Sindicato Obreiro Galego e logo ao Intersindical
Nacional Galega, precedentes da CIGA, e en especial un dos referentes do movemento
obreiro vigués, que xunto ao de Ferrol fixeron abanear o réxime franquista naquel
1972 de dura, pero orgullosa, lembranza. Paco, ou Fuco, como sempre, de escasa
palabra e decidida acción. Parabéns.
PS.- Hai tempo dedicámoslle un traballiño ao estudo da causa
militar aberta contra o pai de Paco Lores, chamado tamén Francisco, e resolta
cun pelotón de fusilamento. Titulámolo O
cabo Lores no ollo do furacán;
publicouse tamén nunha versión moito máis curta en Nós diario o 17/7/2020 co rotulo de Viaxe,
delación e morte do Cabo Francisco Lores. Pódese acceder a través dos enlaces.
luns, abril 11, 2022
Entre Miñor e Miño
Os territorios miñotos
e miñoráns seguen a ser difusos para moitos galegos e galegas de nación, na
verdade uns poucos montes, e non moi altos, nos separan polo Aloia, Couso,
Pinzás ou a Groba e as relación foron sempre fondas.
É una ledicia podervos
informar que o próximo mércores, 13 de
abril, víspera da conmemoración republicana estarei a presentar o meu
último libro O terror nas Tebras e outras
catas na memoria (Laiovento, 2022) no que en media ducia de traballos achégome
a momentos de intensa actividade memorialista nos que ademais de regresar ao
Val de Miñor sometido ao terror desatado en xullo de 1936 amplío as miñas
pescudas ao Tomiño baixomiñoto e detéñome na persecución a que foron sometidas
as xentes deste concello e dos outros do Baixo Miño, último lugar de
resistencia aos sublevados, e en especial nalgúns dirixentes baixomiñotos como
Antón Alonso Ríos, Paquiño de Figueiró ou os mestres de Forcadela e Goián, así
como na descrición da ducia de “paseos” cometidos nos lindes das dúas
parroquias de Tebra. Ao tempo achego unha cata sobre a persecución no Mos da Louriña e un estudo sobre o campo de
concentración de Santa María de Oia.
A presentación, será as oito da tarde e terá lugar no Centro Goianés da vila de Goián (Tomiño)
e estarei acompañado pola prologuista do libro e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, así como polo profesor
de Historia no Instituto de Tui, Manuel
Caldas Fernández.
O acto enmarcase dentro
do programa de actividades argallado pola Comisión
pola Memoria Histórica do Baixo Miño- A Louriña que terá continuidade ao
día seguinte, 14 de abril ás 12 da mañá
cando no alto do Couso, no lugar de Entre dous Ríos, na parroquia de Santa
María de Tebra, se procederá a colocar, a beira do monólito chantado en 2019, unha
placa cos nomes do asasinados nesta parroquia tomiñesa.
Ao remate, ás 14:30 no Copo sen Fundo de Goián
terá lugar o xantar pola República no que esta ano farase un recoñecemento ao
prezado amigo Francisco Lores
Santacecilia construtor do sindicalismo nacionalista dende “Galicia
Socialista” e o Sindicato Obreiro Galego,
que na altura de 1972 traballaba en Citroën cando as folgas de aquel ano
abanearon o franquismo dende Ferrol e Vigo.
martes, abril 05, 2022
Para os amigos e amigas do Salnés e da Arousa
O próximo xoves 7 de abril terei a inmensa satisfacción de partillar
coa amiga Aurora Marco, coa que tamén comparto editorial, as súas irmandiñas e
a miñas catas están en Laiovento, a primeira das palestras, convidado polo
amigo Antón Mascato, do ciclo argallado polo concello de Vilagarcía e a produtora
Lobisome: “Salnés, 1936: República, rebelión militar e represión”.
A miña función será
facer unha cata na aínda non nada Lei da Memoria Democrática e divagar un pouco
entre memoria e historia.
Déixovos o programa que
é ben gorentoso. Estade atentos que ao día seguinte, 8, estarán Pepe Álvarez e
Dionisio Pereira. As xornadas rematan o sábado 9 coa charla de Abuín sobre o
acontecido en Vilagarcía.
Por se vos presta.















