sábado, setembro 26, 2020

Primeira e última visita. Dona Emilia en Mondariz 1



A Guillermo

Mondariz segue a conservar o seu encanto. Perdeu, é evidente, aquel feitizo, aquel “charmé” romántico da obra humana devorada polas lapas oudo proxecto fracasado, do feito inacabado. Estragado o seu engado espiritual, loce agora no seu esplendor material que tanto gusta nunha sociedade prendida pola aparencia repetitiva da imaxe, na que o “hixienismo” decimonónico, que empurrou a grande obra dos Peinador e trouxo,con asiduidade, a  condesa de Pardo Bazán ata Mondariz, ficou substituído polo “esteticismo físico” das aparencias posmodernas. Hoxe xa non se beben as augas para coutar ou mitigar as doenzas dixestivas senón que se empregan para somerxer os corpos en permanentes lavativas na procura da do corpo magro que se foi. Dona Emilia pouco tiña de romántica, polo que de seguro lle agradaría volver ao Mondariz real, ao actual.

Pretendo encetar unha serie de breves artigos relacionados co Mondariz e dona Emilia para ofrecerllos ao meu amigo Guillermo no seu impenitente labor de manter ergueita a nosa lingua, que dona Emilia non tiña en moita consideración, e a nosa nación, que a Pardo Bazán non entendía, formada como estaba nese xacobinismo francés que a monarquía borbónica tan ben asumiu.
A primeira visita da condesa a Mondariz entendemos que foi en 1887, ou cando menos así se desprende da nota manuscrita que ela mesma incorporou ao “Álbum de Honor” do balneario e reproducida no “Suplemento” nº 43 de “La temporada” correspondente ao 20/7/1921 que se pode consultar en hemerotecadigital.bne.es.

“La temporada” foi un dominical gratuíto que publicaba o balneario durante a tempada de verán, uns 17 por ano, e que comezou a publicarse parece  arredor de 1879, pouco despois de recoñecérense como de utilidade pública as augas do balneario (1873), e mantívose, cando menos, ata 1931 segundo os exemplares que se poden consultar en galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/. O “Suplemento” era unha revista mensual ilustrada que se publicou entre 1915 e 1922, durante 46 números, como un excelente complemento a “La temporada”. Ámbas trataban asuntos relacionados coa saúde e a hidroloxía, así como coa literatura e en especial a divulgación do contorno natural, monumental e cultural do balneario e de Galicia para promover o turismo e “facer patria”.

O dominical estampábase na imprenta do balneario de onde saían tamén as célebres etiquetas das botellas de auga. A revista mensual imprentábase en Madrid e excedía con moito a simple concepción dun folleto propagandístico para se converter, tanto pola calidade de impresión e as colaboracións como polo galeguismo que impulsaba os seus promotores, nunha das grandes revistas galegas do momento. A dúas columnas, papel couché e capa a varias tintas, distribuíase gratuitamente entre os clientes do balneario.

No número ao que nos referimos realízase unha rendida homenaxe, asinada por Miguel Martínez de la Riva, dende a revista “que con el nombre de Mondariz hace en el mundo entero una gran propaganda regionalista” á “colosal polígrafa” con motivo do seu falecemento dous meses antes (12/5/1921), e reprodúcense dúas notas autógrafas que entendemos se corresponden coa primeira e última estancia de dona Emilia en Mondariz. Teñen a curiosidade de estar asinadas nun mesmo día e mes, aínda que, como é lóxico de anos ben distantes.

No primeiro apuntamento(24/9/1887) escribe a autora de La madre naturaleza: “Fatigados del recio combate, venimos pedir a la Naturaleza madre y reparadora que nos dé alivio”. Trinta e un anos despois a condesa anota da súa man: “En otro tiempo los extranjeros afluían a Santiago de Compostela, buscando la salud del alma. Ahora, la misma pintoresca confusión de lenguas, que en las naves dela Catedral de Mateo y Gelmírez resonaba, puede encontrarse en este Álbum, donde brilla un reflejo de Europa, entre la sombra verde azul de los pinares gallegos. Acuden de todas partes, pidiendo al agua maravillosa un poco de vida, un poco de bienestar, el alivio de los males tenaces e insidiosos”. Era o vinte e catro de setembro de 1919. “Europa está enferma”, anota un pouco despois dona Emilia. Decatábase de que ela tamén.

Publicado en Novas do Eixo Atlántico, setembro 2020



mércores, setembro 23, 2020

Un enterro de liñaxe. Polo Avieiro de dona Emilia 9



Casa dos Quiroga no Carballiño a principios do XIX
José Quiroga Pérez de Deza faleceu na casa familiar da Praza Maior do Carballiño, en novembro de 1912, na casa á que eu un día acudín con falsas dores molares.

Imaxino o descenso do cadaleito, a expectación da multitude e a disputa entre as autoridades por un lugar destacado,  en agarda da condución do cadáver ata o cemiterio de Banga, a uns cinco quilómetros, para presidir o panteón familiar,empoleirado no curuto do mesmo e enfrontado á fachada da igrexa de santa Baia. Unha delimitación de poderes semellante á que quixeron sinalar no Carballiño ao confrontar a súa casona coa do concello, cunha soa planta e situada no máis baixo dos socalcos da praza maior, e que recorda a posición de altura da casa de Banga dominando os socalcos de vide.

O finado mereceu entusiastas gabanzas nas páxinas do ABC, diario conservador, militarista e monárquico por excelencia:
En su casa de Carballino (Orense) ha fallecido el Sr. José Fernando Quiroga y Pérez de Deza, conde de Pardo Bazán.
Era el finado un perfectísimo caballero que residía la mayor parte de su tiempo en sus posesiones de La Coruña, principalmente en su magnífico castillo de Santa Cruz, a unos 20 km. de la citada capital gallega. Amigo leal, protector de los menesterosos, católico fervoroso, patriota entusiasta y admirador de las virtudes de nuestro Ejército, era don José Quiroga un hidalgo completo a la antigua usanza española.
Cuando la campaña de 1909 fue a Melilla para estar cerca de su hijo D. Jaime que había sentado plaza como voluntario, y en los hospitales y campamentos de la plaza africana prodigó socorros y consuelos a los soldados heridos y enfermos, y compartió con los sanos su espíritu animoso. En constante movimiento, a pesar de su avanzada edad, acudió siempre en los días tristes para España de aquel verano, adonde hubiese de enjugar una lagrima o aliviar un dolor.
En toda la hermosa región gallega, y especialmente en las provincias de Orense y la Coruña, donde era hasta en las pequeñas aldeas, querido y respetado, causará su fallecimiento profunda pena. D. José Quiroga era maestrante de Ronda[1] y licenciado en Derecho. Descanse en paz el finado, y reciba nuestro sentido pésame si viuda hijos, hermano D. Eduardo e hijo político, D. José Cavalcanti, y demás distinguida familia.[2]

Panteón dos Quiroga en Banga
Aínda que o xornal fai referencia a “su avanzada edad”, nos criterios actuais non sería tanta pois tiña 64 anos. Nacera en 1848. Merece a pena, coido, resaltar que a necrolóxica non cita a viúva polo seu nome, aínda que vivisen separados dende había máis de tres décadas, viúva era, e gardou rigoroso loito durante un ano, aínda que si se cita o título que don José tiña por consorte. O matrimonio tivo tres fillos que non tiveron descendencia, o que explica que nos meus tempos mozos a herdeira fose a tal “doña Amparito”, neta do don Eduardo amentado na recensión funeraria, sobriña-neta do defunto e filla de Jorge Quiroga, coidamos que primeiro propietario con este apelido do “Gran Balneario” do Carballiño. Na necrolóxica cítase o xenro do finado, o militar e militarista José Cavalcanti de Alburquerque Padierna de Villapadierna[3].

Casa dos Quiroga en Banga
José Quiroga Pérez de Deza nacera na casa de Banga, pendurada sobre socalcos de vide e ollando o serpear do Avia e do río do Barón, no fondo dos cavorcos e coas costas envolvidas polo Arenteiro. Dona Emilia, na súa querenza por rebautizar os seus territorios literarios e persoais, referíase á esta casa como “o balcón do Ribeiro”, coido que esa denominación pódese facer extensíbel a toda a parroquia e non só ao fogar de nacenza do seu esposo. Tivo, como xa indicamos, a enxeñosa e eufónica ocorrencia de denominar as augas que arrodeaban os “seus” curutos ribeiráns de Banga e Cabanelas, como Avieiro, unha mestura que resulta tan agradábel e sonora como outros topónimos das parroquias carballiñesas, ademais das xa nomeadas Banga e Cabanelas, ou do propio Carballiño: Arcos, O Barón, Lobás, Longoseiros, Madarnás, Mesego, Mudelos, Partovia, A Piteira, A Ponte Veiga, Sagra, Señorín e Seoane de Arcos.

Banga é hoxe unha parroquia con menos dun cento de veciños, como a miña natal Val do Carrio. Así retornamos ás miñas orixes dezás pois o tal don José Quiroga levaba por segundo apelido Pérez co aristocrático engadido“de Deza”, e con el acollía as abastadas posesións que herdou da súa nai María Asunción Pérez (de Deza) e Pinal, entre
Casa dos Quiroga en Quintela (Catasós, Lalín)
elas a mencionada casa de Banga e mais a de Cabanelas, así como a casa grande de Campeliños, en Corneda, no Irixo, ou a casa grande de Quintela, en Catasós, no concello de Lalín, arrodeada dunha inmensa fraga, declarada na actualidade monumento natural, que abrangue uns 50.000 m2 inzados de excepcionais carballos e castiñeiros, pero tamén nogueiras, bidueiros e amieiros ou ameneiros, e ata un piñeiro manso; todos esculcando o sol durante séculos. A fraga, souto ou carballeira era coñecida como de Quintela ou dos Quiroga, aínda que hoxe lle din de Catasós, non sen certa razón pois hai outras fragas e soutos lindeiros coa protexida, acoiteladas por estradas excesivas e ameazadas pola irracional lóxica das grandes empresas depredadoras. A fraga dos Quiroga non se aproveitaba para a castaña, senón para as trabes dos pazos e casas grandes, polo que non se podaban e tiraban cara ao ceo. Aínda así no souto atópanse moitas variedades de castaña, a de cedo ou temperá, que por setembro regaña, a negral, a pelada, a patacuda,  a oura ou dourada, a abadá ou abadesa, a rosario, a rañuda, a mazaíña… lembranzas dun tempo no que a castaña era a base alimentaria da culinaria fidalga e camponesa en ausencia ou desprezo da pataca, alimento propio de animais.








[1]A Real Maestranza da Cabalaria de Ronda, con sede nesta cidade da provincia de Málaga, era unha sociedade de cabaleiros para formarse no exercicio da equitación.
[2]ABC, venres 15 de novembro de 1912,
[3]Nacera en Cuba no seo dunha familia de orixe italiana recastada no Brasil. Guerreou na illa caribeña ata a derrota final; dirixiu accións militares en Marrocos onde acadou o xeneralato; conspirou para dar o golpe de estado que encabezou Primo de Rivera e formou parte do Directorio Militar; foi capitán xeneral de Andalucía e conspirou contra a II República xunto a Sanjurjo. En 1936 o seu, parece que conxénito, espírito conspirador, levouno a encabezar a sublevación militar en Galicia. Emparentou cos Quiroga ao casar con María de las Nieves, a filla da condesa e de Pepiño; voda sonada, pola atención que lle prestou a prensa.

luns, setembro 14, 2020

Outro retrinco de egohistoria. Polo Avieiro de dona Emilia 8.



A casa dos Quiroga 
Neste mirar para atrás os recordos abrollan e volve ao presente un encargo curioso. Quen levaba os asuntos do balneario era un señor moi maior, cando menos para os meus ollos novos, que durante décadas, moitas décadas, administrou algunhas das propiedades dos Quiroga, nomeadamente as de Cabanelas, o pazo de Cabodevila, e as do Carballiño (Balneario e casa dos Quiroga na praza maior) e non sei se algunha máis; coido que non entraba no seu cometido de xestión a casa de Cimadevila, en Banga.

Sabemos que levaba moitos anos no cargo porque na altura de 1935 xa o reflectía Álvaro das Casas nas paxinas de El Pueblo[1]. Corenta e tantos anos  despois seguía no cargo aquel “inteligente maestro” que acompañou o fundador e líder dos mozos “Ultreya”[2] e se chamaba Ángel Pagán.

O administrador informou ao profesor de instituto de que o tostado de Cabanelas regou varias veces a mesa de Isabel II, do famoso roubo na casa de Banga cometido por tres encapuchados a trabucazo limpo e da anécdota do “señorito” andaluz que gabou a augardente dos Quiroga, sentenciando: “buen licor para una borrachera económica, se bebe en un minuto y hace efecto toda la tarde”.

Un día, como en secreto, díxome que tiña que me pedir un favor, que mesmo podería supoñerme ter que testemuñar no xulgado; mais que non me preocupase, o único que tiña que facer era dicir a verdade. Mandoume ir a “súa” casa, á da praza, á que tiña o quiosco da Ángeles Calviño no portal e a droguería do Pallón nun dos baixo dos soportais, á dos Quiroga, aclaroume, que no outro lado está almacenes Gavilán..., subir ao primeiro andar, pedir vez para arranxar unha moa que tiña furada (cousa que non tiña, polo que o de non mentir deixaba de ser certo de partida). Fun, mentres un formigo incomodo comezaba a darme voltas no estómago. Subín aquelas escaleiras, escuras, amplas, de chanzos brillantes polo uso e pasamáns acariñados durante decenas de anos, tamén polas mans escritoras de dona Emilia. Chanteime na porta, pulsei un timbre dourado conectado a un cable groso envolvido nun saio de tea tensa, con liñas brancas e negras ensarilladas en paralelo que gabeaba ata a cima da porta e coábase cara ao  interior nunha penetración sen estridencias. Agardei. Aló ao lonxe, moi ao lonxe, escoitei o breve zunido do timbre. Seguín á espera, uns pasos lentos arrastrábanse por un corredor que se confirmaba longo. Abriume unha señora, maior, á que lle contei as miñas falsas dores molares. Moi atenta díxome que se era moita a dor, podía agardar, pero non me podía dicir canto; se aguantaba que volvese maña. Regresei onda o administrador e púxose contento. Díxome que xa me avisaría se me precisaba. Algún tempo despois demandoume que fose ao xulgado. Tiven que mercar unha camisa nova e un xersei. Agardei nun banco fóra a que me chamasen, pero ninguén o fixo. De súpeto abríronse as portas da sala e un grupo de homes engravatados e con carteiras saíron a escape facéndose chanzas. Cando me pareceu marchei. Logo souben o que pasara. 

Aquel andar tíñao alugado un dentista apelidado Quinteiro, do Deza debera de vir, como anunciaba o gran cartel negro con letras brancas que aínda seguía pendurado do férreo balcón. O dentista falecera. A viúva seguía mantendo o negocio aberto, atendido por un mecánico dentista que formara o seu marido durante décadas e con tanta fama de mañoso que seguía conservando os clientes. O administrador ou ben lle quería subir a renda ou que lle deixase libre a vivenda. Coido que foi isto último, pois algún tempo despois acompañei o  meu pai ao mecánico mañoso que se establecera en Lalín, supoño que ao abeiro dalgún dentista. Ao andarlle a fedellar nos dentes, meu pai desmaiouse. O mecánico asustouse e doulle a cheirar alcol, con tan mala fortuna que nun movemento descontrolado ciscoulle un chorro nos ollos, polo que meu pai ergueuse como un foguete e marchamos deixando o mañoso tremendo como unha vara verde.

As iniciais “J” “Q” que seguen lucindo no portalón
de entrada do balneario corresponderíanse pois con Jorge Quiroga
Daquela eu nada sabía dos Quiroga. Relacionaba aquel nome coas xestións administradoras do meu empregador e doutras persoas que traballaban no balneario ademais de nos eidos de Cabanelas. Co paso dos veráns fun sabendo algo máis, pois, o administrador, xa moi canso, enviábame a facer a transferencia de fin de temporada a “doña Amparito” e mesmo me consultaba se coidaba que os ingresos totais foran máis ou menos como o ano anterior.

Cos actuais medios andei na procura de “doña Amparito” e souben que se trataba de Amparo Quiroga Quiroga, casada co xeneral Gonzalo de Vargas y Fernández de Córdoba. A tal “doña Amparito”, á que se referíao administrador,  era filla de Amparo Quiroga Navia Osorio e de Jorge Quiroga García del Hoyo, nacido en Banga, fillo de Eduardo e sobriño de José Quiroga Pérez de Deza. O último, como dixemos, casou coa condesa de Pardo Bazán. O seu irmán menor, Eduardo,desposouse con María de la Purificación Reynoso, da que enviuvou en 1875, cando a muller tiña 25 anos[3] e, en segundas nupcias, con  María del Carmen García del Hoyo Pardo, nai do primeiro dos Quiroga propietarios do balneario do Carballiño. As iniciais “J” “Q” que seguen lucindo no portalón de entrada do balneario corresponderíanse pois con Jorge Quiroga.



[1]El pueblo gallego, 12/9/1935
[2]Álvaro Casas Blanco (1901-1950) que asinaba como Álvaro de las Casas, ou das Casas fundou a organización xuvenil galeguista “Ultreya”, semellante aos exploradores xuvenís. Para máis información sobre o persoeiro pódese consultar Díeguez Cequiel (2003): Álvaro de las Casas. Biografía, documentos e epistolario. Galaxia, Vigo.
[3]Probablemente falecese dunha enfermidade infecto contaxiosa pois segundo a nova do Diario de Santiago 9/7/1875: “Su cadáver cumplimentadas las operaciones sanitarias, fue encerrado en tres cajas, una de zinc, otra lujosa cubierta de terciopelo y otra exterior de madera, siendo conducido ayer mismo a Cornoces (Orense) en donde debe enterrarse en el panteón propiedad de la familia”. Era filla do exgobernador da provincia de Ourense Justo Maria Reynoso.


venres, setembro 11, 2020

O roxo de Regodauga, o rubio de Barreras ou o mozo da bandeira. Unha historia de vida militante

Xabier Alonso Salgueiro "o mozo da bandeira"

Xabier Alonso Salgueiro, con 16 anos  comezou a traballar no estaleiro vigués de Barreras. Alí fraguou a súa conciencia política. En 1971 préndeno portando unha bandeira galega. Torturado, encarcerado e despedido. Readmitido no estaleiro desenvolverá unha intensa actividade no seu concello natal, Gondomar, onde  deixará unha forte pegada. Falecerá nun tráxico accidente laboral.

Cando Sito, o roxo de Regodauga, veu ao mundo, no verán de 1951, o Val Miñor era un territorio de subsistencia aldeá na que se conxugaban os traballos agrarios coa procura  doutros temporais ou, con sorte, no naval e, máis tarde, na Citroën. Cando naceu a miseria posbélica alongábase e aínda que se abrira a espita cara a América a de Europa seguía pechada.

Cinco anos antes, Churchill acuñara o de “iron curtain”; pouco despois Eva Perón lexitimara o franquismo. Cando tiña dous anos creouse a OTAN e mentres botaba as primeiras carreiras, o Pacto de Varsovia. O mundo dividido en bloques. En 1959 o franquismo era redimido: Eisenhover visitaba a Franco.
Europa converteuse no novo destino para remesar divisas. Alá foi o pai, como tantos. El para Rotterdam. Os floríns de cada nómina representaban unha pequena fortuna. A empresa na que traballou concedía bolsas escolares e a Sito e ao seu irmán mandáronos internos ao ourensán Colexio Menor. A aventura rematou con cadanseu bacará.

Con menos de 17 anos, Xabier, representado polo seu pai, asina o seu primeiro contrato de aprendiz. No estaleiro nacerá un mozo novo que quere saber, descubrir, coñecer, contrastar opinións. Eses degoiros empurrarano a continuar o bacharelato na quenda nocturna. O contraste entre o mundo rural e o mundo industrial pode quedar reflectido na substitución do apelativo. Deixou de ser “o roxo de Regodauga” para pasar a ser “o rubio de Barreras”.

Nos anos de aprendiz achegouse aos ideais de xustiza social, de liberdades políticas, e, por riba de todo, de mellora das condicións de vida dos seus, da súa xente, do que na terminoloxía da época se denominaban “clases populares”.
Pouco antes de que asinase o seu primeiro contrato constituírase en Barreras a primeira comisión obreira; pouco despois Carrero Blanco exercía como líder dun proxecto “continuísta”. Dous anos máis tarde, Juan Carlos era nomeado sucesor de Franco a título de rei. Mais o réxime xa non era monolítico e os movementos opositores cada vez máis fortes.

Cando levaba tres anos  en Barreras, en 1970, o réxime tería que enfrontar o denominado “proceso de Burgos”, no que se  axuizaban 16 mozos de ETA. As nove penas de morte solicitadas, xeneralizaron as protestas. O repudio internacional e as presións diplomáticas, incluíndo as do  Vaticano, sementaron dúbidas no réxime que se apurou a promover mobilizacións. O ditador interpretounas como unha lexitimación da súa autoridade e manobrou para conceder o indulto. O réxime, e Franco en particular, cedía ás presións. Xabier viviu con intensidade aqueles días de mobilizacións baixo a ameaza permanente da brutal represión. Sabémolo porque na sentenza escribiron que  “no transcurso dos meses de xaneiro e febreiro de 1971, difundiu, guindando polo chan (…) abundantes follas (…) subscritas polas denominadas Comisións Obreiras” nas que se facía referencia ao proceso aos “patriotas vascos” aos que a loita “dos pobos de España” lles salvara a vida.

O mozo da bandeira

Naquela altura conformáronse os primeiros xermolos do sindicalismo galego e as novas organizacións políticas nacionalistas foron tomando corpo social. Nesa configuración simbólica da comunidade nacional vai desempeñar o seu papel Xabier, Sito, o “roxo de Regodauga”, o “rubio de Barreras”, que engadirá un novo alcuño á  súa xa longa lista de apelativos, o de “o mozo da bandeira”. Alcume xurdido da reelaboración imaxinada da súa detención e da súa conversión en emblema do rexurdir nacional como xa o fora a bandeira ergueita por A. Villar Ponte na primeira páxina d´A Nosa Terra. A nova bandeira non era alzada pola pluma dun xornalista de mediana idade e clase acomodada, senón por unha man proletaria e xuvenil; non dende unha mesa de redacción senón dende as rúas ocupadas pola policía da ditadura.

Non coñecemos as razóns da convocatoria da manifestación; as fontes varían en función dos presupostos políticos. O máis probábel é que cada quen acollese o motivo que máis lle aquelaba. O caso é que segundo a sentenza do TOP: “sobre as 21 h. do 27 de Abril de 1971, un grupo superior a vinte persoas, sen a pertinente autorización, descorreron aglutinados polo Paseo de Alfonso XII (...), dando berros (...) e esparexendo panfletos”.

Que Xabier erguía unha bandeira galega, confírmanolo  o seu avogado Alfonso Álvarez Gándara quen nos informa:  “Lembro con peculiar precisión que o atestado policial imputáballe ser o portador dunha bandeira galega izada “nun alto puntal” (isto significábao  en canto manifestante), bandeira que era “branca, dun pano asedado, e cruzada en diagonal por unha banda verde”. O daltonismo policial foi un agasallo para o defensor e para Xabier. Álvarez Gándara procurou minimizar a súa  relevancia na manifestación aducindo que a bandeira galega non era ilegal e que a banda que a cruza é azul, polo que un pano branco cunha banda verde carecía de significado político. Na sentenza o TOP ten que agochar o erro policial e non fan referencia ao erguemento da bandeira, mais condénano “en grao de mero participe” por “un delito de propagandas ilegais e outro de manifestación non pacifica. Polo primeiro a multa de 10.000 pts e dous anos e catro meses de prisión; polo segundo, a tres meses. Por suposto interpúxose recurso de casación ante o Supremo por “quebrantamento de forma”, pero este sentenciou que non había lugar.

Calendario carcerario de Xabier
Detido o 27 de abril de 1971, pasou11 días na comisaría. Segundo consta na sentenza estivo detido ata o 18 de xuño. O réxime decretara o “estado de excepción” dentro do permanente estado de excepción  do franquismo.

Aquel verán do 71 tivo que ser moi duro para Xabier. Un mozo de vinte anos cos paus no lombo, a humillación da tortura, expulsado do traballo, incomprendido pola veciñanza, coa policía enriba e a ameaza do que lle farían pasar na mili.. En setembro colle camiño de Ferrol para facer a instruición; logo para Cádiz, onde estará ata licenciarse en febreiro de 1973.

A nova xeira comezaba anubrada. Sen traballo fixo e coa ameaza de que en calquera momento viñesen na súa procura. O que non agardaba era o humillante espectáculo que argallaron. Dous meses despois de rematar a mili, un despregue de gardas civís armados acurralaron a casa paterna; prendérono, baixárono a Gondomar, esposárono na porta do cuartel, no centro da vila, á argola de atar os cabalos, e deixárono alí durante horas  para que todos soubesen que ninguén se podía arrepoñer ao réxime. Ao día seguinte, trasládano á prisión de Vigo, logo á Coruña; despois -a vella cárcere pontevedresa da Parda,  onde cumprirá o resto da condena.

Había que sobrevivir, aproveitar o tempo para a formación cultural e política e tamén para continuar na loita contra a ditadura, reclamando dereitos para os presos ou solicitando a conmutación da pena de morte para Puig Antich.

Ano e medio despois de cumprir a condena era readmitido en Barreras. Comezaba unha nova xeira centrada non na loita sindical e política, o que non empecía da súa participación activa en CCOO ou no PCG, senón no movemento veciñal e na vida municipal de Gondomar. Ningunha actividade social para a mellora das condicións de vida da veciñanza ficarían á marxe da súa entrega solidaria.

Candidatura de CC OO en Barreras. Xabier enmarcado nun polígono
Eran tempos de mudanzas, de novos proxectos e métodos organizativos e políticos. Xabier sería o impulsor dunha proposta veciñal construída a partir de asembleas parroquiais con entidades veciñais, culturais, deportivas, comunidades de auga, de montes, etc. Ao final deu co tempero para remover a política municipal de Gondomar. Mais a traxedia agardaba tras da porta.

Contra o mediodía do 4 de outubro de 1989 Xabier e un compañeiro andaban a traballar, con sopretes de propano, no tanque dun atuneiro. Nun intre víronse arrodeados polas chamas. O  compañeiro puido saír pero a Xabier ninguén o puido socorrer.

Nunca tanta xente se xuntou ao pé do Galiñeiro para acompañar o cadaleito. Vivimos mentres alguén nos recorde. A vida de Xabier será longa.

Organización Obreira

Xabier, a través da Comisión de Barreras, comezou a relacionase coa mocidade do PC. Unha parte significativa da mesma comezou a distanciarse do discurso oficial. Estas tensións tomaron, en Vigo, uns trazos especiais. Entre estes mozos callaron tanto as criticas á posición sobre a crise do movemento comunista internacional como as xurdidas no debate sobre os dereitos nacionais galegos. Nese ambiente abrollou Organización Obreira (O O).

A maioría, ou quizais a totalidade, dos seus integrantes  eran, ou foran, membros da Xuventude Comunista. Todas as fontes confirman a  participación de Xabier. Mesmo seica lle puxo o nome tras unha discusión por un panfleto que non concordaba coas directrices de CC OO, propuxo asinalo cun simple O O. Mais a súa participación tivo que ser moi limitada, pois a maior parte do escaso tempo que durou esta organización, Xabier pasouno na mili ou na cadea.

As fontes sinalan que O O, como acción paralela e organizada que pretendía unha posición máis combativa por parte das CC OO e do PCG, formalizaríase en xaneiro de 1972, disolvéndose en xuño de 1974. Nace pois entre mozos das CC OO de Barreras, Álvarez, Citroën ou ASCON-Ríos. Parece que estivo limitada  a Vigo e caracterizouse por unha concepción vangardista da acción política e sindical.

Tras a súa disolución unha parte regresaría, ou quizais nunca o abandonou, ao PCG (caso de Xabier ou de X. Cameselle), outra parte (os irmáns Araújo, Hierro Chomón...) acabaron por integrarse na OMLE que derivaría no PCE(r)-GRAPO. Un terceiro grupo (Méndez, Chaves, Pousada, Moncho de Barreras...) xunto ao grupo Galicia Socialista, promoveron o SOG, predecesor da actual CIG, e algúns deles integráronse na UPG.

A papel de O O nas folgas de 1972 foi salientábel como axente mobilizador e combativo. As grandes loitas daquela ano na área viguesa estiveron determinadas pola solidariedade cos obreiros ferroláns (marzo), a folga de Barreras (maio) e o conflito de Citröen en setembro.

Publicado en Nós diario 9/9/2020


domingo, setembro 06, 2020

O crime de Lor



O río Lor ao seu paso por Quintiá
Cando Demetrio, contra o mediodía daquela quinta feira, coa pucha calada e as mans nos petos, tirou con paso firme camiño de Quiroga non imaxinaba o que acontecería poucas horas despois.

Rematara de limpar os retretes da estación de Monforte e nun escape achegouse a taberna do Corzo. Baleirou un cuartillo de viño mentres agardaba. Cando chegou o Lara, en silencio, baixaron outro cuartillo e medio. Botáronse fóra e pillaron a senda a bo ritmo. Cando o tren pasaba pola Carqueixada, Demetrio tirou de debaixo da pucha unha carta asinada por Ramón Casanovas que o Lara leu en voz alta. Cando lla devolveu gardouna baixo a  pucha e pasoulle un revolver. Antes do cruce para Bóveda, metéronse polos campos para evitar cruzarse co peón camiñeiro e outros que con el estaban.

A reitoral vista dende a igrexa
Sabémolo ben. “El norte de Galicia” e “El regional” cóntannolo en detalle.Os dous xornais lucenses rivalizaron en informar polo miúdo aos seus lectores,tanto despois do acontecido como cando se celebrou a vista na Audiencia.

O frío metíase nos ósos aquela tarde do 30 de xaneiro de 1902 cando Demetrio Fernández e máis José Lara, “O Topo”, tal e como acordaran o día anterior se puxeron no camiño da reitoral de Quintiá de Lor. Cando chegaron, o Lara agochouse para vixiar e Demetrio dirixiuse á casa do cura.Como non sabía ben dela preguntoulle a unha moza que coidou que se burlaba dela, pois acababa de pasar por diante. Volveu sobre o andado e bateu con estrondo no portalón. Pola fiestra asomou unha muller que lle preguntou que quería. O visitante anuncioulle que portaba unha carta para o crego. A muller descolgoulle unha vara cun pano na punta para que a puxese nel. Ao pouco asomouse o abade que lle preguntou de que familia viña sendo e de que morrera a súa cuñada. O mensaxeiro respondeulle que de “costado con pulmonía” e deullerazón de persoas coñecidas. O crego baixou para franquearlle a porta.

Reitoral de Quintá de Lor. Demetrio bateu na porta que se intúe baixo a parra.
Dende a fiestra faloulle, primeiro a ama e despois o crego.
Do que despois aconteceu temos o relato da criada, unha cativa de entre 12 e 14 anos. O cura acompañou a Demetrio ata a cociña, onde estaban as dúas mulleres, a ama Elvira e a rapaciña Ermitas. Mentres falabano cura púxose a cortar tabaco cunha navalla; foi entón cando Demetrio apuntou co revolver ao cura José Casanovas esixíndolle o diñeiro que tivese. O cura meneou negativo a cabeza e exclamou: home, non fagas iso! Entón o Demetrio pegoulle un tiro que lle entrou polo ollo, di Ermitas, e o matou no momento. O asaltante mandoulle varios tiros ás dúas mulleres que caeron ao chan e despois subiu aos cuartos na procura do diñeiro; remexeu arcas, baúis e caixóns. A  malferida ama descalzouse para fuxir sen meter ruído pero o home regresou á cociña,  ao ver que se achegaba,a muller tirouse de novo no chan, pero o salteador decatouse de que se movera e espetoulle dúas coiteladas que lle levaron a vida, e outras dúas á mociña.

A cativa foi quen de saír da casa e achegarse á de Domingo Aira, onde a súa muller vendoulle as feridas; mentres foron na procura do pedáneo e outros homes para axudar. A rapaza, tras catro semanas nun “vou non vou”, puido salvar a vida.

Os ladróns fuxiron. Do que fixo Lara nada se sabe, ata quen o detiveron.. Demetrio achegouse á vía e aproveitando que o tren tiña que ir a marcha lenta para entrar no túnel da Frieira, subiu ao último vagón. Na acción perdeu o revolver e o coitelo.

Patio interior da reitoral de Quintiá de Lor
Nun primeiro momento coidaron que se trataba dunha nova gavela, polo que arrexuntaron os gardas civís de Monforte, Sarria, Quiroga e o Incio e mesmo se achegou o comandante de Lugo. Mais tantos despropósitos e a sagacidade do cabo de Quiroga, Benigno Araújo López, que chegará, tamén por outros casos, a ser considerado unha especie de Sherelock Holmes lugués, posibilitaron que dous días despois se detivese a Demetrio, ao seu irmán Emilio (escritor da carta)e mais a Lara.

Un ano despois viuse a causa na Audiencia ante un xurado popular elixido por sorteo. Fiscal e defensores luciron a súa oratoria no salón de plenos do concello, cheo ata os topes, e a prensa reproduciu os seus vibrantes discursos. O xurado condenou con todas as agravantes á pena de morte a Demetrio e absolveu a Emilio e ao “Topo” Lara.

As autoridades lucenses solicitaron o indulto, aínda agoniados polo que tiveran que pasar uns meses antes cando se agarrotou a Liborio Pérez no cárcere de Lugo. O indulto non chegou. Demetrio, polo mesmo método que o anterior, deixou de existir o 23 de xaneiro no penal de Burgos. Tiña 26 anos.

Ata aquí un relato de violencia, avaricia e quizais desequilibrio persoal. Demetrio xa penara por verse envolto na morte dun vendedor ambulante. Mais o papel terma do que lle poñen e o tal José Casanovas ocupara tres anos antes espazo na prensa (“El motín” e “El país”) onde o cualificaban como “monstro clerical” coñecido como “O carrizo”, bazuncho cheo de veleno dominado pola murmuradora ama que viaxa a Ourense para visitar un cativo ao que o cura lle paga a súa educación, vociferante, insultante, tirano, bravo e procaz cos fregueses pero non coas mozas que atopaba polos camiños.

Publicado en Nós diario,sábado 5/9/2020







As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario. Polo Avieiro de dona Emilia (7)


Lope Valcárcel Vargas
    Dende finais do século XIX o balneario estaba dirixido por un médico de prestixio no sector da balneoterapia que promovía a través de conferencias e participacións en congresos as bondades das augas salutíferas.

     O doutor David Simón Lorda,que nos achega, con constancia, datos sobre os médicos ourensáns e galegos no seu célebre blog “Diario de un médico de guardia”, déixanos precisa información sobre o director do balneario do Carballiño, Lope Valcárcel Vargas. Resumimos o referido ao seu labor nos balnearios: en 1888 dirixiu o de Molgas; entre 1891 e 1894 o de Caldas de Reis; radicado en Ourense, dirixiu os balnearios do Carballiño e Partovia, entre 1985 e 1901. Nunha entrada no seu blog ten unha magnifica foto dos propietarios xunto co director na porta do edificio; foto que é posíbel se corresponda co día da inauguración do novo edificio[1].

As expectativas dos propietarios non se deberon cumprir e o esforzo económico non debeu achegar os resultados agardados. Ano tras ano as persoas que acudían “ás augas” ficaban por debaixo das mil, o que levou os propietarios a solicitar do ministerio de gobernación unha nova mudanza no calendario, nesta ocasión de redución “fijándola para en adelante en el periodo de 1º de Julio á 30 de Septiembre”, xa que “en virtud de la construcción del nuevo balneario y subida de las tarifas, ha dejado de concurrir la clase labradora que utilizaba las aguas en Junio y Octubre”. O fracaso das expectativas tiña a súa orixe no elevado prezo dos servizos e non nos labores agrícolas. O boletín provincial recolle os datos que achega o director do balneario sobre os bañistas que acoden nos meses de xuño e outubro e pódese comprobar como se reducen ostensibelmente co paso dos anos. O ministro Romanones aproba a modificación solicitada[2].

Nese ano, 1906, regresa á dirección do balneario Lope Valcárcel[3]. A morte do administrador da sociedade, Jesús García Espinosa, en outubro de 1907[4], debeu supoñer tamén un novo contratempo, o que non empece que o balneario continúe aberto e en promoción das súas virtudes salutíferas así como das comodidades que ofrece a vila, como se desprende do seguinte  anuncio que, tras relatar as características das augas e as súas indicacións terapéuticas,conclúe[5]:
Nueva y completa instalación balnearia. Extenso parque y grandes bosques de pinos y castaños. Hospedajes buenos y económicos en el pueblo a pocos metros del balneario. Carruajes desde Barbantes, Orense y Ribadavia.

Publicado en Badalnovas 5/9/2020


[2]Boletín oficial de la provincia de Orense, 18/6/1906.
[3]El eco de Santiago, 30/6/1906.
[4]El eco de Santiago, 23/10/1907.
[5]El eco de Santiago, 11/9/1909.

luns, agosto 31, 2020

Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario. Polo Avieiro de dona Emilia (6)

Sala de inhalacións. Ao fondo o director Lope Valcárcel
Carecemos de datos fidedignos para establecer unha relación entre a alleación do  balneario e do lavadoiro coa nova que insire o Eco de Santiago poucos días despois da publicación do acordo para celebrar a poxa. Rememoremos con brevidade o proceso temporal: acordo do “Real Consejo” (19/12/1894);  acordo do pleno municipal (9/2/1897); publicación no boletín provincial (4/3/1897); resolución da poxa o 29 do mesmo mes e ano.

A prensa fíxose eco do incendio, ocorrido o 11 de marzo de 1897, unha semana despois de que o concello acordase poñer o balneario en almoeda, na casa do alcalde Edelmiro Valdés. Aínda que “fue sofocado inmediatamente” o xornal non deixa de sinalar que o xulgado instruía dilixencias por “crerse que el siniestro fue intencionado”[1].

O vello balneario e mais o predio que se lle engadiu non tardaría en venderse por sete mil duros, só 2.000 e pico pesetas máis que o prezo de saída da poxa[2]. O acordo semellaba pechado de antemán.

Mentres, a concorrencia de ilustres da vida política ou relixiosa non se detiña. Se antes citamos o  “liberal” Riestra, agora tocaba a quenda do “conservador” Besada[3] que chegou para tomar as augas en agosto dese ano, 1897; mentres, polo setembro, facíao  o excelentísimo sr. bispo de Ourense[4].

Os novos propietarios queren tirarlle rendemento ao investimento e coidan que os beneficiaría ampliar a temporada de baños, comezándoa o 10 de xuño e prolongándoa ata o 15 de outubro. Para que lla concedan  argúen que así favoreceríase a concorrencia dos campesiños, pois a tempada oficial (de 1 de xullo a 30 de setembro) coincidía cun período moi atarefado para as xentes labregas. Non tardaron en conseguir a autorización do gobernador, aínda que tampouco en solicitar o regreso ao calendario anterior ao decatarse de que o escaso aumento no número de “agüistas” non compensaba os gastos de apertura[5].

O investimento comprometido estábase a realizar e o moderno edificio prevíase concluír, como así foi, para a tempada de augas de 1900.  O xornal compostelán El eco[6] recolle o relato do acto inaugural, así como unha descrición do edificio:
Suntuoso y elegante, el edificio es una verdadera obra maestra, cuyo coste se eleva a unos treinta mil duros.
Es de sillería, estilo románico y su fachada mide 52 metros de largo por seis de alto. Se han empleado en la construcción dos años aproximadamente, trabajando de ordinario un número de obreros que oscilaba entre treinta y cuarenta.
Las instalaciones interiores están hechas con gran precisión, no habiéndose echado de menos precepto alguno de cuantos indican las ciencias físicas para este género de establecimientos.
En los bajos del edificio se halla toda la maquinaria; en el principal están los depósitos de agua caliente; en el segundo, los de agua fría; y en el tercero, o sea en la torre, el depósito de alimentación de los demás distribuidos por las galerías y departamentos.

O edificio bendiciuno, en nome do bispo, o maxistral cóengo Bernardo Carrascal, acompañado polo párroco Crisanto Fernández, en presenza do alcalde Crisanto Cea, o farmacéutico Sr. Sieiro, o médico Antonio García Espinosa e outros colegas de profesión e unha ampla representación da prensa, na que figuraba o futuro crego Basilio Álvarez.[7]

Sentados, de esquerda a dereita,  Jesús García Espinosa, administrador; 
César Pereira Munín e,  coidamos, o médico e irmán do administrador, José.
De pé, Tomás Castro Mosquera e o  director Valcárcel. (J. Pacheco, c.1901-1902)
A quenda dos discursos abriuna un dos propietarios, Jesús García Espinosa, e o director, o médico Lope Valcárcel Vargas[8]. Este último gabou os promotores por fuxir do “venal caciquismo que todo lo corrompe, degrada y aniquila”. Tomaron tamén a palabra o doutor Carrascal e os tamén médicos ourensáns Enrique Otero e José Rionegro. O farmacéutico Sieiro resaltou que as melloras realizadas na vila se deben unicamente aos seus fillos que fixeron “la historia de Carballino en los cincuenta últimos años”. Pechou os relatorios outro dos propietarios, César Pereira Munín.

Ademais deste último e o mencionado Jesús García Espinosa, administrador do balneario, eran tamén propietarios o irmán médico deste, José, e mais Tomás Castro Mosquera.

Publicado en Badalnovas 29 de agosto de 2020




[1]El eco de Santiago 12/3/1897.
[2]La correspondencia de España, 28/3/1897. Época, 13/4/1897.
[3]Augusto González Besada (1865-1919). Ministro de facenda, de gobernación, de fomento; gobernador civil e presidente da deputación de Pontevedra; deputado case permanente pola circunscrición que lle cadrase. Conservador da facción “maurista”. Ao falecer “deixou” no seu sitio de deputado o  seu fillo Carlos, que prolongou durante anos o dominio familiar do aparato conservador na provincia de Pontevedra. Se Afonso XIII premiou os servizos de Riestra cun marquesado, a Besada concedeulle un condado, o de González Besada.
[4]La correspondencia de España, 20/8/1897 e 12/9/1897.
[5]Boletín oficial da provincia de Ourense, 23/7/1898
[6]El eco de Santiago 19/6/1900.
[7]Os medios citados son os ourensáns: El Miño, El eco de Orense, El ribadaviense; Época de Madrid e os vigueses: Faro de Vigo, La concordia e El independiente. Basilio Álvarez representaba a La nueva época de Ourense.