domingo, xuño 20, 2021

A máis agardada

 

    Juan González, Paco Ferreira, Carlos Méixome e Antón Mascato. Foto: Cruz López

Era a presentación das Catas… por min máis agardada. No “Lois Tobío de Gondomar”, no auditorio que axudamos a nomear para recoñecer a vida de compromiso coa cultura e a nación cidadá galega do diplomático viveirense que nos forneceu coñecementos múltiples de don Diego de Gondomar, aquel que  deixou escrito na súa celebre carta ao secretario de estado da monarquía hispana, o tamén galego Andrés de Prada, “sólo el morir como cristiano y como fidalgo gallego deseo”. Na vila que nos acolleu hai ben tempo, en presenza dos meus fillos e netos e da familia ampla, e rodeado de amizades que foron medrando cos anos e o respecto persoal. Onte venres pasamos ese transo arroupado por dous amigos de longo percorrido, un que sempre turrou de min para aguilloar a este boi pousón. Outro que espertou o meu interese pola recuperación da memoria dos derrotados, das perseguidas e humilladas, dos que non teñen nome, dos ninguneados, escribiu un día o meu fillo na memoria Uxío, que acabaría converténdose para min nunha angueira, mesmo vital. Con ambos tiven o pracer de participar nos primeiros e atoutiñados pasos do Instituto de Estudos Miñoráns, xunto a outros lembrados onte e presentes na memoria inmortal como Nano Cambeiro, María Xosé González ou Alfonso Soliño. Estou a falar, respectivamente, de Antón Mascato e de Juan González que onte, na casa, fixeronme de padriños.

Foto: Ollomol

A ambos milleiros de cumprimentos; aos amigos e amigas que acudiron outro tanto e tamén a aqueles e aquelas que, contra o seu desexo, por un ou outro motivo, non o puideron facer.

Graciñas ao alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, que non só axudou a difusión do libro coa lectura pública do mesmo no seu día e o espallou por centros educativos e culturais, senón que mesmo se preocupou, en persoa, de que no auditorio todo estivese en perfecto orde e todo funcionase como era debido.

Foto: Cruz López

Foto:Ollomol



Déixovos unhas imaxes do acto tiradas por Ollomol de Gondomar e a amiga Cruz López.

Beizón a todos e todas.

Foto: Cruz López

Foto: Cruz López

Ningún comentario:

Publicar un comentario